O TSXG avala unha multa de 211.000 euros a Bankinter por non ter teléfono gratuíto de atención ao consumidor

Unha oficina de Bankinter © Bankinter

O tribunal di que non houbo "unha simple inobservancia de normas por erro ou ignorancia, sendo as alegacións de Bankinter meras escusas ou desculpas"

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) vén de facer pública unha sentenza que ratifica unha multa de 211.000 euros do Instituto Galego do Consumo e da Competencia a Bankinter por non dispoñer dun teléfono completamente gratuíto de atención ao consumidor, obrigado pola lexislación tanto estatal como galega. O tribunal di na súa sentenza que neste caso non houbo "unha simple inobservancia de normas por erro ou ignorancia, sendo as alegacións de Bankinter meras escusas ou desculpas".

Sentenza do TSXG que ratifica unha multa a Bankinter por non ter un teléfono completamente gratuíto de atención ao consumidor CC-BY-SA Praza Pública

Segundo o relato dos feitos que fai a sentenza, a sanción de Competencia a Bankinter foi imposta en xaneiro de 2023 tras diversas comprobacións realizadas polos inspectores da Xunta nos meses anteriores. Estes aplicaron a lei galega 2/2012 de protección xeral das persoas consumidoras e usuarias, que no seu artigo 83, dedicado a infraccións moi graves, contempla como tal a de "non dispor dun número de teléfono totalmente gratuíto de atención ao consumidor". Como sanción moi grave, a infracción podía ser sancionada con multa de 15.001 a 600.000 euros.

A inspección de Consumo chamou a un teléfono 900 de tipo gratuíto que tiña Bankinter e constatou que "estaba reservado para queixas ou reclamacións, non para o servizo ao consumidor"

Máis alá da lei galega, na súa sentenza o tribunal lembra que "a esixencia de dispoñer dun teléfono gratuíto para todos os consumidores atópase establecida no Real Decreto Lexislativo 1/2007" que refundiu a lei xeral para a defensa dos consumidores e usuarios, "non deixando lugar a dúbidas de que as entidades bancarias deberán dispoñer en todo caso de atención ao consumidor gratuíta, cuxa inexistencia en Bankinter aparece acreditada nas dilixencias [...] practicadas no procedemento sancionador".

Teleoperador nun centro de chamadas CC-BY-SA CCOO

A sentenza recolle como Bankinter alegou que si dispuña de dous números de teléfono 900, gratuítos, pero as dilixencias de investigación do instituto de consumo certificaron que no apartado de contactos da web do banco figuraban teléfonos 901 ou con prefixo xeográfico de Madrid, e polo tanto de pago, mentres que un teléfono gratuíto de tipo 900 estaba "reservado para queixas ou reclamacións, non para o servizo ao consumidor".

Segundo a sentenza, Bankinter foi requirida por Consumo "para que acreditase a existencia de tal teléfono" gratuíto de atención ao consumidor, ao que respondeu que dispuña del, "o que non era certo, como se comprobou nas dilixencias". A sentenza reflicte como "a Inspección de Consumo realizou dúas chamadas a tal número, reflectidas en dilixencias, en que se constata que, efectivamente, tal número só está para queixas ou reclamacións".

Sede do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia © TSXG

Bankinter alegou que a multa era desproporcionada pero o TSXG di que "a determinación e gradación é axustada a dereito"

Bankinter tamén alegou no seu recurso que a contía da multa era desproporcionada. Ante isto o TSXG considera que "a determinación e gradación é axustada a dereito, ao non concorrer circunstancias atenuantes e non contravir o principio de proporcionalidade". Nesa liña, sinala que non se está "ante unha simple inobservancia de normas por erro ou ignorancia, sendo as alegacións de Bankinter meras escusas ou desculpas".

A sentenza ratifica así a sanción e condena igualmente a Bankinter a asumir 2.000 euros de costas polo proceso xudicial.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.