Xosé Mosquera, de CxG, será o candidato á alcaldía de Ourense en Común

Reconto nas primarias de Ourense en Común © Ourense en Común

Xosé Mosquera será o candidato á alcaldía pola plataforma Ourense en Común. O membro de Compromiso por Galicia (CxG) foi o elixido nunhas primarias históricas desta plataforma cidadá e nas que participaron máis de 1.500 persoas durante a pasada fin de semana. O representante da formación galeguista foi o máis votado, mentres que a segunda na lista electoral será Ana Bande, secretaria local en Ourense do mesmo partido.

Dous membros de CxG, Xosé Mosquera e Ana Bande, liderarán a candidatura cidadá de Ourense en Común

Xa que logo, serán dous militantes de CxG os que liderarán unha candidatura que foi a elixida polas 1.586 persoas que participaron no proceso interno con máis participación dos celebrados até o de agora nas diferentes mareas cidadás que se presentan ás eleccións municipais. Xosé Mosquera fora elixido candidato á alcaldía por Compromiso nas primarias internas da formación galeguista, na que se integrou hai tres anos xunto ao PNG, do que era secretario xeral.

Profesor de Dereito Constitucional na Universidade de Vigo e interventor na Deputación de Ourense desde hai vinte anos, Xosé Mosquera, de 58 anos, militou tamén no Partido Galeguista desde finais dos anos 70, en Coalición Galega e, como membro do Partido Nacionalista Galego, no BNG. É vicepresidente económico e tesoureiro da Federación Galega de Tenis e forma parte da executiva de CxG.

Ourense en Común destaca xa a alta participación e as posibilidades de obter un excelente resultado nas municipais

Mosquera superou en apoios de entre os candidatos a liderar a lista a un dos grandes favoritos, o líder veciñal Miguel Doval por menos de 30 votos. O candidato de CxG obtivo 435, fronte aos 407 de Miguel Doval. Máis lonxe quedou Lito Prado, con 284, Carlos Miguélez (160),Martiño X. Vázquez (121), Marcos Guimarey (71), Alberto Fernández Posa (29) e Rosendo Fernández (3). 

A elección de Mosquera únese aos candidatos confirmados doutras mareas, como Luís Rei na de Pontevedra, Xulio Ferreiro na Atlántica da Coruña, Rubén Pérez na Marea de Vigo ou Martiño Noriega -á espera de ser referendado- en Compostela Aberta. 

En canto ao resto da lista, no terceiro posto queda Martiño Xosé Vázquez, seguido de Ledicia Piñeiro, de EU, e o líder veciñal Miguel Doval. Nos postos 6 e 7 da lista electoral sitúanse Tania Bouzo e Daniel Conde, ambos os dous de Anova. Os resultados ao detalle daranse a coñecer ao mediodía deste luns e fontes de Ourense en Común xa amosan a súa "satisfacción" por un proceso interno cunha elevada participación e que "sitúa a plataforma como importante actor político na escena municipal da cidade", así como con posibilidades de ter un excelente resultado. De feito, destacan que os máis de 1.500 participantes nas primarias supoñan máis do dobre do número que participou, por exemplo, nas votacións levadas a cabo na Marea Atlántica da Coruña, cidade con 150.000 habitantes máis, así como moito máis aínda que a participación noutros procesos cidadás galegos. 

 

Primarias en Vigo e programa participativo na Coruña

O secretario de organización de Esquerda Unida, Rubén Pérez, será o candidato da Marea de Vigo á alcaldía da cidade. Así o aprobaron as persoas participantes nas votacións celebradas ao longo o pasado sábado e que, tras o reconto que rematou a primeiras horas do domingo, referendaron a lista nun dos ámbitos políticos máis turbulentos do país.

Rubén Pérez foi confirmado como candidato de Vigo en Común á alcaldía

Segundo os datos ofrecidos pola plataforma durante as doce horas de votación emitíronse un total de 274 votos, 201 deles en urna e 73 polo procedemento electrónico presencial. Unha vez escrutados os sufraxios 28 foron declarados nulos e o resto conformaron unha candidatura encabezada por Rubén Pérez e que, tras a aplicación da correción de xénero, ten como número dous a Margarida López e como número tres, a Xosé Luís Jácome.

O cuarto posto da candidatura aprobada en primarias correspóndelle a María Luz Maset e o quinto, a Guillermo Creo. Irene Otero, Julio Fernández, Águeda Estévez, Alberto Ardid e Adela Sánchez completan os 10 primeiros postos da candidaturas. A configuración desta lista, sinala a Marea de Vigo, aínda é provisional, porque "está suxeita a posibles cambios" que poidan derivar das "eventuais reclamacións" que se produzan durante o prazo establecido ao efecto, dende este domingo e ata o martes, día 17. A lista definitiva será pública o mércores, día 18.

Ao tempo, nesta fin de semana, a Marea Atlántica da Coruña celebrou as dúas primeiras xornadas de "confección participativa" do programa electoral da plataforma, uns espazos de "encontro" que para o seu candidato á alcaldía da Coruña, Xulio Ferreiro, permite afirmar que "falamos de nova política e aquí está, a nova política é isto".

A Marea Atlántica celebrou esta fin de semana varios encontros para a "confección participativa" do programa electoral

Corenta e cinco persoas no espazo de Cultura e Memoria, 30 no de Modelo Urbano e Territorial, 20 en Xustiza e Cohesión Social, outras tantas en Modelo Económico e 30 máis en Radicalidade Democrática. Son as cifras de participación dun proceso que destacou Ferreiro. "Que bonito é ver de novo decenas de persoas sacrificando unha fin de semana para construír democracia real", afirmou no remate desta primeira edición dos Encontros Abertos á Cidadanía, mostra, ao seu xuízo, de que "fronte aos acostumados a decidir sen contar con ninguén e en beneficio dunha minoría, a Marea activa a intelixencia colectiva na procura do ben común". Por este motivo, di, unha semana despois das primarias "as candidatas e candiddatos estreáronse escoitando, ao contrario de quen o primeiro que fai cando se presenta ás eleccións é dar un discurso".

Tras participar tamén en varias das mesas de traballo Xulio Ferreiro asegura que "a confección deste programa participativo é unha proba do que imos facer cando alcancemos María Pita: mandar obedecendo, poñernos ao servizo da Coruña e non ao revés". Tras estas dúas xornadas, indica, a elaboración do programa comeza unha nova fase, coa "posta en marcha dunha ferramenta telemática para seguirmos recibindo propostas". Ademais, "imos volver patear as rúas, como levamos meses, facendo, escoitando os barrios e a cidade real que nada ten que ver co decorado das elites na que tenta convertela o PP".

Xosé Mosquera © CxG

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.