A Audiencia Provincial da Coruña condena a entidade bancaria Wizink a devolver 43.974,15 euros a un cliente que contratou unha tarxeta revolving no ano 2000 cun interese do 24,6% TAE ao considerar “abusiva” a cláusula de intereses do contrato, que foi “redactada unilateralmente, predisposta e imposta”. A Audiencia estima parcialmente o recurso do demandante contra a sentenza do Xulgado de Primeira Instancia número 2 de Noia, que desestimara o caso ao non apreciar “usura” no tipo de interese.
Segundo o Banco de España, as tarxetas revolving son un tipo de tarxeta na que o cliente dispón dun límite de crédito determinado, que pode devolverse a prazos, a través de cotas periódicas. Estas poden establecerse como unha porcentaxe da débeda existente ou como unha cota fixa.
"O cliente que contrata este tipo de tarxetas pode chegar a converterse nun debedor ‘cativo’ que nunca termina de pagar a débeda", di o letrado José Ramón Oulego
A súa peculiaridade, segundo explica o avogado José Ramón Oulego, de Oulego Abogados y Consultores, reside en que a débeda derivada do crédito ‘renóvase’ cada mes: diminúe cos abonos (pago das cotas), mais aumenta mediante o uso da tarxeta (pagos ou reintegros en caixeiro), así como cos intereses, as comisións e outros gastos xerados, que se financian conxuntamente.
“Esta peculiaridade ten as súas consecuencias: por unha banda, se se paga unha cota mensual baixa respecto ao importe da débeda, a amortización do principal realizarase a un prazo moi longo, o que pode derivar en que se paguen moitos intereses. Por outra, fai que non sexa posible emitir un cadro de amortización previo (como si ocorre, por exemplo, cando se contrata un préstamo), ao variar a débeda e, no seu caso, as cotas mensuais a pagar. O cliente que contrata este tipo de tarxetas pode chegar a converterse nun debedor ‘cativo’ que nunca termina de pagar a débeda, polo especial mecanismo de amortización”, debulla o letrado.
A Audiencia da Coruña sinala que o texto do contrato é "ilexible" e incide en que "a falta de lexibilidade do regulamento do contrato, impide que o consumidor poida coñecer as características mínimas deste contrato"
José Ramón Oulego critica que este tipo de tarxetas foron comercializadas “de forma indiscriminada por persoal que carecía dos coñecementos mínimos para explicar o complexo mecanismo de funcionamento. Ademais, colocáronse a consumidores sen coñecementos financeiros que non comprendían as consecuencias do que asinaban”. “Unicamente se lles dicía que podían dispoñer dunha cantidade sen requisito algún e devolvela en pequenas mensualidades. O resultado é que hai milleiros de afectados por estas tarxetas que teñen que reclamar xudicialmente para que se lles devolva o seu diñeiro”, agrega.
Neste caso, a Audiencia da Coruña sinala que “examinado as condicións do contrato, compártese que se trata dun texto ilexible a primeira ollada cun mínimo de nitidez, non pode entenderse que o requisito de lexibilidade se cumpra sequera minimamente (ata o punto de que porque as partes recoñéceno puidemos afirmar que a TAE da que o contrato informa é o 24,6% que se visualiza no anexo con moita dificultade). A falta de lexibilidade do regulamento do contrato, impide que o consumidor poida coñecer as características mínimas deste contrato, o que é especialmente significativo en atención a que se trata dun crédito revolving, cuxas peculiaridades foron destacadas polo Tribunal Supremo no seu STS 149/2020 […]”.
O demandante tivo que devolver todas as cantidades financiadas co interese legal dende cada disposición e Wizink terá que devolver o demandante todos os pagos que realizou, “cos seus correspondentes intereses legais dende cada pago”. Condénase a Wizink “a abonar o saldo resultante ao seu favor de dita liquidación”. De aí eses 43.974,15 euros, que xa foron ingresados na conta do demandante, segundo confirma o despacho Oulego Abogados y Consultores.
A sentenza da Audiencia da Coruña tamén impón á entidade financeira as costas do xuízo ao argumentar que “se o consumidor, a pesar de vencer no litixio, tivese que pagar integramente os gastos derivados da súa defensa e representación, non se restablecería a situación de feito e de dereito que se deu se non existise a cláusula abusiva e, por tanto, o consumidor non quedaría indemne”.