"Un é de onde pace": Oleiros e Barbadás son os concellos con menos poboación nacida no mesmo termo municipal

Vigo -na imaxe- e Ferrol son as dúas cidades cunha maior porcentaxe da súa poboación nacida no propio concello CC-BY-SA Sergei Gussev

En Oleiros, catro de cada cinco habitantes naceron fóra do termo municipal, unha porcentaxe semellante á que se rexistra noutros da área metropolitana da Coruña, como Culleredo, Cambre ou Sada. En Barbadás só o 24% dos seus habitantes naceu no propio concello

Hai persoas que pasan toda a súa vida no mesmo lugar. E hai outras que, polo motivo que sexa, trasládanse unha, dúas ou moitas veces, dende o lugar no que naceron. "Un é de onde pace, non de onde nace", dirán algúns, e en moitos concellos galegos esa é a realidade social máis habitual. Por exemplo en Oleiros, onde catro de cada cinco habitantes naceron fóra do termo municipal, unha porcentaxe semellante á que se rexistra noutros da área metropolitana da Coruña, como Culleredo, Cambre ou Sada. Tamén en Barbadás, onde só o 24% dos seus habitantes naceu no propio concello, unha porcentaxe próxima á doutras localidade da contorna de Ourense, como San Cibrao das Viñas ou O Pereiro de Aguiar.

Son os datos achegados polo INE na información correspondente á actualización anual do Censo. A estatística amosa tamén a realidade contraria nunha gran parte do resto do territorio galego: unha ampla porcentaxe de concellos -maioritariamente rurais- onde a gran maioría dos seus habitantes naceu nesa mesma localidade. En Cervantes é o 85%, pero Mazaricos e Cabana de Bergantiños superan tamén o 80% e A Fonsagrada, Muros e Paradela achéganse a esa porcentaxe.

En cambio, o 85% dos habitantes de Cervantes naceron alí

O Censo ofrece información sobre a porcentaxe de residentes nun concello que proceden doutro lugar de Galicia (da mesma provincia ou dalgunha das outras tres), da proporción de persoas nacidas noutra comunidade autónoma do Estado español, e da porcentaxe de habitantes que naceron no estranxeiro.

Os concellos onde unha parte máis importante da súa poboación naceu noutra provincia galega son localidades que se atopan preto dos límites provinciais, pero tamén Santiago ou Vigo

Os concellos onde unha parte máis importante da súa poboación naceu noutra provincia galega son localidades que se atopan precisamente preto dos límites provinciais, como Pontecesures, As Pontes, Carballedo, Teo, Valga ou Agolada, pero tamén zonas urbanas con gran capacidade de atracción de poboación procedente doutros lugares, como Santiago de Compostela (o 12,3% dos seus habitantes proceden de Lugo, Ourense ou Pontevedra) ou Vigo (o 11,7% da súa poboación chegou de Ourense, A Coruña ou Lugo).

Os concellos cunha maior proporción de residentes naciddos no estranxeiro son Avión (33,1%), Beariz (28,3%) e A Lama (23,1%)

En canto aos lugares onde máis persoas proceden doutros lugares do Estado español, destacan Negueira de Muñiz e Ribadeo (na fronteira con Asturias) pero tamén Cervo, cunha gran capacidade para atraer traballadores doutros lugares, pricipalmente do occidente asturiano. 

Finalmente, os concellos cunha maior proporción de residentes naciddos no estranxeiro son Avión (33,1%), Beariz (28,3%) e A Lama (23,1%). Tamén aparecen Oímbra, A Mezquita e Quintela de Leirado, na fronteira con Portugal. E, igualmente, O Carballiño, onde máis do 20% dos seus habitantes naceron fóra de España.

Ferrol é a urbe onde unha maior proporción de residentes naceu no lugar (o 59%), pero moi preto aparece tamén Vigo (57,4%) e Pontevedra (54,5%). A Coruña (45,9%) e Ourense (45%) son as cidades cunha menor porcentaxe de residentes nacidos alí

As cidades son espazos cunha maior mobilidade. Son moitas as persoas que nas últimas décadas emigraron dende as zonas rurais de Galicia ás zonas urbanas na procura de traballo ou de mellores servizos. Tamén son os lugares que acollen máis inmigración de fóra de Galicia. Porén, hai diferenzas entre as cidades galegas e varias delas conteñen algunhas singularidades.

Ferrol é a urbe onde unha maior proporción de residentes naceu no lugar (o 59%), pero moi preto aparece tamén Vigo (57,4%) e Pontevedra (54,5%). Por debaixo do 50% están Lugo e Santiago. E A Coruña (45,9%) e Ourense (45%) son as cidades cunha menor porcentaxe de residentes nacidos alí.

A Coruña e Ourense son as cidades cunha maior proporción de persoas nacidas no estranxeiro, por riba do 15%

Ourense e Lugo son as cidades que en maior medida atraen poboación doutros concellos da provincia, por riba do 25% dos seus habitantes, e Vigo é a que menos. En cambio, Vigo atrae moita poboación doutras provincias, o mesmo que Santiago, ambas as dúas por riba do 10%.

A porcentaxe de poboación chegada doutras comunidades autónomas é semellante en todas as urbes, aínda que destacan os datos da Coruña e Lugo, ao redor do 8%.

Finalmente, A Coruña e Ourense son as cidades cunha maior proporción de persoas nacidas no estranxeiro, por riba do 15%. Pola contra, en Ferrol esta porcentaxe é case a metade (8%)

Os mapas

Podemos observar estes mesmos datos sobre os mapas. En primeiro lugar este, que reflite a porcentaxe de persoas que naceron no mesmo termo municipal no que residen. As porcentaxes máis baixas corresponden á área metropolitana da Coruña, á contorna de Ourense e tamén a algúns concellos de Ferrolterra e dos arredores de Santiago, como Ames.

En cambio, as cores escurécense tanto na montaña lucense coma na Costa da Morte, e tamén na Terra Chá e mais nalgúns concellos do centro de Ourense.

Este segundo mapa suma os valores das persoas nacidas noutro concello da mesma provincia e tamén noutras provincias galegas. Vemos como a área metropolitana da Coruña, Ferrolterra, a contorna das cidades de Ourense e Santiago e boa parte do litoral pontevedrés foron as áreas que recibiron máis poboación doutros concellos galegos.

Finalmente, o derradeiro mapa amosa a porcentaxe de persoas nacidas fóra de Galicia, ben noutro lugar do Estado, ben fóra de España. O sur do país presenta os valores máis elevados, que tamén medran tanto na Mariña lucense coma na área metropolitana da Coruña.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.