Os voluntarios e voluntarias da Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica (ARMH) veñen de comezar traballos de prospección no cemiterio de Celeiros (Chandrexa de Queixa), buscando recuperar os restos de Benigno Fraga Pita (alcumado Alejandro), guerrilleiro antifranquista morto pola Garda Civil en Candedo o 27 de abril de 1949. A intervención será dirixida polo arqueólogo Serxio Castro Lois e nela participará un equipo formado por unha decena de persoas chegadas dende distintos territorios do Estado.
Benigno Fraga foi asasinado pola Garda Civil en 1949
A Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica, fundada no ano 2000 despois da primeira exhumación mediante métodos científicos realizada en Priaranza do Bierzo, exhumou en Galicia máis 50 corpos de vítimas da ditadura en máis de 30 fosas dende o ano 2003.
A ARMH exhumou en Galicia máis 50 corpos de vítimas da ditadura dende o ano 2003.
Benigno Fraga Pita, nacido nas Somozas en 1892, traballou como mestre armeiro nos arsenais de Ferrol e exerceu como secretario de Organización do PCE en Ferrol, motivo polo que tivo que fuxir, incorporándose á guerrilla. Foi enviado a Ourense para fundar a II Agrupación.
En febreiro de 1949 o réxime franquista intensificara a súa represión, o que levou á guerrilla a planificar golpes de grande impacto contra elementos da ditadura. Porén, a operación rematou cun guerrilleiro morto, tres detidos e a queima da base da Agrupación, na Edreira. Na súa fuxida, obrigados a baixar do monte, os guerrilleiros chegaron Candedo, onde foron cercados pola Garda Civil, nun movemento no que morre Benigno Fraga.
Sen éxito na procura das 'Mártires de Xinzo'
Pola contra, esta mesma semana a ARMH deu por finalizados sen éxito os traballos de procura de María del Valle Lozano e Salud Torres, dúas ourensás asasinadas polo franquismo o 29 de outubro de 1937 e deixadas nunha fosa común en Mosteiro de Ribeira (Xinzo de Limia). Son coñecidas como 'Mártires de Xinzo de Limia'.
A entidade deu por finalizados sen éxito os traballos de procura de María del Valle Lozano e Salud Torres
A entidade explica que "presumiblemente" a fosa común onde poderían estar os seus restos "foi removida hai uns anos durante a construción duns panteóns". Os traballos centráronse á esquerda da entrada da igrexa, lugar marcado por unha veciña de 96 anos como lugar do enterramento despois de que varios veciños recollesen os corpos na coñecida como Lomba Lamas.
A ARMH ten coñecemento da localización exacta, dentro de varios cemiterios de diferentes municipios da provincia de Ourense, dunhas 15 fosas comúns de vítimas da ditadura despois de aparecer os seus corpos tiroteados durante os meses de xullo e outubro de 1936. Os datos destes soterramentos foron conseguidos no Arquivo Militar de Ferrol a través das dilixencias abertas por aparición de cadáveres. Porén, como sucedeu neste caso ou no tamén recente de Beade en moitas ocasións os restos foron cambiados de lugar ou construíuse enriba deles.