Xulio Ríos deixa o Consello de Acción Exterior creado por Feijoo, pola súa "inoperancia"

Xuntanza do Consello de Acción Exterior de Galicia © Xunta

O director do IGADI, Xulio Ríos, vén de presentar a súa dimisión no Consello de Acción Exterior de Galicia, CAEX. Trátase dun órgano creado durante a primeira lexislatura de goberno de Alberto Núñez Feijóo co obxectivo de servir de caixa de resonancia, proposta e asesoramento ao goberno en materia de acción exterior. Ríos explica que a dimisión se debe "á total inoperancia deste organismo, que leva varios anos sen convocarse nin en pleno nin en comisións", unha "lóxica consecuencia", engade, "da acción dun goberno que non cre na acción exterior e que impulsou unha visión totalmente reducionista neste ámbito da xestión pública, propiciando un atraso de décadas no impulso exterior de Galicia". Conclúe que a actual Xunta de Galicia "incumpre sistematicamente a súa propia estratexia de acción exterior, livián en por si, aprobada no seu día a instancias do propio CAEX".

O director do IGADI denuncia que a acción exterior galega "depreciouse de forma notoria nos últimos anos", un tempo no que Galicia deixou de ser "un referente na paradiplomacia das entidades subestatais"

O director do IGADI denuncia que a acción exterior galega "depreciouse de forma notoria nos últimos anos", un tempo no que Galicia deixou de ser "un referente na paradiplomacia das entidades subestatais". Destaca que o departamento de acción exterior "hoxe está reducido a unha oficina administrativa con vocación recadatoria ante a UE, marxinada de calquera outra acción". Para Ríos, esta regresión obedece "a unha lectura trasnoitada que equipara a acción exterior no plano institucional e político con proxección dun hipotético afán soberanista e o afrouxamento do Estado cando ata agora, todos os gobernos precedentes, incluído o de Manuel Fraga, defenderon a conveniencia dunha acción exterior leal que fixera causa da nosa singularidade para proxectala no mundo reforzando unha imaxe plural do Estado, cousa que fan numerosos países con excelentes resultados como reacción natural ante os desafíos da mundialización".

Cualifica ademais de “peregrina” a idea de incorporar aos ex presidentes nas viaxes ao exterior de contido económico ou cultural. E di sentirse "sorprendido" polo que define como "cerimonia da confusión patética que unha vez mais recorre a un titular relacionado co exterior só cando o cascarón interior está baleiro". Engade que lle sorprende que "algúns ex presidentes accedan involucrarse como acompañantes nunha concepción exterior que nunca compartiron durante os seus efémeros mandatos".

Cualifica ademais de “peregrina” a idea de incorporar aos ex presidentes nas viaxes ao exterior de contido económico ou cultural

Ríos conclúe que "en tempos de crise, converter a acción exterior dun goberno apenas nunha xestoría de apoio aos intereses de contados grupos empresariais, ignorando adrede outras dimensións, vai á contra do sentido lóxico do tempo que vivimos, e fará que Galicia perda oportunidades". 
 

Xuntanza do Consello de Acción Exterior de Galicia © Xunta

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.