Galicia acadou o pico da quinta vaga da pandemia de COVID nos últimos días de xullo. Dende entón as cifras de incidencia veñen descendendo, especialmente entre os grupos de idade que acadaran unhas cifras maiores de contaxios, os mozos e mozas entre 12 e 29 anos. A incidencia vén tamén reducíndose de forma clara nas últimas tres semanas entre os e as menores de 11 anos e entre o grupo de 30 a 39 anos.
Mentres que a incidencia xeral se reduciu dende os máis de 650 casos por cada 100.000 habitantes a finais de xullo ata os actuais 407, entre as persoas maiores de 80 anos aumentou dende os 118 casos ata os 245 actuais
Pola contra, nestas tres últimas semanas, o número de contaxios vén medrando nos grupos de máis idade e polo tanto máis vulnerables, que durante o comezo do verán se mantiveran en nives moi reducidos de incidencia. Especialmente preocupante é o incremento do número de positivos detectados entre as persoas de 80 anos ou máis, como destacaba este mércores o Conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, que en rolda de prensa fixo un chamamento a "non baixar a garda".
En concreto, mentres que a incidencia xeral en Galicia se reduciu dende os máis de 650 casos por cada 100.000 habitantes a finais de xullo ata os actuais 407 casos por cada 100.000 habitantes, entre as persoas maiores de 80 anos aumentou dende os 118 casos por cada mil habitantes do 25 de xullo ata os 245 actuais. O incremento nas cifras de incidencia a 14 días dende o 25 de xullo atinxe tamén ás persoas de 70 a 79 anos (de 109 a 204).
En cambio, as persoas entre 40 e 59 anos manteñen uns datos moi semellantes aos rexistrados hai tres semanas. E os grupos de idade máis novos amosan unha redución clara, máis importante na mocidade, que chegara a acadar incidencias de máis de dous mil casos por cada 100.000 habitantes e que hoxe está ao redor dos mil casos.
Afortunadamente, a vacinación, que atinxe á práctica totalidade da poboación de 70 anos ou máis, fixo que este incremento no número de contaxios das persoas máis vulnerables á COVID non se traducise nun incremento do número de mortes e ingresos equiparables aos de anteriores ondas.
Continúa a tendencia a descender o número de novos contaxios detectados, notificando o Sergas a aparición de 613 novos casos, por debaixo dos 767 do pasado xoves
Este xoves os datos amosan que continúa a tendencia a descender o número de novos contaxios detectados, notificando o Sergas a aparición de 613 novos casos, por debaixo dos 767 do pasado xoves.
Mantense, iso si, o aumento da cifra de mortes, con cinco novos falecementos, que se engaden aos seis notificados onte. Nos últimos 30 días faleceron 87 persoas en Galicia despois de ter enfermado coa COVID.
Mantéñense tamén en niveis elevados os ingresos hospitalarios, con 60 persoas nas UCI, tres menos ca onte, pero nove máis que o xoves da pasada semana. O número total de camas ocupadas (324) é semellante ao rexistrado hai sete días
Fisterra, Laxe, Malpica de Bergantiños, Rábade, A Pobra do Brollón, Betanzos, Zas e Muxía son os concellos con máis incidencia
En canto á incidencia por áreas sanitarias, os datos descenden en todas elas, tamén en Lugo, que este mércores amosara un pequeno ascenso puntual. A Coruña segue a ser a área con máis incidencia acumulada a sete días, pero tamén cunha tendencia de redución.
Fisterra, Laxe, Malpica de Bergantiños, Rábade, A Pobra do Brollón, Betanzos, Zas e Muxía son os concellos con máis incidencia, con valores superiores aos mil casos por cada 100.000 habitantes en 14 días.
En canto ás cidades, todas elas descenden, tamén Lugo, que o mércores rexistrou un leve repunte. A Coruña é a urbe con máis contaxios por habitante, e a única por riba dos 500 casos por cada 100.000 habitantes.