Zapatero chama a "conxurarse" para "remontar": "Só o pode facer o PSOE e vaino facer Besteiro"

Zapatero e Besteiro, no acto da Coruña CC-BY-SA PSdeG

Como fixera na campaña das eleccións xerais do pasado xullo, e tamén na Coruña pero non só, José Luis Rodríguez Zapatero chegou para darlle un impulso aos socialistas. Desta vez, o ex-presidente do Goberno de España apelou, convencido, á "sorpresa" que di que Gómez Besteiro dará o 18F, como xa vaticinou na convención política en xaneiro e na mesma cidade, e advertiu dunha "remonta" que "só pode facer o PSOE e, en Galicia, o PSdeG"

"Quen non comparece, non merece ser presidente", dixo Zapatero, en alusión á ausencia de Rueda nos debates electorais

No seu ton máis distendido, Zapatero alertou ao PP dunha excesiva confianza e das próximas enquisas, "que seguro que tamén lle dan unha gran maioría", en referencia aos vaticinios errados do 23X. E lembrou que "quen non comparece, non merece ser presidente", en referencia ás ausencias de Núñez Feijóo nos debates do 23X e á anunciada renuncia de Alfonso Rueda a acudir ao debate de RTVE.

"Quen decide estas eleccións son os votantes e simpatizantes socialistas se lembran o que foron os gobernos da dereita e se pensan nun goberno con Besteiro á fronte, progresista, de optimismo e confianza nas mulleres e homes de Galicia", asegurou Zapatero, que chamou ao socialismo a "conxurarse" para a remonta e que advertiu que "o PSOE faino ben contra vento e marea, como aquí a xente do mar"

Zapatero , no acto da Coruña CC-BY-SA PSdeG

"Estamos aquí para dar a sorpresa o día 18. A sorpresa e a remonta, algo que só o sabe facer o PSOE, que o vanifacer o PSOE, vano facer Besteiro e o PSdeG en Galicia", advertiu Zapatero, que apelou varias veces ao candidato á Xunta como un "home decente" e do que gabou por volver "cun sorriso e sen rancor" tras ser "perseguido inxustamente". 

Zapatero aposta pola "sorpresa" e a "remonta" que "só sabe facer o PSOE": "Vaino facer Besteiro"

Así, insistiu en que son posibles esa "sorpresa" e esa "remonta" dos socialistas porque "agora nas campañas fálase directamente das cousas como son", por moito que haxa medios, advertiu, que relegan dos titulares o que considera logros dos gobernos progresistas, como as boas cifras de emprego, a suba do SMI ou as políticas sociais. "A cancha está inclinada", insistiu respecto do panorama mediático en Galicia, pero "todas as eleccións teñen unha sorpresa", insistiu. 

Zapatero pediu o voto para Besteiro por ser, entre outras cousas, un defensor "da España que integra" e díxose ter sentido "moi feliz" ao velo "defendendo" o uso do galego no Congreso. Ademais, apostou por un goberno liderado polo candidato do PSdeG, un executivo, dixo, "con sensibilidade social, en favor dos coidades, da dependencia e das persoas que máis dificultades teñen". 

Ademais, e ante as críticas de Rueda á "politización" da manifestación contra a situación da sanidade, Zapatero ergueu o ton entre o reproche e a ironía. "Xente politizada? Parécelles mal? Non teñen dereito os cidadáns a facer política en defensa dunha política de sanidade pública?", preguntouse quen criticou que o PP insista en "sacar a Puigdemont" na campaña das eleccións galegas. "Antes era España ou Sánchez e agora, Galicia ou Sánchez; non saen de aí", dixo. 

Nun acto celebrado no Palexco coruñés, Zapatero reivindicou tamén as políticas históricas do PSOE e as do actual goberno progresista en España, lembrando a última suba do salario mínimo, a loita pola igualdade para as mulleres, o "récord de emprego" ou as políticas "a prol dos máis desfavorecidos". "En Galicia hai case 6.000 estudantes máis con bolsa de estudo", recordou.

Formoso, Iglesias, Zapatero, Besteiro e Rey, no acto da Coruña CC-BY-SA PSdeG

"Nós non pensamos que só existe Galicia no mundo ou só España no mundo, temos unha visión máis profunda", engadiu tamén nun intento por afastar o PSdeG do BNG e do PP. 

Besteiro reivindicou o goberno bipartito e apelou tamén á remonta: "Somos capaces de facelo de novo"

Pola súa banda, Besteiro apelou ás mulleres como protagonistas do cambio e prometeu liberar a AP-9 do "secuestro no que o PP a mantén ata 2048". O candidato socialista á Xunta enxalzou na Coruña a figura de Zapatero,“como líder de Estado que fixo de España un país pioneiro en dereitos e liberdades”. E secundou a súa aposta pola remonta. "Somos capaces de facelo de novo: quero reeditar a etapa dos goberno socialistas na Xunta e no Goberno central", engadiu, tras reivindicar o período do bipartito en Galicia. 

Ademais, Besteiro apostou pola creación do Consorcio Metropolitano de Transportes para unha “Coruña conectada”, que dea servizo a 450 mil persoas.

No acto interveu tamén a alcaldesa da Coruña, Inés Rey, que asegurou que a cidade "tampouco lle vai fallar ao PSdeG e a Besteiro porque desta vai". "Para as cousas difíciles sempre estivo o PSdeG neste país", advertiu a rexedora, que aclara que "non hai medo" e lembrou que ela, como candidata en 2019 nas municipais, "tamén partía en terceira posición". "E estamos gobernando", recordou quen se amosou convencida de que "vai caer ese goberno gris, esa dereita que non nos deixa subir ao carro da modernidade". 

"Apostar polo futuro"

Ademais, Inés Rey animou a "falar coa xente, convencela, como en xullo, de que hai que apostar polo futuro", e apelou a toda esa cidadanía "que non ten cita no médico, que non ten praza na escola infantil para o seu rapaz ou que non pode acceder a unha vivenda pública en alugueiro". 

Pola súa banda, o secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, apostou por un Besteiro que "ofrece a Galicia esperanza, Europa e a recuperación do prestixio dos servizos públicos" e chamou a votar o PSdeG porque tampouco vai permitir que "Galicia se enroque en cuestión identitarias". "Estamos en política para arranxar a vida a xente, non para complicárllela", insistiu. 

Só hai un camiño posible, o futuro sempre lle dá a ra´zona ao proreso. Con Besteiro é posible o cambio, un presidente sovlente, fiable e con orgullo de país

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.