A investigación oficial atribúe a unha incorrecta valoración da meteoroloxía o accidente no que morreu o piloto da aeronave, que tardou máis de 48 horas en ser atopada nunha montaña de Porto, Zamora
O 19 de outubro de 2022 unha avioneta que xa rematara a tempada de loita contra incendios en Galicia e que estaba a ser trasladada desde o aeródromo de Doade, en Sober, ata Córdoba, estrelouse contra unha montaña no municipio de Porto, en Zamora. O aparato e o seu piloto falecido, único ocupante, tardaron máis de 48 horas en seren atopados. Agora a investigación oficial do accidente conclúe que este se debeu a unha "infravaloración das previsións meteorolóxicas", pero tamén revela que dous sistemas distintos de localización do aparato non funcionaron, o que demorou os traballos de rescate.
A análise do sinistro da Comisión de Investigación de Accidentes e Incidentes de Aviación Civil (CIAIAC) detalla que o aparato sinistrado, propiedade da empresa Plysa e que traballara na campaña contra incendios da Xunta, debía ser trasladado a Córdoba. Na mañá do 19 de outubro o piloto encargado de facelo cancelou un primeiro intento de voo polas malas condicións meteorolóxicas existentes en Doade. Porén, a visibilidade mellorou e finalmente o piloto despegou ás 11.35 horas.
Media hora despois de engalar o piloto contactou coa base de Doade e comunicou que a meteoroloxía empeorara e que non podía continuar cara a Córdoba senón que se dirixía ao aeroporto de León. Esa foi a última comunicación co aparato.
A busca do avión e o piloto comezou ese mesmo día 19 de outubro, pero non foron atopados ata as 15.36 horas do día 21, máis de 48 horas despois, na serra Segundera, no municipio zamorano de Porto, a 1.850 metros de altura.
O sistema de localización de emerxencia rompeuse co impacto e non chegou a emitir ningún sinal, e o sistema de seguimento de flota esixido pola Xunta estaba avariado desde case dous meses antes
A investigación sinala que o piloto faleceu a causa do forte impacto contra o chan, e considera que o accidente "foi causado pola inadecuada planificación do voo, e en particular a infravaloración das previsións meteorolóxicas, que vaticinaban a baixísima probabilidade de poder completar o voo en condicións visuais".
Pero a investigación tamén analiza diversas eivas da aeronave que dificultaron a súa localización tras o accidente. O aparato estaba equipado cun transmisor de localización de emerxencia (ELT ou Emergency Locator Transmitter, en inglés). Un dispositivo que se activa de xeito automático cando detecta un impacto ou a inmersión da aeronave baixo a auga. O sistema activouse co impacto, pero a súa violencia foi tal que a baliza do dispositivo e a súa antena separáronse e non chegou a emitir ningún sinal. Por iso, a CIAIAC emitiu unha recomendación para que se mellore o deseño do sistema ELT "en termos de resistencia".
A investigación tamén sinala que ademais dese sistema de localización de emerxencia a aeronave tamén estaba equipada cun dispositivo de seguimento de flota, requisito requirido pola Xunta para contratar os medios aéreos para as súas campañas contra incendios. O sistema transmite o momento en que o avión lanza auga ou a cantidade, pero tamén a súa localización. Porén, estaba avariado.
Segundo a CIAIAC, "a avaría do sistema de seguimento de flota foi detectada o día anterior ao do accidente" e "aínda que se tratou de resolver a avaría (que parecía deberse a falta de subministro de enerxía) non se puido determinar claramente cal era a causa". O informe tamén indica que "a investigación da avaría permitiu averiguar que o último día en que había constancia de que o sistema funcionara foi o 25 de agosto", case dous meses antes do sinistro. E xustifica que "o avión accidentado estaba de reserva, polo que se utilizou de forma reducida durante a campaña" de incendios.
Esa avaría dese outro sistema de localización, que non afectaba ás condicións de navegación da aeronave, tamén impediu obter "ningunha información sobre o voo do suceso".