Cátedra de Vida Saudable, outro paso contra a "pandemia da obesidade" en Galicia, que afecta 360.000 persoas

Un home con sobrepeso, descansando CC-BY-SA Sandra Cohen-Rose / Colin Rose

Segundo os últimos datos dispoñibles, os da Enquisa Europea de Saúde de 2020, máis da metade da poboación galega adulta sofre sobrepeso ou obesidade. En concreto, son arredor de 850.000 as persoas adultas que teñen sobrepeso en Galicia -o 39,2%- e perto de 360.000 as que presentan obesidade (o 16,5%). Ademais, seis de cada dez galegas e galegos non realizan exercicio físico durante o seu tempo de lecer e máis do 40% son sedentarios. 

Para afrontar e combater esta problemática -común e de semellante relevancia no Estado e en boa parte dos países occidentais-, a Xunta impulsou o Plan Obesidade Zero, aprobado polo Parlamento hai agora un ano. Un plan de acción contra o sobrepeso e a obesidade, de aplicación ata 2030 e cun orzamento mínimo dun millón de euros por cada un dos anos en vigor. 

Máis da metade da poboación galega presenta sobrepeso ou obesidade e seis de cada dez galegos e galegas non fai exercicio no seu tempo de lecer

O obxectivo primordial é reducir o sobrepeso nun 15% da poboación galega nese 2030 e, xa que logo, que unhas 190.000 persoas en Galicia deixen de ter sobrepeso ou obesidade. Un plan que abrangue unha estratexia que segue unha das metas indicadas nos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible definidos en 2015 pola Asemblea Xeral das Nacións Unidas: garantir unha vida sa e promover o benestar para todas as persoas en todas as idades.

Para ir máis aló, a Universidade de Santiago de Compostela (USC) e a Xunta colaboran na creación da Cátedra institucional de Vida Saudable, que porá o foco nos hábitos de vida sans e no envellecemento activo e que busca tamén facer fronte á "pandemia da obesidade", como destaca o profesor e director desta Cátedra, Francisco Caamaño. 

USC e Xunta colaboran na creación da Cátedra de Vida Saudable para facer fronte á "pandemia da obesidade" e crear unha rede de investigación en promoción da saúde

A Cátedra, presentada este pasado mes de xullo, supón "darlle unha vía máis clara e institucional á colaboración que a Consellería de Sanidade sempre buscou na Universidade", explica Caamaño. "Ten unha dobre función: a de asesorar aos políticos e ás administracións en base á evidencia científica e a de servir tamén como promotores, difusores, divulgadores científicos e promotores da saúde", engade en declaracións a Praza.gal. 

Así, un dos obxectivos nucleares desta Cátedra -na que a Xunta investirá 100.000 euros- reflectido no convenio de colaboración, responde a un dos horizontes establecidos no Plan de Obesidade Zero da Xunta de Galicia 2022-2030, o de crear unha rede de investigación en promoción da saúde en Galicia e establecer, a través dela, un sistema de avaliación que permita coñecer o impacto real das actuacións para previr a obesidade,

"As cifras de sobrepeso e obesidade en Galicia son algo máis elevadas que a media estatal, pero tendo en conta que temos unha sociedade avellentada e que o aumento de obesidade é moito maior a partir dos 40 ou 50 anos, os datos son semellantes e a problemática, parecida", explica Caamaño, que lembra que, en calquera caso, son cifras "elevadas" e que "hai unha oportunidade de mellora clara"

O profesor Francisco Caamaño, director da Cátedra, cre "fundamental" a "concienciación", sobre todo nas crianzas, pero tamén na mocidade

O profesor titular de Medicina Preventiva e Saúde Pública destaca a importancia da "concienciación" na loita contra o sobrepeso e a obesidade. "É fundamental crear conciencia social; somos sociedades moi libres e temos múltiples opcións alimentarias e a posibilidade de facer ou non exercicio. A xente vai adoptar aquilo que aprendeu, no que se formou", explica, por iso considera clave "traballar coas crianzas, cos máis pequenos, trasladándolles a importancia dunha alimentación correcta, pero tamén coa mocidade ou coa xente entre 40 e 50 anos". 

Sen datos recentes a nivel galego, os que existen a nivel estatal indican que o exceso de peso na poboación infantil (de 5 a 19 anos) afecta máis do 34% e que, tendo en conta só a obesidade, a prevalencia é de case o 11% e sitúa España na sétima posición na UE. Ademais, segundo o estudo Aladino 2019, un 40,6% das crianzas de entre 6 e 9 anos teñen exceso de peso, dos cales máis do 17% son obesas. 

"O estudantado universitario, pola súa dinámica vital, abandona hábitos de exercicio e alimentación e é importante definir un estilo de vida máis saudable neste período vital... E a partir dos 40, a vida que levamos en moitos casos tamén dificulta unha alimentación sá", advirte. É aí onde Caamaño apunta tamén as diferenzas económicas e sociais como claves no risco de sobrepeso. Por dous motivos. 

"Un deles é que optar por unha alimentación de calidade adoita ser máis caro, por iso a OMS insiste na necesidade de traballar con termos impositivos para mudar isto", explica. A outra, di, é "a dinámica vital, os horarios". "O esforzo de organización e conciliación familiar provoca que para moita xente sexa máis doado optar por alimentos precociñados", aclara, ademais de apuntar tamén as comidas "fóra da casa" que levan a cabo moitas persoas traballadoras. 

"Hai que traballar nisto porque está demostrado que se come máis, que cos pratos dese menú que xantamos, máis aló de que sexa menos saudable, acabamos inxerindo máis calorías", engade quen lembra, ademais, que en "cidades grandes" para moita xente é "máis eficiente" comer fóra aínda que non sexa igual de san. 

Un home fai exercicio en Santiago CC-BY-SA Xunta

Caamaño advirte da "dificultade" do reto porque as decisións e políticas deben tocar "aspectos culturais, de horarios ou económicos"

Por todo isto, o profesor Caamaño cre que o reto que se afronta é "difícil" porque as decisións que as administracións tomen "deben tocar moitos ámbitos e elementos". "Hai aspectos culturais, de organización, de horarios laborais e de vida ou económicos que inflúen no problema e que hai que abordar", di. 

En Galicia, hai tamén condicionantes propios, tal e como lembra o Plan Obesidade Zero da Xunta, que alude á "contorna" na que se viva, que "xoga un papel importante no desenvolvemento dun estilo de vida fisicamente activa". Así, a maioría da poboación no país depende dos automóbiles para os seus desprazamentos diarios e camiñar ou usar a bicicleta non adoita ser a opción máis segura e accesible. "E o transporte público, normalmente, non resulta viable", recoñece o documento, que admite que "o incremento do tráfico, a ausencia de zonas verdes e as dificultades das familias para acompañar os cativos á rúa inciden na diminución do uso do espazo público". 

Vida sedentaria

Así, Caamaño lembra que o cambio nos últimos anos en tantos aspectos é tamén clave. "A nosa vida é moi sedentaria; a maioría dos traballos son sentados, non requiren tanto esforzo físico coma antes e iso implicaría que, de forma ordinaria, fósemos máis prudentes á hora de comer", explica o profesor, que aclara que iso non implica que "puntualmente non se poidan ter hábitos distintos, como nunha festa". 

O que si advirte é da necesidade dunha "menor dimensión" dos pratos que se serven, máis aló da obvia necesidade de que sexan "máis equilibrados". "É clave optar por comer variado e en prato pequeno" insiste. 

Na Enquisa Europea de Saúde mostra, por exemplo, que máis do 60% da poboación galega come froitas a diario pero que apenas tres de cada dez consome verduras, ensaladas e hortalizas cada día e que o 30% tamén come doces a diario. Ademais, alerta do baixo consumo de legumes entre os galegos e galegas. 

Rapazada facendo deporte nun pavillón polideportivo en Galicia CC-BY-SA Xunta

"É clave optar por comer variado e en prato pequeno", di Caamaño

Caamaño lembra que, no caso de Galicia, hai outro aspecto importante a ter en conta, ao ser unha sociedade avellentada. “A galega é unha sociedade que se caracteriza por unha elevada esperanza de vida, por iso debemos traballar para vivir máis en mellores condicións”, di. 

A todo axudará a Cátedra de Vida Saudable, que ademais da creación da rede de innovación e investigación neste ámbito, tamén aposta por desenvolver novas liñas de investigación en hábitos saudables e de envellecemento activo ou potenciar as xa existentes; establecer un sistema de avaliación periódica do sobrepeso e a obesidade da poboación e dos cambios no comportamento relacionados cos seus factores protectores; ou realizar cursos, seminarios, conferencias e cantas actividades académicas redunden na difusión, o coñecemento e a práctica dun estilo de vida saudable. 

Tamén, entre as actuacións previstas pola cátedra está a colaboración co profesorado e departamentos da USC en todo aquilo que favoreza a formación integral do alumnado; favorecer a difusión e o coñecemento das investigacións realizadas mediante publicacións e outras accións de comunicación; a creación e mantemento dun fondo bibliográfico e documental sobre as materias específicas da promoción da saúde e as disciplinas con ela relacionadas; facilitar a inserción profesional dos e das estudantes da USC participando, no seu caso, nas actividades realizadas pola Cátedra e fomentar a colaboración entre a USC e o sector profesional no ámbito da promoción da saúde.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.