A situación da pandemia en Galicia entrou nunha fase de relativa estabilidade no que atinxe aos datos globais do conxunto do país, cunha cifra diaria de novos positivos que descende moi vagar, o mesmo que os indicadores de incidencia acumulada a 7 e 14 días. Con todo, estes datos agochan unha realidade dual, na que determinadas zonas, por exemplo as áreas sanitarias da Coruña, Vigo e Pontevedra continúan a mellorar a bo ritmo, mentres que as áreas de Lugo e Santiago levan días a incrementar o seu número de positivos, ao tempo que Ferrol e Ourense permanecen estancados.
Os contaxios detectados aumentan en Monforte e Ordes, pero tamén en Melide, Baralla ou A Pastoriza
O empeoramento nas áreas de Lugo e Santiago débese, principalmente, aos gromos detectados hai uns días en Monforte e Ordes, o que xa obrigou á Xunta a situalos no nivel máximo de restricións, no que entrarán este sábado. Con todo, o aumento dos positivos está a darse tamén noutros concellos destas áreas, comezando pola cidade de Lugo (a única urbe que non mellora) e tamén polos concellos de Baralla, Rábade e A Pastoriza (área sanitaria de Lugo) ou de Melide (área de Santiago).
En Ordes detectáronse 171 positivos de COVID só na última semana e en Monforte foron 183. Destaca o empeoramento de Melide, con 81 casos activos, todos eles detectados nos últimos sete días.
Sanidade notifica a detección de 498 novos positivos de COVID, por debaixo dos 613 do pasado xoves
A Consellaría de Sanidade notifica este xoves a detección de 498 novos positivos de COVID, por debaixo dos 613 do pasado xoves. A incidencia acumulada a 7 días no conxunto de Galicia baixa un punto (ata os 146 casos por cada 100.000 habitantes) e a incidencia acumulada a 14 días cae oito puntos, ata os 304 casos por cada 100.000 persoas.
A situación nos hospitais, no entanto, continúa a mellorar, cun número total de camas ocupadas de 274, cincuenta menos que hai unha semana. Os pacientes nas UCI aumentan este xoves de 55 a 59, pero seguen por debaixo dos 60 de hai 7 días
Este xoves Sanidade notifica, ademais, dous novos falecementos, o que eleva a cifra total ata os 2.552, 103 deles no último mes e 111 dende mediados de xullo, momento en que comezaron a notarse os efectos da quinta onda da pandemia.
A situación mellora en todas as cidades agás Lugo
O concello con máis incidencia acumulada a 14 días é Ordes, con 1.560 casos por cada 100.000 habitantes. Baralla, A Veiga, A Pastoriza, Monforte de Lemos, Muxía, Melide e Viana do Bolo tamén se sitúan por riba dos mil casos por cada 100.000 persoas.
En canto ás cidades, segue a mellorar a situación en todas elas, agás a cidade de Lugo, onde a incidencia medra lixeiramente, o que a iguala con A Coruña. Ferrol segue ser a urbe con máis casos por habitante, pero en descenso.