Venres negros, condena por vulnerar a folga do 8-M e dimisións de presentadores: a Feijóo incéndiaselle a TVG

Feijóo no programa Land Rober da TVG Dominio Público PP de Galicia

A TVG vive horas convulsas. Dous dos seus presentadores máis coñecidos, Alfonso Hermida e Tati Moyano, as caras do Telexornal Serán, presentaron a súa dimisión o venres da semana pasada en desacordo coa política informativa no medio dun clima xeral de protestas contra a manipulación e o control da información que exerce o Goberno de Alberto Núñez Feijóo. Os venres negros iniciados por un grupo de mulleres en TVE prenderan unhas semanas antes na canle galega onde decenas de profesionais se concentran vestidos de negro o último día da semana laboral para logo  amplificar as súas reivindicacións nas redes sociais.

A renuncia dos presentadores do Telexornal Serán por diferenzas coa política informativa aviva as protestas nos medios públicos

A dirección da canle tenta minimizar as protestas prohibindo a subcontratas como Overon, responsable das conexións en directo, que os seus reporteiros vistan de negro os venres. Unha instrución que tamén recibiu a empresa madrileña Acicala, que se encarga do estilismo en TVG, e que impediu aos dous presentadores dimisionarios secundar a reivindicación do resto de compañeiros. Os venres o negro está vetado nos armarios da televisión pública. O resto da semana os presentadores poden lucir esa cor sen maior problema.

Moyano e Hermida son dous profesionais moi respectados na casa e segundo fontes da redacción mantiveron constantes disputas ao longo do último ano cos editores de informativos pola orde das escaletas e o tratamento de distintos acontecementos políticos. El xa fora noticia en 2011 por presentar un telexornal reivindicativo na rúa rodeado de boa parte do persoal que serviu para denunciar a falta de liberdade coa que traballaban os traballadores dos medios públicos e reclamar independencia do poder político. Tras aquel acto simbólico Hermida foi apartado dalgunhas coberturas especiais, mesmo dunha noite electoral, pero a dirección da TVG sempre negou que se tratase de represalias. O pasado outono, tras varias tempadas na sección de deportes, foi recuperado para presentar o informativo da tarde xunto a Moyano.  

A dirección da CRTVG vén de ser condenada por vulnerar o dereito de folga dunha traballadora á que decidiu substituír o día do paro feminista do 8-M

Ademais, a dirección da CRTVG, que preside desde hai nove anos Alfonso Sánchez Izquierdo, xornalista ben relacionado co PP e cuxa designación non foi apoiada por ningún outro grupo no Parlamento galego, vén de ser condenada por vulnerar o dereito de folga dunha traballadora á que decidiu substituír o día do paro feminista do 8-M. Os comités de empresa pediron a súa dimisión repetidamente, a última vez o pasado outubro pola cobertura da vaga de incendios na que morreron catro persoas pola tardanza do ente público en reaccionar aquel domingo en que ducias de vilas se viron rodeadas polo lume.

Os deputados da oposición recibiron este venres no Parlamento galego a Sánchez Izquierdo vestidos de negro en solidariedade cos traballadores que se manifestan dentro da corporación. E repetiron as súas duras críticas contra a propaganda e o ton xeral da información da televisión e a radio públicas e culparon directamente a Mar Sánchez, secretaria xeral de Comunicación da Xunta e persoa da máxima confianza de Feijóo. Sánchez Izquierdo asegurou que nunca recibira unha chamada desde a Xunta para influír nas informacións que emiten os medios públicos. E atribuíu as queixas dos empregados a que os traballadores da corporación "son plurais, con xente de moitísimas cores" (sic) e "teñen as súas conviccións e as súas ideas, uns opinan unhas cousas e outros opinan outras".

Segundo a representación dos traballadores, o control informativo e a propaganda a favor de todo o que soe a PP agrávanse cada vez que se produce unha crise que pode carrexar consecuencias políticas

Segundo a representación dos traballadores, o control informativo e a propaganda a favor de todo o que soe a PP agrávanse cada vez que se produce unha crise que pode carrexar consecuencias políticas. Hai só unhas semanas, cando se coñeceu o veredicto do caso Gürtel, a redactora xefa e presentadora do telexornal do mediodía, Marta Darriba, deu instrucións aos seus redactores para que a duración máxima do vídeo da sentenza do caso Gürtel non excedese os 40 segundos. Ao final, a noticia sobre a condena durou 15 segundos máis e obviou tanto a condición de ex-alto cargo do PP galego dun dos principais condenados, Pablo Crespo, como a cantidade da que segundo o tribunal da Audiencia Nacional se lucrou o Partido Popular, máis de 200.000 euros para pagar campañas electorais. Na cobertura total do caso, que durou cinco minutos, emitíronse seis reaccións políticas, catro delas de dirixentes do PP, incluído Rajoy que saíu dúas veces.

Izquierdo deu a entender no Parlamento que a información daquelas instrucións por escrito desvelada por eldiario.es foi un intento de "manchar a traballadores aos que se fixeron imputacións que non eran verdade".

A sobreprotección do presidente da Xunta alcanzou o seu grao máximo en marzo de 2013, cando El País desvelou a amizade que durante anos mantivera o presidente da Xunta a finais dos 90 co narcotraficante, Marcial Dorado

Casos similares a ese repetíronse nas tres lexislaturas que leva gobernando Feijóo. A sobreprotección do presidente da Xunta alcanzou o seu grao máximo en marzo de 2013, cando El País desvelou a amizade que durante anos mantivera o presidente da Xunta a finais dos 90 co narcotraficante, Marcial Dorado. O informativo de fin de semana da Radio Galega entrevistou aquel domingo o líder do PP galego en directo por teléfono. Despachou o asunto con tres preguntas: "Mantén vostede relación con Dorado? Por que se publican agora estas fotos? Pensa iniciar accións para defender a súa honra?". A entrevista completa pode escoitarse aquí.

Protesta nun venres negro

Feijóo prometeu despolitizar a CRTVG pero chegou a facer xefa de informativos a unha interventora do PP

Nin as sucesivas protestas do persoal, cada semana máis numerosas, nin as iniciativas parlamentarias da oposición -PSdeG, En Marea e BNG censurando que a canle se convertese nunha tele de partido e reclamando un verdadeiro servizo público- lograron socavar o férreo control dos medios públicos polo Partido Popular que ten fío directo co director xeral que designou e inflúe nos nomeamentos, ascensos e contratacións dos medios públicos. Na sombra está Mar Sánchez, alter ego de Feijóo desde hai 20 anos e a súa todopoderosa secretaria xeral de Comunicación.

Segundo fontes internas da Corporación, a designación dos cargos directivos non só se lle consulta senón que as súas recomendacións son tidas moi en conta á hora por exemplo de contratar e despedir comentaristas para os faladoiros, claramente inclinados cara ao PP. Mar Sánchez e o seu equipo, que está moi encima de todo o que sucede na TVG, non viron inconveniente en nomear unhas semanas despois da chegada de Feijóo á presidencia da Xunta en 2009 a unha xefa de informativos, Pilar Bermúdez, que fora interventora do PP nunhas eleccións municipais. Desde aquela as xefaturas estiveron ocupadas sempre por profesionais afíns ao partido e tanto a radio como a televisión nutríronse nos espazos de opinión e mesmo nos cargos intermedios de xornalistas chegados da edición galega do ABC, un xornal cunha audiencia residual en Galicia, segundo confirman os datos de OJD e EGM.

Feijóo desenténdese de responsabilidades: "Eu non dirixo a TVG", dixo este xoves

Este xoves o presidente galego desentendíase ante a prensa de calquera responsabilidade na televisión autonómica. "Eu non dirixo a TVG, non teño competencias", dixo na rolda de prensa posterior á reunión do seu Goberno preguntado polas críticas dos profesionais da canle pública. O presidente galego dixo non ter "nin idea" sobre que presentadores son "ratificados ou cambiados" pola dirección da corporación de medios, cuxo director xeneral mantense no posto co único apoio do PP e despois de que este partido emendase a súa propia lei para eternizalo no cargo e saltarse a obrigación de que sexa elixido por unha maioría parlamentaria reforzada.

Da promesa de Feijóo en 2009 de  desgobernamentalizar os medios públicos a través dun programa electoral -fraguado durante os seus anos de oposición na que acusaba aos medios públicos de estar ao servizo do bipartito- non queda nada.

"Os cinco sindicatos representados coincidimos en que é o peor momento de pluralidade informativa na televisión e na radio"

Raquel Lema forma parte do Comité Intercentros en representación do sindicato  CUT e sostén que o control das noticias nos medios públicos non resiste comparación con ningunha outra época nos seus 32 anos de historia, nin sequera durante os gobernos de Manuel Fraga, en que se produciron graves escándalos de manipulación: "Os cinco sindicatos representados coincidimos en que é o peor momento de pluralidade informativa na televisión e na radio. Xa hai un criterio unificado do control da información. A radio houbo un tempo en que escapaba á manipulación. O director xeral está nunha situación anómala grazas a unha modificación legal na lei de acompañamento dos orzamentos. O fastío é moi grande e é o momento de que a redacción dea un golpe na mesa".

A versión oficial da TVG sobre a renuncia dos dous presentadores é que non hai versión oficial. O director de Proxección Social da compañía, Xaime Arias, non respondeu ás preguntas de eldiario.es nin de Praza.gal sobre os últimos acontecementos na canle. Fontes próximas á dirección deslizan en privado que a renuncia dos dous presentadores da edición de tarde do telexornal é preventiva porque a canle xa decidira prescindir de Alfonso Hermida e Tati Moyano polas súas baixas audiencias e que os dous xa sabían que a dirección estaba a facer castings para substituílos.

Desde o sindicato CUT, Raquel Lema desmente esas afirmacións: "Non entendo como casan esas escusas coas noticias de autobombo, oito ou nove, durante o último curso, que se emitiron nese mesmo informativo para presumir das súas audiencias. É inaceptable que se intente desprestixiar a marca e humillar a traballadores aos que chamaron polo seu prestixio para tentar recuperar a imaxe da cadea. E mente quen di que sabían que ían ser relegados en setembro porque nese casting díxose aos aspirantes que era para dispoñer de presentadores para facer substitucións e cubrir vacacións. No caso de que lles preocupen as audiencias, farían mellor en sacar aos cargos intermedios que ficharon do ABC para establecer un control político das noticias".

Os martes e os xoves as concentracións do persoal é contra a supresión das desconexións locais dos informativos e a cancelación do Diario Cultural

Mentres tanto, os traballadores seguen organizándose. Os martes e os xoves montan concentracións contra a supresión das desconexións locais dos informativos de TVG e a recente cancelación do Diario Cultural tras 28 anos de emisión. E os sindicatos buscan amplificar a protesta mediante accións conxuntas cos seus compañeiros do veciño centro territorial de Televisión Española en San Marcos.

Alfonso Hermida e Tati Moyano © CRTVG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.