A Fiscalía pide seis anos de cadea para dous empresarios por delito ambiental nun vertedoiro veciño do de Sogama

Vista aérea dos vertedoiros de Areosa, en Cerceda CC-BY-SA Sixpac Xunta

Entre 2012 e 2016 provocaron "unha severa contaminación do chan e dos acuíferos" para "aforrar custos á empresa e maximizar os seus beneficios" e serán xulgados o luns na Audiencia da Coruña

A Audiencia Provincial da Coruña acolle a partir do luns un xuízo por delito ambiental contra dous empresarios pola reiterada contaminación das augas dun vertedoiro da súa propiedade situado nas proximidades do vertedoiro de Sogama de Areosa, Cerceda. A Fiscalía pide para cada un deles seis anos de cadea, inhabilitación por catro anos para actividades relacionadas coa xestión de residuos, multa duns 11.000 euros e unha indemnización conxunta á Xunta de 572.000 euros polo custo derivado da xestión dos residuos existentes no vertedoiro.

Sede da Audiencia da Coruña, na antiga fábrica de tabacos CC-BY-SA Praza Pública

Segundo o relato dos feitos do escrito de acusación da Fiscalía, os dous empresarios, responsables de Recoge Galicia de Gestión SL, xa disolta tras un procedemento concursal e unha longa historia de conflitos ambientais coa Xunta, incumpriron "sendo plenamente conscientes" a autorización ambiental do seu vertedoiro outorgada pola Xunta en 2010. 

Así o fixeron "desde cando menos o ano 2012" ata comezos de 2016 ao permitir verteduras ao dominio público hidráulico dos lixiviados ou líquidos contaminantes que producía o seu vertedoiro, "provocando unha severa contaminación do chan e dos acuíferos da zona co conseguinte dano ambiental e grave risco para a saúde das persoas".

A Fiscalía di que os dous empresarios, "conxunta e concertadamente", "toleraron, promoveron e consentiron as verteduras, prescindindo ademais intencionadamente de realizar os controis analíticos establecidos" para "aforrar custos á empresa e maximizar os seus beneficios".

Fragmento do escrito de acusación da Fiscalía CC-BY-SA Praza Pública

Tras varias sancións previas, en 2016 a Xunta ditou a execución forzosa de varias actuacións de reparación ambiental por 572.000 euros, importe que a Fiscalía tamén esixe aos dous acusados como indemnización

Ata chegar a este xuízo penal a empresa xa recibira varias sancións administrativas da Xunta, cuxos inspectores mesmo entraran de urxencia no vertedoiro ante o risco de desbordamento dunha balsa de lixiviados. O escrito de acusación da Fiscalía recolle como "pese aos sucesivos requirimentos por parte da Administración autonómica", estes "fixeron caso omiso", o que levou á Xunta, en marzo de 2016, a ditar un acordo de execución forzosa de diversas labores de reparación ambiental na contorna, actuacións que tiveron un custo de 572.000 euros.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.