A obesidade afecta case un cuarto da poboación adulta en Galicia, onde o 62% ten exceso de peso

Unha muller realizando exercicio CC-BY-SA Andres Ayrton

Practicamente dous terzos da poboación galega adulta ten exceso de peso, un 62%. A cifra sitúa Galicia como a segunda comunidade autónoma cunha maior porcentaxe de persoas que superan o peso considerado normal, só unha décima por baixo de Extremadura (62,1%) e máis de tres puntos por riba da media do Estado (55,8%). 

O 62% da poboación adulta ten exceso de peso en Galicia, a segunda comunidade autónoma cunha maior porcentaxe

Este exceso de peso, como no resto de territorios, afecta en maior medida aos homes (68,8%) que ás mulleres (55,9%). Son algunhas das conclusións que se tiran do estudo ENE-COVID, elaborado polo Centro Nacional de Epidemioloxía do Instituto de Salud Carlos III e pola Agencia Española de Seguridad Alimentaria (Aesan) co que se analizou a seroprevalencia do coronavirus en 2020 e no que participaron máis de 57.000 persoas adultas e máis de 10.500 nenos e nenas. 

Segundo os resultados, nesas persoas que en Galicia presentan exceso de peso encádranse as que teñen sobrepeso, un 39,5% do total da cidadanía, e as que son obesas, que representan o 22,5% do total, en ambos casos tamén por riba da media estatal, situada respectivamente no 37,1% e no 18,7%. 

Máis do 22% das persoas maiores de idade en Galicia son obesas: máis de medio millón

Atendendo aos datos poboacionais do ano do estudo, arredor de 520.000 persoas en Galicia serían obesas, mentres que sobre 1,4 millóns tería exceso de peso, ben fose obesidade ou sobrepeso. 

Así, a prevalencia da obesidade en Galicia, con esa afectación ao 22,5% da poboación adulta, sitúa o país como terceira comunidade autónoma con máis proporción de xente obesa, só superada por Extremadura (24%) e as Canarias (22,6%). Ademais, por sexo, no caso das mulleres galegas, a obesidade afecta ao 23,1%, un dato só por baixo das extremeñas. 

Os datos que agora ofrece o estudo ENE-COVID non varían moito dos últimos que se tiñan sobre o exceso de peso en España en Galicia, tirados da Enquisa Europea de Saúde, tamén do ano 2020. Neste caso, a porcentaxe de poboación con sobrepeso era case idéntica (39,2% fronte ao 39,5% do último estudo), mentres que a da que padecía obesidade era algúns puntos menor (16,4%). 

Os datos de exceso de peso en Galicia adoitan ser algo superiores á media pola súa poboación envellecida, á que lle afectan máis estes problemas

Con todo, en calquera dos casos, os datos veñen moi influenciados pola pirámide de poboación de cada comunidade. No caso de Galicia, as cifras en canto a sobrepeso e obesidade adoitan ser sempre superiores á media ao ser a súa unha poboación moi envellecida, aínda que a problemática é semellante en todos os territorios. De feito, como lembra o estudo, a prevalencia de sobrepeso e obesidade "é maior a medida que aumenta a idade, ata o grupo de 70-80 anos, no que diminúe lixeiramente".

Por outra banda, e aínda que tamén importantes, os datos de obesidade severa en Galicia, que abrangue o 5,9% das persoas adultas, non son tan malos en comparanza co resto das comunidades, xa que Asturias, Extremadura, as Canarias e Castilla-La Mancha superan o 6%. 

Estas cifras referidas á poboación adulta contrastan cos datos de exceso de peso referidos a nenos e adolescentes galegos, cunha taxa do 28,4% que é menos da metade que a dos adultos e que sitúa Galicia por baixo da media estatal, dun 30%, e en mellor posición que outras once comunidades. 

Tamén no caso da obesidade, que afecta un 9,7% da rapazada en Galicia, os datos son dos máis baixos do conxunto do Estado. 

En contraste coas datos da poboación adulta, a rapazada galega presenta cifras de obesidade ou sobrepeso moi por baixo da media estatal

En todos os casos para a cativada, a prevalencia de todos os indicadores de exceso de peso é maior nos nenos (33,7%) que nas nenas (26%). Tamén ocorre na obesidade (13,4% fronte ao 7,9%) e na obesidade severa (2,9% fronte ao 1,2%). 

O estudo detalla tamén os datos por provincias, con importantes contrastes nos datos da poboación adulta. Así, Lugo é a provincia de todo o Estado con maior porcentaxe de persoas obesas, alcanzando o 27,3%, máis de un cuarto da poboación. A Coruña (22,5%) e Pontevedra (22,2%) tamén se sitúan por riba da media. 

En canto ao sobrepeso en adultos, tamén destaca o caso de Ourense, cun 40,7% de adultos por riba do peso normal, sendo a cuarta provincia con peores datos. Todas as provincias galegas, ademais, sitúanse neste cas por riba da media estatal. 

Lugo é a provincia do Estado con maior porcentaxe de poboación con exceso de peso e obesidade

Se temos en conta o exceso de peso, Lugo é tamén a provincia con maior número de persoas nesta situación, con case o 67%, sendo con moito o territorio onde esta problemática afecta máis homes, alcanzando o 76% fronte ao 58,5% das mulleres. 

Os resultados, segundo indica o estudo, amosan como o menor nivel educativo, menor nivel de renda, a discapacidade ou a presenza na casa de persoas con obesidade son factores que se relacionan coa prevalencia do sobrepeso e coa obesidade.

Prevalencia de obesidade por comunidade autónoma segundo o estudo ENE-COVID © ISCIII / Aesan

Precisamente, e para afrontar e combater esta problemática do exceso de peso —común e de semellante relevancia no Estado e en boa parte dos países occidentais—, a Xunta impulsou o Plan Obesidade Zero, aprobado polo Parlamento hai máis dun ano. Un plan de acción contra o sobrepeso e a obesidade, de aplicación ata 2030 e cun orzamento mínimo dun millón de euros por cada un dos anos en vigor. 

"Oportunidade de mellora clara"

O obxectivo primordial é reducir o sobrepeso nun 15% da poboación galega nese 2030 e, xa que logo, que unhas 190.000 persoas en Galicia deixen de ter sobrepeso ou obesidade. Un plan que abrangue unha estratexia que segue unha das metas indicadas nos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible definidos en 2015 pola Asemblea Xeral das Nacións Unidas: garantir unha vida sa e promover o benestar para todas as persoas en todas as idades.

Para ir máis aló, a Universidade de Santiago de Compostela (USC) e a Xunta decidiron colaborar na creación da Cátedra institucional de Vida Saudable, que porá o foco nos hábitos de vida sans e no envellecemento activo e que busca tamén facer fronte á "pandemia da obesidade", como destaca o profesor e director desta Cátedra, Francisco Caamaño. 

"As cifras de sobrepeso e obesidade en Galicia son algo máis elevadas que a media estatal, pero tendo en conta que temos unha sociedade avellentada e que o aumento de obesidade é moito maior a partir dos 40 ou 50 anos, os datos son semellantes e a problemática, parecida", explicaba en Praza.gal Caamaño, que lembraba que, en calquera caso, son cifras "elevadas" e que "hai unha oportunidade de mellora clara"

Un home, subido a unha báscula CC-BY-SA Andres Ayrton

O profesor titular de Medicina Preventiva e Saúde Pública destacaba hai só uns meses a importancia da "concienciación" na loita contra o sobrepeso e a obesidade. "É fundamental crear conciencia social; somos sociedades moi libres e temos múltiples opcións alimentarias e a posibilidade de facer ou non exercicio. A xente vai adoptar aquilo que aprendeu, no que se formou", explica, por iso considera clave "traballar coas crianzas, cos máis pequenos, trasladándolles a importancia dunha alimentación correcta, pero tamén coa mocidade ou coa xente entre 40 e 50 anos". 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.