Os acusados e tres empresas implicadas no subministro a varios barcos dun gas refrixerante prohibido fan fronte a próxima semana a un xuízo no que tamén se lles piden multas que suman máis de 400.000 euros
Catro persoas e tres empresas serán xulgadas a próxima semana en Vigo pola Audiencia Provincial por un delito de tráfico ilegal de substancia destrutora do ozono tras subministrar a varios barcos un gas refrixerante prohibido. A Fiscalía pide para cada unha das persoas dous anos e tres meses de cadea e tanto para elas como para as tres empresas implicadas multas que suman un total superior aos 400.000 euros.
Segundo o escrito de acusación da Fiscalía, “ao longo de varios anos, pero polo menos desde 2010” e ata cando menos 2014 unha empresa familiar domiciliada en Vigo da que non se facilita o nome e dedicada ao comercio de gases industriais vendeu clorodifluorometano (HCFC22), “coñecido comercialmente como gas R-22” a “diversas entidades domiciliadas en países pertencentes á Unión Europea, maioritariamente en España, especialmente para refrixeración e plantas de frío dos seus buques, a sabendas de que non podía facelo por estar prohibido, xa que dito gas é unha das substancias que esgotan a capa de ozono”.

A produción, importación e exportación do gas en cuestión está regulada na UE desde o 1 de xaneiro de 2010, cunha excepción que permitía a súa importación, reenvasado e reexportación, ou a súa rexeneración, só a determinadas empresas autorizadas pola Comisión Europea. A principal empresa implicada no caso tivo a primeira autorización ata 2012, pero non podía vender o gas en territorio comunitario nin tampouco rexeneralo.
O gas tamén acabou chegando a outras empresas das que non quedou acreditado que coñecesen o seu tipo e prohibición
Porén, segundo a acusación da Fiscalía, a empresa subministrou dito gas ás outras dúas firmas acusadas, unha instalada no polígono de Vincios, en Gondomar, e outra portuguesa, que o destinaban a distintos fins relacionados coa refrixeración en varios buques. Segundo a investigación, a empresa central da trama e as outras dúas implicadas, así como as catro persoas responsables ou empregadas delas, eran coñecedoras da orixe e tipo do gas, pero este tamén acabou chegando a outras firmas das que non quedou acreditado que coñecesen eses datos.
Por estes feitos a Fiscalía pide para cada unha das catro persoas acusadas dous anos e tres meses de cadea, 22 meses de multa con cota diaria de cen euros e nove anos de inhabilitación para realizar actividades relativas ao comercio de gases refrixerantes. Para a empresa principal da trama a petición é de dous anos de multa con cota diaria de cen euros e prohibición de comercio de gases refrixerantes durante dous anos, e para as outras dúas empresas un ano e seis meses de multa con cota diaria de cen euros. Ademais, pídese o comiso e destrución de todo o gas HCFC 22 existente nas instalacións da primeira empresa.