8 de cada 10 concellos perderon poboación na última década

O Concello de Miño foi o que máis poboación gañou na última década en termos relativos, por riba do 16%. É unha das 54 excepcións nun contexto xeral de caídas no Padrón © Concello de Miño

Ao longo do ano 2022 Galicia experimentou un importante crecemento poboacional, cun aumento de case sete mil habitantes (de 2.692.825 a 2.699.424), especialmente nas zonas urbanas, como reflectiron os datos do Censo correspondentes ao 1 de xaneiro de 2023. Este martes déuse a coñecer a estatística actualizada do padrón municipal que con pequenos cambios confirma a información achegada polo Censo.

Entre o 1 de xaneiro de 2022 e o 1 de xaneiro de 2023 un total de 120 concellos aumentaron a súa poboación e en 185 as cifras de habitantes diminuíron

Entre o 1 de xaneiro de 2022 e o 1 de xaneiro de 2023 un total de 120 concellos aumentaron a súa poboación (unha cifra que aínda que representa apenas algo máis dun terzo do total, é superior á doutros anos). En 8 non houbo cambios. E en 185 as cifras de habitantes diminuíron. Con todo, os importantes incrementos rexistrados en cidades como A Coruña (+2.676), Vigo (+1.278) ou Lugo (+1.003) compensaron as caídas de moitas localidades da zona rural.

Destacan igualmente os ascensos experimentados por San Cibrao das Viñas, Miño e Salvaterra (próximos ao 2% nun só ano), o mesmo que Ares, Celanova, Sada, Oleiros ou Arteixo (ao redor do 1,5%)

Os maiores descensos en termos absolutos prodúcense en Ferrol e Pontevedra, pero en termos relativos á súa poboción as maiores caídas corresponden a concellos da zona rural de Ourense e Lugo (Xunqueira de Espadañedo, As Nogais, Cervantes, Beariz, Laza, Sandiás...) pero tamén do norte da provincia da Coruña, como Mañón e A Capela.

Nos últimos dez anos 259 concellos (o 82,7%) perderon poboación e só 54 gañaron habitantes

Se abrimos o foco e observamos a evolución da poboación dos concellos galegos na última década, para ir alén das flutuacións puntuais dun ano determinado, vemos como as tendencias de despoboamento se acentúan, de xeito que máis de 8 de cada 10 localidades perderon habitantes dende o 2013. En concreto, nos últimos dez anos 259 concellos (o 82,7%) perderon poboación e só 54 gañaron habitantes.

Os concellos que máis perderon foron tres cidades (Ferrol, Ourense e Vigo), pero o mapa amosa que o fenómeno afecta especialmente ás zonas rurais de Ourense e Lugo, pero tamén ao Ortegal e á Costa da Morte e mais ao interior da provincia de Pontevedra.

27 concellos perderon máis do 20% da súa poboación dende o ano 2013

En termos porcentuais, o concello que máis perdeu foi Calvos de Randín, que nunha década viu marchar un terzo da súa poboación. Xusto despois aparecen Gomesende e Pontedeva, que rexistraron caídas superiores aos 25% dos seus residentes nos útlimos dez anos. Outros 24 concellos, encabezados por As Nogais, Avión, Padrenda e O Bolo sufriron descensos superiores ao 20%.

No outro extremo, destacan Oleiros, Ames, Santiago, Arteixo, Sada, O Porriño, A Coruña, Culleredo, Teo e Gondomar, con aumentos de poboación superiores ao mil habitantes na última década. E Miño, San Cibrao das Viñas e Cerdedo-Cotobade, con subas por riba do 13%

No outro extremo, entre as 54 localidades que gañaron poboación na última década, destacan en termos absolutos Oleiros, Ames, Santiago, Arteixo, Sada, O Porriño, A Coruña, Culleredo, Teo e Gondomar, con aumentos de poboación superiores ao mil habitantes na última década. 

Ademais, en termos relativos á súa poboación cómpre salientar os incrementos rexistrados en Miño (un aumento superior ao 16% nunha década), San Cibrao das Viñas, Cerdedo-Cotobade (en relación á suma dos dous concellos por separado en 2013), Negueira de Muñiz, Coirós, Brión, Carral e Barbadás.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.