A Fiscalía pide catro anos de cadea para un acusado de estafar 60.000 euros á Xunta facéndose pasar por unha contratista

Oficinas da Xunta CC-BY-SA Xunta de Galicia

O home "remitiu correos electrónicos á conta xeral da Consellería de Sanidade" e despois logrou que un funcionario mudase o número de conta bancaria no que o Sergas tiña que pagar á empresa e o fixese na súa

A Audiencia Provincial da Coruña, na súa sección en Santiago, xulgará a próxima semana a un home ao que a Fiscalía e a Xunta acusan de estafa por facerse pasar polo responsable dunha empresa adxudicataria do Sergas e lograr que este lle ingresase preto de 60.000 euros. A Fiscalía pide para o acusado catro anos de cadea por un delito de estafa.

Segundo os feitos que relata a Fiscalía no seu escrito de acusación, en setembro de 2019 o home, finxindo actuar en nome dunha empresa que cinco meses antes fora adxudicataria dun contrato tecnolóxico do Sergas, "remitiu correos electrónicos á conta xeral da Consellería de Sanidade, solicitando información sobre o pagamento das facturas" á adxudicataria. "Para dar apariencia de que era unha persoa autorizada pola empresa e conseguir a información, achegou ademais unha serie de datos como o número de expediente, número das facturas e importe", datos dos que se descoñece como accedeu a eles.

Entrada dos Xulgados de Santiago CC-BY-SA Praza Pública

Segundo a Fiscalía, o acusado conseguiu "xerar no funcionario receptor das comunicacións a crenza de que a persoa coa que se comunicaba pertencía" á empresa contratista da Xunta e informou de que as facturas estaban en trámite. Así, "o acusado, aproveitando a situación e a información obtida, contactou novamente co funcionario e comunicoulle que ían pechar a conta corrente na que a administración viña efectuando os pagamentos derivados da execución do contrato" e pediu que a administración mudase de conta, achegando certificados bancarios da anterior e dunha nova propiedade súa.

Así que a Xunta acabou ingresando 59.596,61 euros na conta facilitada polo acusado, que nos días seguintes retirou a gran maioría a través de caixeiro. Cando a Xunta verificou "que o pagamento efectuado fora froito dun engano" abonou a contía que debía á adxudicataria real. Agora a administración reclama ao acusado a devolución dos cartos e a Fiscalía pide para el catro anos de cadea e 12 meses de multa cunha cota diaria de 10 euros.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.