A incidencia do coronavirus segue baixando en Galicia, con só 5 novas hospitalizacións na última semana

CC-BY-NC-SA Praza Pública

O día que se anunciou o pase de Galicia á Fase 3 do proceso de desconfinamento, os datos epidemiolóxicos e hospitalarios achegados polo Sergas e o Ministerio de Sanidade confirmaron o descenso da incidencia do novo coronavirus no noso país. Nas últimas 24 horas tan só se rexistraron dous novos diagnósticos (detectados por proba PCR ou por test de anticorpos pero con síntomas), aos que hai que sumar outros 24 "positivos" que agromaron a través de probas rápidas pero que se refiren a contaxios antigos.

Non se rexistraron novos falecementos, polo que o número total segue fixado nas 618 mortes. Ademais, o Ministerio de Sanidade informa de que nas últimas 24 horas non se produciron novos ingresos hospitalarios de pacientes con coronavirus.

En total, nos últimos sete días só se produciron 5 ingresos hospitalarios de pacientes con coronavirus, e ningún deles nas UCI. En total, dende o inicio da crise, 329 positivos tiveron que pasar polas unidades de coidados intensivos e un total de 2.932 polo conxunto de instalacións hospitalarias galegas.

O descenso dos novos contaxios nas últimas semans fai que a incidencia acumulada nos últimos 14 días baixe ata os 1,74 casos por cada 100.000 habitantes, moi por debaixo da media estatal (11,81). En total, nos últimos 14 días diagnosticáronse 47 casos de coronavirus en Galicia por proba PCR ou por test de anticorpos (se o paciente presenta aínda síntomas compatibles coa enfermidade). E nos últimos sete días foron unicamente 11 os novos casos detectados.

O Ministerio de Sanidade informa tamén dos novos casos diagnosticados nos que os síntomas empezaron nos últimos 14 días (12) e nos últimos 7 días (unicamente 1). Galicia atópase no ecuador da Fase 2 e hai tres semanas que iniciou a Fase 1. Os datos amosan que este tempo non se produciron rebrotes da enfermidade.

O Sergas segue manexando os "positivos activos" como indicador de referencia. Esa cifra segue baixando e está xa en 563. Esa cifra supón 6 menos que o día anterior mentres o que o Sergas presenta como "curacións" chega a 10.178 persoas, o que implica un incremento de 30 no último día.

O total de persoas que deron positivo nalgún momento chegaría así a 11.359, cifra resultante de sumar os casos incluídos nos comunicados diarios da Consellería.

O Sergas indica que xa foron realizadas en Galicia 148.150 probas PCR, 962 máis que o día anterior. A Xunta non indica o número de test de anticorpos que leva feitos, aínda que si informa ao respecto ao Ministerio, que actualiza esas cifras periodicamente.

No que atinxe á presión da pandemia nos hospitais galegos, a situación segue tendendo a normalizarse. Tamén neste indicador cómpre acudir ao Ministerio por unha banda e ao Sergas, pola outra, para obter a 'foto' completa e observar a tendencia. As cifras de hospitalización seguen descendendo: nas UCI segue habendo un único paciente (chegaron a ser 177 no pico da pandemia, nos primeiros días de abril) e nas unidades de hospitalización ordinaria -en planta- son agora 26, tres máis ca onte, segundo a Consellaría de Sanidade.

No que atinxe ás persoas illadas nos seus domicilios con test positivo, a cifra queda en apenas 536. Nesas 536 persoas que aínda seguen figurando como illadas con test positivo inclúense 28 persoas usuarias de residencias de maiores e dependentes, o mesmo número que na xornada anterior.

Por áreas

Dos 563 'casos activos', 132 son da área da Coruña, 37 da de Lugo, 51 da de Ourense, 16 da de Pontevedra, 195 da área de Vigo, 114 da de Santiago, e 18 da de Ferrol. 

Non se rexistran grandes cambios con respecto ao día anterior e Vigo segue a ser área cun maior número de positivos e tamén cunha maior incidencia (casos por habitante).

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.