A Coruña batalla contra o intento de Defensa de vender os "terreos comunais" da Maestranza

Sistema de fortificacións no Campo da Estrada e predios nos que se prevé construír © Defensa do Común

Dende hai catro anos o Ministerio de Defensa busca vender varias parcelas situadas no Campo da Estrada da Coruña, nun espazo tamén denominado A Maestranza e que se sitúa a carón da Cidade Vella. De feito, os predios abranguen parte das murallas barrocas que protexeron a cidade a comezos do século XIX. Son, pola súa localización (a 100 metros do mar e nun espazo con escasos espazos sen edificar), uns terreos de gran valor económico, polos que Defensa esperaba obter máis de 24 millóns de euros na poxa pública que impulsou no ano 2016. Nun comezo eran tres as parcelas, pero o Ministerio desistiu de vender unha delas, por haber máis opcións de que nela aparecesen restos arqueolóxicos.

Nun comezo eran tres as parcelas, pero o Ministerio desistiu de vender unha delas, por haber máis opcións de que nela aparecesen restos arqueolóxicos

O proxecto de Defensa, que prevía que se erguesen alí vivendas de luxo, contou dende ese momento coa oposición do Concello e tamén de numerosas entidades sociais, encabezadas pola Comisión en Defensa do Común, que en entrevista con Praza.gal denunciaba que "o Ministerio de Defensa non se pode comportar como unha inmobiliaria". En abril de 2016 a Comisión de Defensa do Congreso aprobou por unanimidade instar o Ministerio a suspender a poxa dos terreos do Campo da Estrada. Así mesmo, o Concello reclamou a cesión gratuíta dos terreos para destinalos a uso público, ao que o Ministerio se negou.

Defensa pretendía vender tres parcelas, aínda que renunciou de facelo nunha delas, por haber máis posibilidades de atopar restos arqueolóxicos © Google Maps

Dende o Goberno local, agora dirixido polo PSdeG-PSOE, apóstase dende o pasado outono por limitar a edificabilidade dos terreos

As poxas resultaron desertas en dúas ocasións, pero finalmente difundiu que atopar comprador de forma directa, unha operación pola que ingresaría una 12 millóns de euros. En outubro de 2018, o Goberno municipal aprobou a suspensión das licenzas de parcelación, derrubo e construción durante un ano no ámbito da muralla da Cidade Vella. Con esta medida, o Concello buscaba gañar tempo. Con todo, a prórroga era dificilmente prorrogable e unha vez cumprido o prazo, Defensa anunciou que continuaba coa venda anunciada un ano antes.

Dende o Goberno local, agora dirixido polo PSdeG-PSOE, apóstase dende o pasado outono por limitar a edificabilidade dos terreos (os metros nos que se podería construír), apoiándose na presenza de restos arqueolóxicos. Este xoves o pleno municipal debaterá unha moción relativa aos terreos do Campo da Estrada presentada pola Comisión en Defensa do Común a través da Marea Atlántica. Ademais, o BNG realizará unha pregunta sobre a venda das parcelas. 

A moción, que lembra que existen estudos que proban a existencia de restos das murallas nas parcelas da Maestranza, destaca o contido dun informe da Dirección Xeral de Patrimonio que recoñece que “os muros circundantes urbanos, as construcións defensivas con baluartes e os sistemas defensivos que configuran xa teñen a consideración de ben de interese cultural” en función da Lei de Patrimonio Cultura de Galicia. E que, polo tanto, segundo esta normativa e a Lei do Solo, o Concello ten a potestade de actuar para protexer os restos das murallas sen agardar por unha declaración expresa de Ben de Interese Cultural, impedindo polo tanto a venda destes terreos.

Un informe da Dirección Xeral de Patrimonio recoñece que “os muros circundantes urbanos, as construcións defensivas con baluartes e os sistemas defensivos xa teñen a consideración de ben de interese cultural”

O texto redactado pola Comisión en Defensa do Común e presentada pola Marea Atlántica, subliña que os terreos, que tiveron múltiples usos militares, "eran en orixe terreos comunais, un patrimonio da veciñanza que foi ocupado para instalacións militares e defensivas". E que, en consecuencia, "unha vez que deixan de ter esas funcións, deberían volver a ser patrimonio do común”. Ademais, alértase de que a empresa que mercou as parcelas "xa solicitou as licenzas de obra para dous edificios", un con cen vivendas e outro con 56. 

A moción esixe que o Ministerio retome as negociacións co Goberno Municipal da Coruña en base aos acordos da Comisión de Defensa do Congreso, "facilitando así dende o Ministerio de Defensa a devolución gratuíta ao Concello da Coruña dos terreos". Ademais, insta a suspender a concesión de licenzas de edificación na Maestranza. Pola súa banda, o BNG preguntaralle ao Goberno municipal "que pensa facer" para "asegurar a devolución á cidade dos terreos do Campo da Estrada".

Plano municipal actual, co trazado das murallas. En vermello, a muralla barroca, no Campo da Estrada (Maestranza) Dominio Público Praza Pública

A Comisión en Defensa do Común denuncia que dende 1984 o Ministerio de Defensa actúa na cidade "como unha auténtica inmobiliaria dedicada á especulación urbanística". O 30 de xuño dese ano o Goberno municipal -comandando nese momento por Francisco Vázquez- e Defensa asinaron un convenio mediante o cal o Exército lle cedeu á cidade espazos coma o Monte de San Pedro ou o cuartel de Macanaz (o lugar que hoxe ocupa a Fundación Seoane). 

A Comisión en Defensa do Común denuncia que dende 1984 o Ministerio de Defensa actúa na cidade "como unha auténtica inmobiliaria dedicada á especulación urbanística"

Porén, a cambio o Concello recualificou terreos céntricos ocupados nese momento por instalacións militares (Cuartel de Zalaeta, Cuartel de San Amaro) ou da súa propiedade (predios en Maestranza, Corralón...), para que Defensa puidese vendelos a promotoras inmobiliarias e construír alí edificios residenciais. Defensa do Común calcula que con estas operacións Defensa ingresou xa uns 8.000 millóns de pesetas (máis de 48 millóns de euros) e lembra que A Coruña "sempre se mobilizou para frear estas prácticas especulativas".

"Coñecemos numerosos casos de devolución ao patrimonio de cidades e doutras institucións de edificios e miles de metros cadrados por parte do Ministerio de Defensa. Non estamos diante dun tema de interpretación xurídica, senón de vontade política e se esta existe, poden encontrarse as vías para devolver ao pobo o que sempre foi do pobo", conclúe a entidade

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.