A Audiencia de Pontevedra insta a mellorar a autoestrada Vigo-Baiona tras un choque con dous xabarís

Autoestrada AG-57 Vigo-Val Miñor © Google

O tribunal condena a Autoestradas de Galicia, concesionaria da Xunta, por non canalizar mellor a fauna que tenta cruzar a infraestrutura ante a "evidente" fragmentación dos hábitats polos que pasa

A Audiencia Provincial de Pontevedra vén de condenar a Autoestradas de Galicia, concesionaria da autoestrada AG-57 Vigo-Baiona, titularidade da Xunta, a pagar a reparación dun vehículo que nunha madrugada de xullo de 2021 chocou con dous xabarís que cruzaban a calzada. A sentenza considera que a empresa, do grupo Itínere, matriz tamén da concesionaria da AP-9, Audasa, debía implantar mellores medidas para canalizar adecuadamente a fauna que tenta cruzar a infraestrutura ante a "evidente" fragmentación dos hábitats polos que pasa. 

Sentenza da Audiencia de Pontevedra que condena a Autoestradas de Galicia por un choque con xabarís na AG-57 Vigo-Baiona CC-BY-SA Praza Pública

No proceso xudicial aberto para que Autoestradas de Galicia asumise o custo do choque contra os xabarís que accederon á súa calzada a empresa argumentou que non se detectara ningún valado roto nin burato na terra polo que puideran acceder os animais. Por iso, a concesionaria defendía que non se lle podía pedir "ir máis alá da normativa, nin máis alá da tecnoloxía dispoñible". E reclamaba que fose o condutor afectado quen indicase cal das súas medidas de seguridade fallara. 

A empresa argumentou que non había ningún valado roto e non se lle podía pedir "ir máis alá da tecnoloxía dispoñible", pero o tribunal lembra que "existen medidas que permiten canalizar o tránsito" de animais cara lugares de cruce seguros

Pero a visión do tribunal é distinta. A Audiencia de Pontevedra considera de partida que ás concesionarias de autoestradas compete o deber de garantir unha circulación segura polas mesma. E sobre o argumento de que non se lle pode pedir á concesionaria "ir máis alá da tecnoloxía dispoñible", o tribunal fai unha longa reflexión. 

Comeza a sentenza sinalando que "para calquera persoa que circulase por unha autoestrada faise evidente que tal infraestrutura produce a fragmentación dos hábitats naturais polos que discorre, polo que a fauna silvestre nos seus desprazamentos entre eles necesariamente ha de atravesala". E continúa o tribunal salientando que "calquera observador atento dos avances da técnica dos que habitualmente dan conta os medios de comunicación puido coñecer que no actual estado de coñecementos da enxeñaría civil existen medidas que permiten canalizar o tránsito" de animais cara lugares de cruce seguros a través de pasos de fauna. 

Peaxe nunha autoestrada da Xunta CC-BY-SA Xunta de Galicia

Nesa liña a sentenza lembra que a Administración fixo públicas prescricións técnicas para o deseño de pasos de fauna. E indica que "aínda cando as medidas técnicas aludidas non fosen aínda regulamentariamente obrigatorias, a súa implantación si sería esixible ás concesionarias da explotación de autoestradas en atención á natureza do servizo que han de prestar", no que deben suprimir "as fontes de perigosidade". 

Así que o tribunal conclúe que sobre Autoestradas de Galicia "recaían especiais deberes legais de dilixencia", que o risco de presenza de animais na calzada era "previsible" e que "existían medidas técnicas que permitían excluílo ou en todo caso minimizalo mediante peches perimetrais que conducisen os animais cara a pasos de fauna que lles permiten atravesala sen interferir na circulación".

Cabinas de peaxe na autoestrada AG-57 Vigo-Val Miñor © Google Street View

A empresa tentou rebaixar a factura negando danos no vehículo que o tribunal dá por probados

Por iso a Audiencia condena á concesionaria da Xunta a pagar a reparación do vehículo sinistrado. Unha reparación na que a empresa mesmo tentou rebaixar a súa factura negando danos que o tribunal dá por probados. Así, a concesionaria só estaba disposta a asumir a reparación dos danos no frontal do vehículo pero non a reposición do airbag e o cinto de seguridade porque o atestado policial só consignara o primeiro desperfecto. Pero o tribunal dá por "acreditada a realidade do dano en tales elementos".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.