A falta de camas e a escaseza de persoal obriga a suspender cirurxías no Sergas

Protesta de persoal de enfermaría nun hospital galego CC-BY-NC-SA CIG

O elevado número de persoal eventual co que conta o Sergas, unido á falta de camas ou peche de espazos nalgunhas áreas, está a provocar continuos problemas no sistema sanitario galego. Ao conflito aberto na Atención Primaria, nalgún servizo de Urxencias ou nos PAC úneselle agora o do persoal de enfermaría, cada vez máis indignado e mobilizado ante as súas precarias condicións laborais e de contratación e as escasas expectativas. 

O Sergas está a ter problemas para cubrir as baixas do vindeiro domingo 12 de maio pola asistencia da maioría do persoal de enfermaría ás oposicións

Tal e como relatou Praza.gal a pasada semana, a última proba da situación precaria deste persoal chega ante o concurso oposición que o vindeiro 12 de maio van realizar en Silleda un total de 8.832 enfermeiros e enfermeiras de toda Galicia. Malia cadrar en domingo, o elevado número de asistentes ao exame –de non acudir baixan nota e caen nas listas– provoca que a Consellería estea a ter moitas dificultades para cubrir o servizo que ofrecen estes profesionais. Os problemas constatan a escaseza de traballadores fixos no Sergas, o que levou a Xunta a ofrecer a ese escaso persoal estable a realización dunha xornada voluntaria nese día con retribucións que case dobran as habituais dun festivo. 

Pero ese problema futuro está xa a ter consecuencias en atrancos actuais. Nos inicios desta mesma semana, o Complexo Hospitalario Universitario de Vigo (CHUVI) tivo que suspender cirurxías por falta de persoal eventual de enfermaría ante o déficit que deste persoal está a ter o Sergas nas listas de contratación na área de Vigo. A escaseza é tal que o Sergas, como recoñeceu publicamente, puxo en marcha un plan que inclúe denegar permisos, reducións de xornadas ou suspensión de chamamento nestas listas, así como instaurar quendas adicionais retribuídas ou prolongacións de xornadas. 

Mobilización de persoal de enfermaría nun hospital galego CC-BY-NC-SA CIG

Con todo, estas medidas non evitaron que se suspendesen cirurxías menores no Hospital Meixoeiro que adoitan ser atendidas por enfermeiros e enfermeiras eventuais que son requiridos para ese labor e que son reprogramadas para días posteriores. Sanidade explica que o déficit débese a varios factores: que “gran parte das enfermeiras das listas xa están contratadas”, o “alto índice de substitución deste colectivo por Incapacidade Temporal”, que alcanza o 15% nos interinos na área de Vigo, as “coberturas de ausencias ausencias por permisos e reducións de xornada” ou o feito de que “o persoal priorice a preparación dos exames [do 12 de maio] sobre as contratacións laborais”. 

Sanidade estableceu un plan para paliar o déficit de persoal eventual que denega permisos ou reducións de xornadas e ofrece dobrar quenda e prolongar xornadas 

Desde o persoal de enfermería, varias fontes matizan as explicacións que dá o Sergas e aclaran que, ademais da “carencia brutal de persoal eventual”, parte da suspensión de operacións debeuse “á falta de camas”. 

"Suspendéronse por falta de camas"

Segundo explican profesionais afectados, a área sanitaria de Vigo está propoñendo a persoal se enfermería con praza fixa na quenda de mañá dobrar a quenda de tarde cunha compensación económica e desprazar así o eventual de quirófano a traballar esa tarde ás plantas. O pasado luns, data na que se suspenderon as operacións --e sempre segundo estas mesmas fontes--, había enfermeiras que tiñan xa programado dobrar a quenda para traballar nesas intervencións cirúrxicas, que “foron suspendidas por falta de camas”. 

Fontes do persoal de enfermaría sinalan que a falta de camas provocou a suspensión de cirurxías no Meixoeiro cando profesionais que dobraban quenda xa tiñan programadas ese labor

“Está pechada a zona 2 da cuarta planta do Meixoeiro, en cirurxía, e están colapsando a planta de medicina interna, cunha alta porcentaxe de pacientes en illamento e con persoal que non dá feito”, explican estas mesmas fontes, que din estar “cansas” de que o Sergas sinale sempre o persoal de enfermería ante unha situación “que crearon eles mesmos, cun persoal esgotado e que se ve obrigado a coller baixas”

Ante as preguntas de Praza.gal polas denuncias deste persoal de enfermería, o Sergas limitouse a remitir ao comunicado onde explica o plan implantado para “paliar o déficit provisional de enfermeiras dispoñibles nas listas de contratación”. Segundo di, das 1.948 persoas inscritas para realizar substitucións, só hai 5 dispoñibles na lista xeral e 18 no Pool, para contratos de curta duración”. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.