A chegada de Uber á Coruña reabre o debate sobre os vehículos VTC en Galicia

Actividade dos vehículos de Uber na Coruña este luns © Uber

O pasado 25 de xullo Uber comezou a operar na Coruña, a primeira cidade galega na que ten actividade esta plataforma de transporte de pasaxeiros, que se une a Cabify, presente na cidade herculina dende o pasado mes de decembro. A aterraxe da multinacional norteamericana a Galicia reabre pois o debate sobre a ordenación deste sector ante as críticas do colectivo de taxistas, que nos últimos anos levaron a cabo numerosas protestas e mesmo folgas.

O desembarco de Uber na Coruña de momento limítase ao termo municipal herculino e mais a Arteixo e parte de Culleredo, Cambre e Oleiros, incluíndo o aeroporto de Alvedro, pero a compañía xa anunciou que estuda ampliar esta área de acción e tamén comezar a operar noutras cidades galegas.

En Galicia operan ao redor de 300 vehículos con licenza VTC, o triplo do permitido pola lei, polo que a Xunta non pode conceder novas autorizacións

O inicio da actividade da multinacional foi respondida de inmediato polas críticas das asociacións do sector do taxi, que esixen que Uber cumpra a lei. Hai tres anos o Real Decreto 1057/2015 estableceu un límite máximo de 1 permiso VTC por cada 30 licenzas de taxi. Na actualidade ese ratio supérase con creces en Galicia, onde operan ao redor de 300 vehículos con licenza VTC e hai 3.637 taxis. Case 1 VTC por cada 10 licenzas de taxis, o triplo do legalmente autorizado.

Dado que entre 2009 e 2015 houbo en España barra libre para a concesión de licenzas VTC, as autorizacións concedidas naqueles anos non poden ser revogadas, pero a administración non pode conceder novas licenzas, tan só completar os procesos iniciados antes da aprobación do Real Decreto 1057/2015. En Galicia son ao redor de 50, pero en comunidades como Madrid ou Cataluña a cifra de peticións pendentes de resolver é moi superior e pode implicar un grande aumento da licenzas VTC nos vindeiros meses. 

Os taxistas reclaman que o ratio de 1/30 se cumpra en relación co número real de vehículos que prestan servizo nas rúas, limitando así a cifra de VTC en cada cidade. Cómpre salientar a este respecto que a actividade de plataformas como Uber ou Cabify se ven centrando unicamente nas grandes cidades, onde poden obter un maior beneficio económico, deixando de lado as zonas rurais, que dependen exclusivamente do taxi.

Área na que inicialmente operará Uber na Coruña © Uber

A principal crítica das asociacións de taxistas ten que ver con supostos incumprimentos da lei a cargo dos vehículos VTC no que se refire á captación e recollida de usuarios. A Lei galega 4/2013 de transporte público de persoas en vehículos de turismo especifica que "en ningún caso os vehículos adscritos á actividade de arrendamento con condutor poderán agardar ou circular polas vías públicas en busca de clientes, nin realizar recollida dos mesmos que non contratasen previamente o servizo". A asociacións herculinas de taxistas teñen denunciado ante a Policía que vehículos de Cabify si estaban a realizar esa actividade de "espera" nas zonas de ocio nocturno. 

A gran batalla que está a librar o sector do taxi refírese ao tempo que debe pasar entre a contración (sexa a través da app ou doutras vías) e a realización do servizo

A utilización de aplicacións móbiles para a contratación inmediata de servizos de transporte (que permiten ver en tempo real os vehículos que se atopan máis preto) permítelles a estas compañías a recollida na rúa de clientes sen incumprir o precepto que as obriga a pechar previamente a contratación. A propia lei 4/2013 prevé que "regulamentariamente poderá habilitarse a posibilidade de que a contratación do servizo poida efectuarse por medios telemáticos, debéndose garantir, en todo caso, o cumprimento do requisito da efectiva contratación previa á realización de calquera servizo". 

De feito, a gran batalla que está a librar o sector do taxi refírese ao tempo que debe pasar entre a contración (sexa a través da app ou doutras vías) e a realización do servizo. Hai uns meses a Área Metropolitana de Barcelona esixiu que a contración se realizase con cando menos unha hora de antelación, o que invalidaría o modelo de negocio de Uber e Cabify. Porén, hai 15 días o Tribunal Superior de Xustiza de Cataluña suspendeu cautelarmente ese artigo, deixando a limitación nos 15 minutos previstos pola Generalitat. En Galicia o Decreto 103/2018, aprobado o pasado ano e que desenvolve a leo 4/2013, non fixa tempos mínimos para a contratación.

Distintivos e propiedade

As críticas dos taxistas diríxense tamén contra a suposta fachada colaborativa de plataformas como Uber, que alega que os seus condutores son autónomos. Porén, a realidade é que varias empresas controlan un gran número de licenzas e vehículos. As asociacións do taxi denuncian igualmente que mentres o sector do taxi está regulado polo Estado, que fixa os prezos que deben cobrar por cada percorrido, os condutores de Uber ou Cabify non están suxeitos a estes controis.

Finalmente, o sector do taxi esixe que os vehículos con licenza VTC cumpran a lei no referido á colocación do "distintivo obrigatorio", aprobado pola Xunta de Galicia hai uns meses. O Goberno galego obriga a que os vehículos amosen claramente un autoadhesivo tanto na parte dianteira como na traseira no que debe constar "o mes e ao exercicio nos que o titular deberá proceder ao próximo visado do título administrativo habilitante".

Uber iniciou a súa actividade na Coruña o pasado 25 de xullo © Uber
Así é o distintivo que terán que portar en Galicia os vehículos alugados en servizos como Uber ou Cabify © Xunta

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.