Tres anos de demora no xuízo e un pacto coa Fiscalía reducen a condena por traficar en Vigo cun gas destrutor da capa de ozono

O gas co que traficaban os condenados en Vigo afecta á capa de ozono do planeta © NASA

A petición inicial de 25 meses de cadea e máis de 400.000 euros de multa queda rebaixada a 3 meses e menos de 70.000 euros na sentenza sen posibilidade de recurso emitida pola Audiencia de Pontevedra tras admitir os feitos os tres condenados

Durante varios anos a comezos da pasada década o propietario dunha empresa viguesa de gases industriais traficou ilegalmente cun gas destrutor da capa de ozono. El e dous responsables doutras dúas empresas que lle adquiriron o gas admitiron os feitos e veñen de ser condenados en firme pola Audiencia Provincial de Pontevedra.

Pero un pacto coa Fiscalía e a demora de tres anos no xuízo, fixado para o pasado xullo pero que finalmente non chegou a celebrarse polo acordo das partes, fixo que as penas que inicialmente se pedían para eles quedasen notablemente rebaixadas: de 25 meses de cadea para cada un e multas que sumarían máis de 400.000 euros a só 3 meses de cadea e multas que non chegan a 70.000 euros.

O gas ía destinado a refrixeración e plantas de frío de diversos barcos © Autoridade Portuaria de Vigo

A sentenza por conformidade entre acusados e Fiscalía emitida pola Audiencia de Pontevedra "declara probado" que ao longo de varios anos e "cando menos desde 2010" a empresa implicada, de carácter familiar e domiciliada en Vigo, vendeu gas colodifluorometano (HCFC 22 ou R-22, segundo a súa denominación comercial) a outras empresas, non todas identificadas na causa penal, que o empregaban para refrixeración no eido pesqueiro. Esas operacións foron feitas polo administrador único e xestor da empresa viguesa "a sabendas de que non podía facelo por estar prohibido, xa que dito gas é unha das substancias que esgotan a capa de ozono". 

O gas acabou chegando a varias empresas, non todas identificadas e non todas coñecedoras da súa orixe prohibida

A produción, importación e exportación do gas en cuestión está regulada na UE desde o 1 de xaneiro de 2010, cunha excepción que permitía a súa importación, reenvasado e reexportación, ou a súa rexeneración, só a determinadas empresas autorizadas pola Comisión Europea. A principal empresa implicada no caso tivo a primeira autorización ata 2012, pero non podía vender o gas en territorio comunitario nin tampouco rexeneralo.

A sentenza constata tamén, igualmente coa admisión dos feitos por parte dos condenados, que dous responsables doutras dúas empresas do sector pesqueiro, unha viguesa e outra portuguesa, adquiriron o gas ilegal para os sistemas de refrixeración de varios barcos.

Fragmento da sentenza por tráfico ilegal en Vigo dun gas que afecta á capa de ozono CC-BY-SA Praza Pública

Inicialmente a Fiscalía tamén implicaba no caso as empresas para as que traballaban estas outras dúas persoas, así como unha cuarta persoa relacionada cunha desas firmas, pero tras o acordo entre as partes a sentenza finalmente exclúe a esta última persoa e sinala que as outras empresas non eran coñecedoras do tipo de gas que estaban a adquirir.

A sentenza reflicte a "atenuante moi cualificada de dilacións indebidas" polas "constantes" demoras na tramitación do caso

O escrito de acusación inicial da Fiscalía, emitido orixinalmente en maio de 2020, pedía para cada unha das persoas acusadas dous anos e tres meses de cadea, nove anos de inhabilitación para actividades relacionadas co comercio de gases refrixerantes e 22 meses de multa con cota diaria de cen euros. E para a empresa viguesa orixe do caso dous anos de multa con cota diaria de cen euros. Isto é, as multas sumaban un total de máis de 400.000 euros.

Pero ademais do acordo coa Fiscalía co que os condenados admitiron os feitos para non chegar a xuízo rebaixar a condena, a demora na fixación da vista oral contribuíu a reducir aínda máis a pena que recibiron. "A tramitación do procedemento sufriu constantes dilacións por motivos que, en ningún caso, poden atribuírse aos acusados, sendo de destacar especialmente os case tres anos transcorridos desde que se acordou a apertura do xuízo oral e as defensas presentaron os seus escritos de defensa ata o día de hoxe", constata a sentenza da Audiencia Provincial, que aprecia así "a concorrencia da circunstancia atenuante moi cualificada de dilacións indebidas".

A sentenza reflicte as "constantes dilacións" que sufriu a tramitación do caso e que levaron a reducir a pena aos condenados CC-BY-SA Praza Pública

Así que finalmente os tres condenados recibiron cada un penas de só tres meses de cadea, inhabilitación de ano e medio para o comercio de gases refrixerantes e multas de 6 meses con cota diaria de 40 euros. Ademais, as penas de prisión quedan suspendidas por dous anos "coa condición de que non delincan durante ese período". E a empresa viguesa orixe do caso é multada con con seis meses con cota diaria de 250 euros. Isto é, a suma total das multas non chega a 70.000 euros.

A sentenza, por acordo das partes, "é definitiva e firme e non cabe recurso algún sobre a mesma".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.