A contorna da Illa de Sálvora deixa de ser un punto de vertido de residuos procedentes de dragaxes

Punto de vertido autorizado ata agora a dúas millas de Sálvora © Google

Dende o ano 1998 un punto situado a dúas millas ao suroeste da Illa de Sálvora vén sendo utilizada, de forma legal, para o depósito de materiais obtidos de distintos traballos de dragaxe nas rías e costas galegas. Isto veu provocando as críticas de grupos ecoloxistas e de colectivos de mariscadores, pescadores e outras entidades, polos prexuízos que estes materiais podían provocar non só á propia contorna da Illa de Sálvora, parte do Parque Nacional das Illas Atlánticas, senón á propia Ría de Arousa, pois o punto de vertido atópase na súa bocana.

O Ministerio de Transición Ecolóxica vén de decidir a prohibición do depósito de áridos neste punto próximo á Illa de Sálvora ata a realización dun estudo de alternativas para o seu depósito

É por isto que unha gran parte das críticas viñeron da Plataforma en Defensa da Ría de Arousa (PDRA), que xa no ano 2004 denunciara o vertido de 1.336.000 metros cúbicos de lodos procedentes das obras de dragaxe do porto de Vilagarcía. E, de novo en 2019, a PDRA alertou no vertido de 330.000 metros cúbicos de lodos da dragaxe da Ría de Pontevedra, sinalando ademais a súa maior perigosidade pola contaminante actividade industrial do complexo de ENCE-Elnosa.  Estas entidades levan anos esixindo a clausura deste punto de vertidos e puntos alternativos para o seu depósito. Dende aquel ano 1998 deitáronse neste lugar máis de 5 millóns de metros cúbicos de residuos.

Illa de Sálvora © Ruta dos Faros

O Ministerio de Transición Ecolóxica vén de decidir a prohibición do depósito de áridos neste punto próximo á Illa de Sálvora ata a realización dun estudo de alternativas para o seu depósito. A clausura temporal deste punto de vertido levará a atrasos nos traballos de dragaxe previstos en varios puntos da costa, comezando polo que se vai realizar na Ría de Pontevedra, pero tamén noutros 12 lugares, situados entre Muros e A Guarda.

Os vertidos viñan provocando as críticas de grupos ecoloxistas e de colectivos de mariscadores, pescadores e outras entidades

Agora, as distintas administracións deberán buscar un novo punto na costa para o vertidos de áridos, un tema que nos últimos anos vén xerando distintas polémicas. De feito, o vertido dos lodos procedentes da dragaxe da Ría de Pontevedra pasou ía ser primeiro a contorna da Illa de Tambo, pero isto atopou o rexeitamento de varias confrarías de pescadores da ría pontevedresa. Por este motivo, optouse pola localización alternativa da contorna da Illa de Sálvora, espertando entón as denuncias dos colectivos da ría de Arousa.

Unha zona de "importante riqueza ecolóxica, marisqueira e pesqueira"

A PDRA vén advertindo do posible prexuízo que o vertido de áridos pode provocar á riqueza biolóxica da ría de Arousa

O punto de vertido autorizado dende 1998 a dúas millas de Sálvora leva anos no foco da polémica, alertando a PDRA de que se trata dunha "zona de importante riqueza ecolóxica, marisqueira e pesqueira". A entidade vén advertindo do posible prexuízo que o vertido de áridos pode provocar á riqueza biolóxica da ría de Arousa, unha das máis ricas e produtivas do mundo, onde por exemplo o ano pasado se recolleron o 70% dos mexillóns de toda Galicia (e o 66% dos producidos en toda España), cun valor de 78 millóns de euros. 

Ría de Pontevedra, coas instalacións de ENCE-Elnosa en primeiro termo CC-BY-SA encefora.gal

Perante un dos vertidos realizado, a PDRA afirmaba de que "o pequeno tamaño das partículas e o seu escaso peso facilitan a súa ampla dispersión polas correntes mariñas, posibilitándose que entren na ría". Así mesmo, denunciaba que os lodos presentan unhas porcentaxes de materia orgánica relativamente altos, polo que o seu resuspensión na boca da ría favorece os procesos biolóxicos das chamadas mareas vermellas".

O punto de vertido está situado entre dúas das illas que conforman o Parque Nacional das Illas Atlánticas

A entidade subliñou que o punto de vertido legal está situado entre dúas das illas que conforman o Parque Nacional das Illas Atlánticas. E lembra que o Plan de Ordenación dos Recursos Naturais (PORN) do Parque reclama "a protección fronte aos impactos producidos polo fondeo e a acumulación de refugallos (...) e con iso a conservación das máis de 200 especies de algas, os numerosos invertebrados asociados, así como da gran cantidade de peces" que se alimentan ou se refuxian nestas augas.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.