A hospitalización por COVID cae a unha décima parte do máximo que chegou a haber en toda a pandemia

Material para a toma de mostras de probas PCR no hospital de Ourense © Sergas

O Sergas suma 173 novos casos e leva dous días sen comunicar novos falecementos

A comezos de febreiro as cifras de hospitalización por COVID-19 en Galicia chegaron ao seu peor pico de toda a pandemia, cunhas 1.400 persoas ingresadas, 250 delas en coidados intensivos. Case catro meses despois, e con preto da metade da poboación xa con cando menos unha dose da vacina e unha cuarta parte coa pauta completa, tanto os hospitais en xeral como as UCI en particular presentan unha ocupación por COVID de apenas unha décima parte da de aquela.

Este domingo o Sergas comunicou que, con datos das 18 horas do sábado, hai un total de 138 persoas hospitalizadas, das que 30 están en UCI. As cifras non só son o 10% das de comezos de febreiro senón que tamén supoñen unha redución a respecto de hai unha semana, con 35 persoas menos ingresadas. A metade dos complexos hospitalarios públicos de Galicia non teñen ningunha persoa en UCI con COVID e eses casos máis graves só se concentran nos centros das sete grandes cidades.

Ao tempo, a última actualización dos datos oficiais engade outros 173 novos casos de coronavirus, 170 detectados con probas PCR nas últimas 24 horas. Son unhas cifras en liña coas da última semana e tras realizar na última xornada unhas 5.800 probas PCR.

Por outra banda, o Sergas leva dous días sen comunicar novos falecementos. Aínda que a serie pode revisarse posteriormente, a cifra de mortes mantense en 2.410 desde o comezo da pandemia. 

En dúas semanas a cidade de Santiago pasou dunha incidencia de 35 a 75 casos acumulados por 100.000 habitantes en 14 días, mentres A Coruña baixou de 115 a 80

Canto ao impacto xeográfico da pandemia, nas cidades a peor evolución estase a rexistrar en Santiago, onde hai dúas semanas a incidencia de casos acumulados por 100.000 habitantes nos anteriores 14 días chegara a ser de apenas 35 mentres que agora duplícase e chega a 75. Pola contra, a mellor evolución rexístrase na cidade da Coruña, onde no mesmo período pasou dunha incidencia de 115 a 80 casos.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.