A Deputación de Pontevedra anima a agasallar xoguetes sen desigualdades de xénero

Presentación da campaña en Vigo, este martes © Deputación de Pontevedra

“Os xoguetes e os xogos non teñen xénero, como imaxinar tampouco ten xénero". Deste xeito presentou Carmela Silva, presidenta da Deputación de Pontevedra, a campaña 'Este Nadal, xoguetes sen estereotipos de xénero', unha iniciativa do ente provincial que busca rachar os prexuízos que aínda existen ao redor dalgúns xoguetes e xogos. A Deputación anima a “cambiar as regras” nas compras que se realicen nestas festas para que as novas xeracións se desenvolvan “de forma igualitaria, inclusiva, respectuosa da diversidade e de forma non violenta”, como sinalou Silva.

“Os xoguetes e os xogos non teñen xénero, como imaxinar tampouco ten xénero"

"Queremos que as nosas nenas e os nosos nenos aprendan xogando, sen prexuízos, e así destruír ese muro no que hai xoguetes para nenos e para nenas en distintos corredores das tendas, hai envoltorios distintos para cada un deles, e onde os xoguetes rosas son só para nenas e o fútbol parece que só é para nenos”, dixo Silva.

A Deputación subliña a necesidade de traballar en rede entre as institucións, fabricantes e familias para propiciar que as nenas e nenos se eduquen, xoguen e medren sen obstáculos e con total liberdade e en igualdade de condicións. Esta é, ademais, unha das metas fixadas pola Axenda 2030 de Nacións Unidas, que determina como un dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS) acabar con todas as formas de discriminación existentes e empoderar ás mulleres e ás nenas. 

"Cando a unha nena lle regalamos bebés, cociñas, vasoiras... e pasa toda a súa infancia con eses elementos, está aprendendo que o seu lugar no mundo é o privado e coidar e manter o fogar"

Para Carmela Silva, “hai unha clara irresponsabilidade social en non tomar en serio o que ten que ver co mundo do xogo e do xoguete” e “hai que rachar co muro da desigualdade”. A campaña parte da base de que a transmisión dos estereotipos de xénero comeza desde a infancia, onde nenas e nenos verán marcadas "as súas aptitudes e actitudes, en función das características que lles atribuamos a cada un”. “Ata os cinco anos as nenas e os nenos soen xogar a todo e soñar con todo. Xa comezan desde os dous anos a visibilizar que non son iguais, pero a partir dos cinco vese con toda claridade que elas xogan a unhas cousas e eles a outras”, engadiu a presidenta provincial.  

"Cando a unha nena lle regalamos bonecas, bebés, cociñas, vasoiras, fregonas e se pasa toda a súa infancia con eses elementos, está aprendendo que o seu lugar no mundo é o privado e coidar e manter o fogar. Cando a un neno lle regalamos escopetas, balóns, instrumentos científicos para investigar, bicicletas moi potentes para correr, estamos dicindo que o seu lugar no mundo é o da forza, a valentía, a decisión e, desde logo, que non se lle ocorra ter nada que ver cos coidados", incidiu.

"Os xogos e os xoguetes son ferramentas imprescindibles e básicas para a educación como persoas”

A campaña, deseñada por Isabel Blanco e Luz Beloso, pon o foco en rachar coa desigualdade. “Xogar é unha actividade universal que debe transcender categorías de xénero”, sinalan as súas creadoras. A iniciativa conta cun cartel deseñado para a ocasión e tamén cun vídeo, que anima a “cambiar as regras do xogo”, porque "nós, así, non xogamos”. Ademais da difusión en medios, a campaña estará presente en mupis e se decorarán con vinilos dous autobuses urbanos en Vigo.

Na presentación, Isabel Blanco destacou que “xogar ensínanos a vivir” e subliñou que "os xogos e os xoguetes son ferramentas imprescindibles e básicas para a educación como persoas”. "Se non podemos salvar o mundo como fan eles nin derrotar monstros, nin inventar un remedio, se eles son sempre os heroes que constrúen o mundo, as nenas, as mulleres, quedarémonos fóra dese mundo que se está a construír”, dixo.

Cartel da campaña 'Xoguetes sen estereotipos de xénero' © Deputación de Pontevedra
Presentación da campaña, a pasada semana © Deputación de Pontevedra

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.