Vigo: Caballero contra todos

Porto de Vigo © Praza Pública

Vigo é a meirande cidade de Galicia. Cidade atlántica, obreira e moderna, sentiuse en moitas ocasións na historia recente de Galicia algo esquecida nas políticas públicas e na propia estruturación do país dende o inicio da autonomía. Adoita lembrarse a anécdota de que nunha enquisa publicada a comezos da década dos noventa os vigueses e viguesas, malia as rivalidades, afirmaban preferir como alcalde da súa cidade ao coruñés Francisco Vázquez. Semella que admiraban nel un estilo de goberno duro e defensor dos intereses e lobbies locais, ata chegar a un certo caudillismo. Semella que vinte anos despois Abel Caballero, na súa práctica como alcalde e, recentemente, nalgunha entrevista ("Paco Vázquez fue un gran alcalde") ten acabado por ocupar ese (pode que reclamado) papel.

En 2007 e 2011 o PP foi a forza máis votada, obtendo 13 dos 27 concelleiros e ficando a un da maioría absoluta, pero nesta ocasión as expectativas dos populares son menores. Caballero situou o seu obxectivo nestas eleccións en, primeiro, superar a Elena Muñoz e, segundo. acadar unha maioría absoluta que lle permita gobernar sen depender dos acordos que ao longo desta lexislatura estableceu co BNG, na primeira metade, e co PP na segunda. A pesar de que as perspectivas para o candidato socialista son boas, semella complicado que chegue aos 14 edís, sobre todo tendo en conta a crecente fragmentación política, que nestes comicios se deixará ver, sobre todo, na posible entrada no consistorio da Marea de Vigo e Ciudadanos.

Caballero, moi sinalado dende a esquerda e dende moitos dos colectivos veciñais da cidade, que lle critican unha actitude despótica en moitos dos conflitos creados nesta lexislatura, consegue arrastrar, no entanto, un importante continxente de voto que noutro tipo de comicios non apoia o PSdeG-PSOE. É por iso que mentres nas últimas eleccións ao Parlamento galego ou nos comicios europeos do pasado ano o PP foi a forza máis votada na cidade, moi probablemente a vitoria caerá do lado socialista nesta ocasión.

Estes resultados, sobre todo o das europeas (cando a suma de AGE e Podemos tería sido a forza máis votada), tamén lle permitirían soñar cun moi bo resultado ás candidaturas cidadás, nomeadamente á Marea. Xa en 2011 Esquerda Unida quedou ás portas de obter un concelleiro. Porén, a decisión do círculo de Podemos de non apoiar candidatura ningunha rebaixa algo as opcións da lista liderada por Rubén Pérez. O BNG, que na actualidade ten tres concelleiros e estrea candidato, o sindicalista Serafín Otero, pelexará por manter a súa actual representación, aínda que as sondaxes estiman un pequeno descenso.

Unha das grandes incógnitas das eleccións é o resultado que poida obter Ciudadanos, que comezou a campaña con enquisa que lle auguraban un bo resultado, obtendo ata tres edís, pero que a dez días dos comicios viuse obrigado a mudar o seu candidato, Jorge Portela, que permaneceu alleo á campaña dende o comezo, ocupando o seu lugar María Josefa Casado. Nas europeas do pasado ano Ciudadanos e UPyD sumaron na cidade máis de 6.700 votos, preto das cifras do BNG e case a metade dos obtidos por Podemos.

 

Catro anos

En 2011 Abel Caballero mantivo o seu posto na alcaldía grazas aos votos do BNG que, con todo, rexeitou entrar no Goberno municipal e advertiu que eses votos, que evitaban un goberno de Corina Porro, non era "un cheque en branco". Iniciouse unha lexislatura na que PSdeG-PSOE gobernaba en minoría, chegando a acordos puntuais cos nacionalistas. Porén, xa no outono de 2013, exactamente no ecuador do mandato, socialistas e populares achegaron posicións, comezando a votar en común en varios asuntos. Pouco despois, na primavera de 2014 o apoio do PP lle permitía a Caballero sacar adiante os orzamentos municipais, rompendo definitivamente a relación entre PSdeG-PSOE e BNG.

No haber de Caballero está o control das contas da cidade, que presenta o menor nivel de débeda por habitante entre as sete urbes galegas, fronte á situación por exemplo de Compostela, Ferrol, Ourense ou A Coruña, con cifras que mesmo duplican ou triplican os niveis de Vigo. O actual alcalde fai tamén bandeira das numerosas obras de embelecemento e humanización que levou a cabo nos últimos anos e que, nas súas propias palabras, "son máis que un factor estético" xa que supoñen "a definición da autoestima". 

O candidato socialista empregou tamén como arma política contra o PP un dos principais problemas que sofre Vigo e toda a súa comarca: a falta de camas hospitalarias e infraestruturas médicas e as excesivas listas de espera. E, de igual xeito, envolveuse na enseña localista para demandar un maior apoio da Xunta para o aeroporto de Peinador ou a conexión directa de AVE entre Vigo e Madrid a través de Cerdedo.

O principal problema de Vigo, no entanto, coma na meirande parte do país, é a situación económica, o desemprego e as cifras de pobreza e exclusión social. Vigo presenta, detrás de Ferrol, as maiores cifras de paro e de descenso de cotizantes de toda Galicia. En total, dende o inicio da crise, a cidade olívica perdeu 23 mil traballadores e traballadoras, máis do 18% do total, e toda a súa comarca viu desaparecer 42 mil postos de traballo. O afundimento de Pescanova foi un duro golpe, e tamén a industria do automóbil sufriu a crise económica global. O naval continuou o seu declive, só freado en último termo e de forma parcial con algúns contratos, coma os de Pemex. De feito, a incorporación de Vulcano ao traballo, este mesmo mes, permite que por primeira vez en moitos anos todos os estaleiros da ría teñan algún tipo de actividade, pero dende logo a cantidade de empregos xerados está moi lonxe nos niveis de hai non hai tanto tempo.

As críticas as Caballero céntranse, sobre todo, nunha forma de gobernar que moitos colectivos sociais e forzas de esquerda cualifican de "despótica", falta de diálogo e na que, engaden, en moitas ocasións primaron as concesións a grandes empresas sobre as políticas sociais. Dende os conflitos que mantivo e aínda mantén con numerosas asociacións de veciños, comezando pola de Teis, pasando polo proxecto -paralizado de momento- de construción dun megacentro comercial nos montes comunais de Cabral, o enfrontamento coa veciñanza de Coia por mor do gasto xerado pola instalación do barco Bernardo Alfageme, a teima por manter a franquista Cruz do Castro contra o criterio inicial do TSXG, a política urbanística ou os elevados niveis de pobreza no Concello, que contrastan co importante gasto en obras públicas e actuacións de embelecemento urbano.

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.