A organización dunha festa de Samaín na illa de San Simón indigna as asociacións de memoria histórica

Illa de San Simón © Fundación Illa de San Simón

A empresa Nabia organiza para a véspera do vindeiro Día de Defuntos unha festa de Samaín na illa de San Simón. Con saída e chegada desde Vigo, a navieira ofrece un roteiro, unha cea e varias actividades con disfraces neste espazo que foi campo de prisioneiros do franquismo e onde foron represaliados e morreron centos de persoas. 

O anuncio deste evento causa a indignación entre asociacións da memoria historica como Iniciativa Galega pola Memoria (IGM) que denunciou "a profanación" do lugar xusto no día no que os restos de Franco eran exhumados do Valle de los Caídos. "Esta retirada, por moi positiva que sexa, non debe servir para cubrir as deficiencias democráticas e os restos do franquismo que aínda nos asolagan e que quedan en evidencia en feitos como o que vimos de denunciar", din.  

Iniciativa Galega pola Memoria denuncia a "profanación" do espazo cunha actividade lúdica "impensábel" en calquera outro campo de prisioneiros 

A entidade IGM, que agrupa ducias de entidades culturais e memorialísticas de Galicia, censura esa "profanación dun espazo da memoria a través dunha actividade lúdica" e considera que  un acto así sería "impensábel en ningún outro campo de prisioneiros do mundo". "En moitos lugares de Europa resultaría mesmo delictivo", din. 

Así, esixen "que a Xunta de Galicia impida dunha vez a continua e reiterada aldraxe á memoria e ridiculización da dor das vítimas do franquismo, preservando a Illa de San Simón como lugar de homenaxe e recordo".

Cartel que anuncia a festa de Samaín na illa de San Simón CC-BY-SA Praza Pública

Desde o BNG, o seu deputado Luís Bará presentou unha proposición non de lei na que solicita que se prohiban este tipo de actividades na illa de San Simón, así como a eleaboración dun plan de usos para o espazo que impulse a súa función como lugar de "recuperación, divulgación e dinamización da memoria histórica democrática galega e da loita polas liberdades e os dereitos civís". 

A Deputación de Pontevedra oponse á celebración da festa e censura que a Xunta dese o visto e prace á actividade

Ademais, a Deputación de Pontevedra, a través da súa deputada no departamento de Memoria Histórica, María Ortega, rexeitou tamén esta actividade na illa de San Simón e censurou a autorización que a Xunta deu a esta festa do 31 de outubro. 

"A illa foi cárcere e lugar de terror para milleiros de veciños da provincia", dixo a nacionalista Ortega, que pide "respecto en memoria destas persoas, as súas familias e pola saúde dunha sociedade democrática" e que non se converta o lugar nun "parque temático". 

Desde asociacións da memoria histórica e outros colectivos iniciouse xa unha campaña para pedir á Consellería de Cultura que suspensa a actividade a través do envío masivo de correos electrónicos con queixas. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.