O tribunal xa avalara hai uns meses unha multa similar a Bankinter por parte de Consumo da Xunta e agora fai o mesmo coa empresa de préstamos rápidos NBQ Technology
Hai uns meses o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) facía pública unha sentenza que avalaba unha multa de 221.000 imposta polo Instituto Galego do Consumo e da Competencia a Bankinter por non dispoñer dun teléfono completamente gratuíto de atención ao consumidor, como obrigan tanto a lexislación estatal como a galega.
Agora o mesmo TSXG fai pública outra sentenza similar na que ratifica outra sanción idéntica, tamén por carecer desa vía de comunicación gratuíta, a unha empresa de créditos rápidos, NBQ Technology. Esa firma opera coa marca ¡QuéBueno! que na súa web ofrece préstamos de 200 euros a devolver en 30 días cuns xuros de 79,20 euros, o que supón unha taxa anual equivalente (TAE) do 1.598%, segundo a propia oferta.
Segundo o relato dos feitos que fai a sentenza, foi a Asociación de Consumidores y Usuarios en Acción-FACUA quen denunciou en novembro de 2021 que a empresa carecía dun teléfono de atención ao cliente gratuíto e realmente operativo.
Consumo da Xunta acabou impoñendo en maio de 2023, ano e medio despois da denuncia, unha sanción moi grave de 221.000 euros tras facer as preceptivas averiguacións, que incluíron chamadas en maio de 2022 a dous números facilitados pola empresa, un gratuíto iniciado por 900 e outro de pago iniciado por 923. O 900 "ata en dúas ocasións dá como resultado que está inoperativo" e no 923 en conversa do inspector de Consumo coa operadora esta transmítelle "que o número 900 non cumpre a misión de ser o número de atención ao cliente" e que "o único número dispoñible" para esa fin é o 923 de pago.
O TSXG desbota que o inspector da Xunta que chamou aos teléfonos da empresa tivese que identificarse como tal xa que iso "implicaría o desbaratamento da investigación que se estaba realizando"
A empresa recorreu ante a o TSXG alegando diversas cuestións, desde unha suposta incoherencia entre a denuncia de FACUA e o procedemento sancionador seguido pola Xunta ata a nulidade da inspección realizada por esta ao chamar por teléfono sen que o seu persoal se identificase como tal. Sobre esa cuestión o tribunal considera xustificado o anonimato do inspector xa que identificarse como tal ante a teleoperadora da empresa "implicaría o desbaratamento da investigación que se estaba realizando".
O TSXG tamén considera proporcional a sanción de 211.000 euros imposta pola Xunta e lembra que a lei contempla que as infraccións moi graves, como esta, sexan sancionadas con multa de 15.001 a 600.000 euros, divididas en tres treitos, ata 210.000 o mínimo, ata 405.000 euros o medio e ata 600.000 o máximo, sendo o treito medio para cando non concorra ningunha agravante nin atenuante. Neste caso a multa de 211.000 euros considérase adecuada por non concorrer "ningunha circunstancia agravante, atenuante nin mixta", xa que a empresa non acreditou ningunha "pese a que tiña a carga da proba".
O TSXG tamén desbota que o tipo de infracción a aplicar fose outra xa que "non se trata aquí como prevén outros preceptos da lei de que non estivera visible [o número de teléfono] senón de que carece dun número de atención gratuíto que sexa operativo".
A sentenza ratifica así a sanción e condena igualmente á empresa a asumir ata 1.500 euros de costas polo proceso xudicial.