A experiencia do persoal sanitario en Portugal computa para recoñecer o seu grao profesional no Sergas

Enfermeira nun hospital do Sergas CC-BY-SA Xunta

O tempo traballado en Portugal computa para o recoñecemento do grao profesional no Sergas. É o que vén de confirmar o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) nunha sentenza na que recoñece o dereito dunha enfermeira a que se teña en conta a súa experiencia profesional no país veciño. 

O Sergas negoulle a unha enfermeira o cómputo de case 20 anos de experiencia en Portugal para o recoñecemento do seu grao profesional

Esta muller, que prestou servizo durante case vinte anos en Portugal, interpuxo un recurso de apelación contra unha sentenza ditada polo Xulgado do Contencioso-administrativo número 2 de Vigo que tiña en conta os argumentos esgrimidos polo departamento de Sanidade da Xunta. O Servizo Galego de Saúde (Sergas) denegáralle o cómputo para o recoñecemento do seu grao profesional porque nas bases da convocatoria indicábase que os servizos debían “ser prestados por conta e baixo a dependencia de institucións sanitarias do Sistema Nacional de Saúde”.

A demandante, persoal estatutario do Sergas en Vigo desde hai pouco máis dun ano, participou no procedemento ao abeiro do novo acordo para acceso aos graos de carreira profesional —publicado no DOG a finais de 2022—, solicitando o grao I na súa categoría e que lle foi estimado a finais dese mesmo ano. 

Dúas enfermeiras do Sergas nun hospital de Galicia CC-BY-SA Xunta

Semanas despois, solicita ante a xerencia da área sanitaria que se lle recoñeza ese dereito, sen recibir resposta ningunha. Ante esta presunta desestimación, interpuxo un recurso que lle foi desestimado polo Sergas no mes de abril, argumentando que non se podían computar os servizos prestados fóra de España e advertíndolle de que a participación no proceso supoñíalle a aceptación das bases. Acudiu á Xustiza e volveu recorrer outro ditame en contra que daba a razón á Xunta.  

O TSXG advirte de que as bases do Sergas que exclúen as experiencias profesionais fóra de España para o recoñecemento do grao profesional non concordan co Dereito comunitario

Agora, os maxistrados da sección primeira da Sala do Contencioso-administrativo do TSXG, na súa sentenza, advirten que a petición non lle foi denegada “por faltar documentación, por non estar acreditados os servizos en Portugal ou por non presentar unha certificación de servizos que demostre equivalencia”. E lembran que a xurisprudencia, tal e como reflicten varias sentenzas do Tribunal Supremo, “permite a impugnación indirecta das bases dunha convocatoria que produzan unha lesión dos dereitos fundamentais e, nesta materia, singularmente os principios de igualdade, mérito e capacidade, con ocasión do recurso que se formula contra un acto posterior do proceso selectivo”.

"As experiencias profesionais dos empregados públicos non poden limitarse por razón da nacionalidade ou por desprazarse ou provir doutro país da UE”

“Da xurisprudencia do Tribunal de Xustiza da Unión Europea dedúcese con nitidez que os empregados públicos se benefician das liberdades económicas fundamentais que lles permiten moverse polo mercado único europeo sen ningunha traba, do que se desprende que tales circunstancias de mobilidade no mercado común non poden ter efectos disuasorios, o cal significa que o acceso ao emprego, o recoñecemento de diplomas ou as experiencias profesionais dos empregados públicos non poden limitarse por razón da nacionalidade ou por desprazarse ou provir a experiencia doutro país da Unión Europea”, recalca o alto tribunal galego na resolución.

Na sentenza, ademais, o TSXG sinala que, en definitiva, “a experiencia previa, na mesma categoría profesional, noutro país da UE daquel en que trata de facerse valer, ten directa conexión cos principios de mérito e capacidade, porque se se trata da prestación dos mesmos servizos ningunha diferenza ha de existir na valoración polo feito de que tal prestación se producira nun país diferente da Unión Europea”. 

Sede do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, na Coruña © TSXG

O TSXG declara "nulo de pleno dereito" un dos apartados do acordo para as convocatorias de acceso aos graos de carreira profesional no Sergas

Ademais, a demandante tamén solicitara que se declarase "nulo de pleno dereito" o apartado III da resolución do DOG que informa do acordo na Mesa Sectorial para as futuras convocatorias de acceso aos graos de carreira profesional, así como "calquera outra norma ou acordo sobre a carreira profesional en canto impida tomar en consideración, en concepto de antigüidade do traballador, a experiencia profesional adquirida por este nun servizo público de saúde doutro Estado membro e non posibilite o cumprimento das obrigas en materia de recoñecemento de cualificacións profesionais, a efectos de xustificar que a restrición á libre circulación dos traballadores responde a un obxectivo de interese xeral". 

O TSXG sentenza que "procede a postulada declaración de nulidade de pleno dereito do apartado III da resolución do 25 de novembro de 2022, pero que "non cabe estender esa declaración a calquera oura norma ou acordo sobrea carreira profesional". 

Así, o Superior recoñece "o dereito da recorrente a que se compute a súa experiencia profesional en Portugal e se tramite e resolva o procedemento para o recoñecemento do grao I da carreira profesional" e "declara a nulidade de pleno dereito do apartado III" da devandita resolución da Dirección Xeral de Recursos Humanos do Sergas. 

A sentenza non é firme, pois cabe presentar recurso de casación ante o Tribunal Supremo.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.