A pesar de que as enquisas previas non anticipaban grandes movementos de voto, algo pasou nas eleccións do 26X en Galicia, que se saldaron, en termos globais cun ascenso do PP (+34 mil votos), descensos de En Marea (-65 mil), BNG (-25 mil) e Ciudadanos (-15 mil) e unha relativa estabilidade nos apoios a PSdeG-PSOE (-5 mil), ademais dun crecemento da abstención (+80 mil). Resulta imposible coñecer con exactitude os distintos transvases, mobilizacións e desmobilizacións de electorado que deron lugar a estes resultado, pero pódense aventurar algunhas hipóteses a partir da comparación das variacións de cada forza política nos distintos concellos do país.
Estudando as correlacións dos resultados atopamos algunhas tendencias significativas, que nos achegan algunhas pistas. Podemos tamén establecer submostras, para tentar detectar tendencias distintas nos concellos máis poboados e menos poboados, espazos que podemos identificar grosso modo coa Galicia urbana e rural. Achamos, pois, os coeficientes de correlación globais para o conxunto dos 314 concellos, para os 100 concellos máis poboados (que suman 2,27 millóns de habitantes), para os 214 menos poboados (que suman medio millón de habitantes) e tamén para as 34 cidades e vilas con máis poboación (un total de 1,63 millóns), un retrato da Galicia máis urbana.
314 concellos | 214 menos poboados | 100 máis poboados | 34 máis poboados | |
---|---|---|---|---|
PP-PSOE | -0,4669 | -0,4934 | -0,5066 | -0,2288 |
PP-Cs | -0,1825 | -0,1772 | -0,2143 | -0,5109 |
PP-EnMarea | 0,0433 | 0,0642 | -0,064 | -0,2259 |
PSOE-EnMarea | -0,2059 | -0,0656 | -0,4434 | -0,6914 |
PSOE-Cs | -0,1063 | -0,0666 | -0,2409 | -0,3619 |
EnMarea-BNG | -0,5920 | -0,6378 | -0,5288 | -0,6055 |
Que nos din todos estes datos? O coeficiente de correlación permite analizar a relación entre dúas variables, de xeito que canto máis se achegue o resultado a 1 (ou -1), iso indicará que unha e outra están relacionadas (directa ou inversamente); en cambio, un resultado próximo a 0 dinos que non existe relación ningunha. Pois ben, a partir destes cruces, podemos establecer algunhas hipóteses e unhas posibles conclusións, que deben ser tomadas con cautela, simplemente como unha posibilidade aparente, á vista dos datos:
- Houbo un transvase de voto do PSOE cara ao PP nos concellos pequenos e rurais. O coeficiente nos 214 concellos menos poboados é bastante elevado (-0,4934) e indica unha correlación negativa. É dicir, alí onde máis subiu o PP, máis baixou o PSOE, e viceversa. Con todo, observando con detemento os datos, vemos como os socialistas melloraron os seus resultado sobre todo nas cidade e nas vilas, polo que podemos interpretar que na Galicia rural os hipotéticos transvases beneficiaron aos populares. Nas cidades a correlación PP-PSOE é moito máis pequena (-0,2288), pero si crece nunha submostra dos concellos situados entre o 36 e o 100 en poboación (0,5781).
- Nas cidades e vilas o transvase foi de En Marea cara ao PSOE. O coeficiente nos 100 concellos máis poboados é elevado (-0,4434) e aínda o é máis nos 34 con máis habitantes (-0,6914). É dicir, onde máis baixou En Marea, máis subiu o PSOE. En cambio, nas localidades máis pequenas esa correlación non se detecta, sendo o resultado próximo a 0 (-0,0656). Isto non implica unha fortaleza de En Marea na zona rural (onde os seus resultados eran e son modestos), senón máis ben unha dificultade á hora de consolidar a unha parte dos votos recibidos o 20D nas cidades e vilas.
- Houbo transvases de Ciudadanos a PP e PSOE nas cidades e vilas. O partido laranxa comportouse peor nos concellos máis grandes e nestas 34 localidades os seus resultados manteñen unha correlacións cos dos populares (-0,5109) e os dos socialistas (-0,3619) que non se detecta na Galicia rural (un pouco co PP: -0,1772, pero moi próxima a 0)
- Houbo transvases de BNG a En Marea. Tanto nas 34 cidades e vilas meirandes (-0,6055), coma nos 214 concellos con menos habitantes (-0,6378), existe correlación inversa entre os resultados dunha e doutra forza. É dicir, onde máis baixou o BNG, En Marea obtivo mellores resultados. Esta correlación foi algo máis pequena (-0,4934) nos concellos de tamaño medio, con poboacións entre 6 e 15 mil habitantes.
Poderiamos completar a análise coa participación. A abstención foi unha das grandes protagonistas da xornada electoral en Galicia (e no conxunto de España), cun incremento de 3.4 puntos na nosa comunidade. Como vimos nestoutra análise o descenso da participación afectou á maior parte do país, agás a un numeroso grupo de concellos das zonas rurais de Ourense e Lugo. O cruce dos datos amósanos unha pequena correlación entre o tamaño dos concellos e a evolución da participación (-0,1042); é dicir: a máis poboación, maior caída da participación. E , sobre todo, entre a participación e a idade media dos concellos (0,4462); é dicir, a menor idade media, maior caída da participación.
Atopamos que a máis poboación, maior caída da participación. E que a menor idade media, maior caída da participación
Se aceptamos a hipótese de partida de que é nos concellos máis novos onde En Marea obtén os seus mellores resultados (coeficiente de correlación entre a súa % de voto e a idade media do concello =-0.7752), poderiamos inferir que o crecemento da abstención prexudicou especialmente a esta candidatura, e tamén ao BNG. E que, á inversa, a mobilización do voto que se produciu nalgunhas localidades rurais beneficiou ao PP (coeficiente de correlación entre a súa % de voto e a idade media do concello =0.6373).
En Marea baixou nos concellos novos, pero seguen sendo as súas prazas fortes
Canto máis novo é o concello, mellor resultado obtivo o PSOE en relación co 20D. Mentres que canto máis novo é o concello, máis empeorou En Marea o seu resultado
Cruzando os datos, podemos achar algunhas relacións entre o comportamento de cada forza e a idade media dos concellos, sobre todo no caso de En Marea e do PSOE. Canto máis novo é o concello, mellor resultado obtivo o PSOE en relación co 20D (coeficiente idade/variación do voto = -0.3716), mentres que en Marea presenta a correlación contraria (coeficiente = 0.3047), o que amosa que canto máis novo é o concello, máis empeorou En Marea o seu resultado do 26X. Nos restantes partidos non hai variacións significativas en función da idade media das localidades.
Aínda así, En Marea mantén unha distribución do voto polo territorio na que destaca a súa fortaleza nestes concellos con medias de idade baixas (correlación = -0.7752), é dicir: a menos idade, máis voto. O mesmo lle sucede a Ciudadanos (-0.7811). No extremo contrario está o PP (0.6373), que segue a ser máis forte canto máis avellentado é o concello. No medio, PSOE (0.1443) e BNG (-0.2792) presentan valores máis próximos a cero.