A pandemia máis alá: olladas galegas á crise do coronavirus polo mundo

Cartel contra a xestión do coronavirus por parte de Boris Johnson, nunha rúa de Londres CC-BY-NC Duncan C

A pandemia de coronavirus estendeuse desde a China por todo o mundo. A virulencia da Covid-19 provocou unha parálise case mundial da economía e da vida cotiá de centos de millóns de persoas en practicamente cada recuncho do planeta. No entanto, non todos os países adoptaron as mesmas medidas de confinamento, nin responderon do mesmo xeito á crise derivada nin ás limitacións impostas. Emigrantes galegos ou cidadáns con vínculos co país contan aquí a experiencia en Suíza, os Estados Unidos, o Brasil, Portugal ou o Reino Unido. 

En Portugal, o estado de emergência dá paso este 2 de maio ao estado de calamidade, co que o Goberno irá controlando a apertura da economía

No país veciño, Portugal, o "estado de emergência" decretado o 18 de marzo e renovado varias veces remata este vindeiro 2 de maio, a partir do que se decreta o "estado de calamidade", co que o Goberno central vai ir controlando a apertura da economía. Esta desescalada iníciase co comercio local, permitindo a apertura de tendas ata 200 metros cadrados, librerías, perruquerías e concesionarios, co obxectivo de cinguir o proceso aos barrios, xuntando menos xente e evitando os desprazamentos. O 18 abrirán parte das escolas, tendas algo máis grandes e restaurantes, aínda que con fortes medidas de seguridade. O día 1 de xuño abren grandes centros comerciais e o ensino preescolar cando, a tal hora, o número de casos rolda os 25.000 e o de mortos, o milleiro. 

Os ministros portugueses Manuel Heitor, Ana M. Godinho e Ana Abrunhosa, nunha visita institucional © João Bica / Governo de Portugal

O confinamento, no entanto, mantense e é parecido ao de España, pero con matices. "Podemos sair para ir aos supermercados, padarias, farmácias e quiosques de jornais, mas sempre quando seja mesmo necessário e não para passear", conta João Nuno Silva, de Aveiro, asiduo en Galicia desde hai anos, pinchadiscos e cabeza visible do destacado blog musical A Certeza da Música. As restricións, con todo, non foron tan severas nunca como nesta beira. "É também permitido um passeio "higiénico" diário em solitário e passear os cães. Também podes sair até outro concelho, para dar apoio a familiares idosos que estejam confinados em suas casas", explica. 

As medidas de confinamento, menos estritas que en España, supuxeron "unha bomba" en Suíza, onde se apelou sempre á "disciplina cidadá"

Tampouco en Suíza, onde as rexións foron aplicando diferentes medidas ou recomendacións desde febreiro ata que o Goberno central asume as competencias o 13 de marzo, prohibe as reunións de máis de 100 persoas, ordena o peche de todos os comercios que non sexan de primeira necesidade e de todas as escolas durante seis semanas. "Foi unha bomba, a pesar do que xa estabamos escoitando de Francia e Italia", explica Elena Lozano, filla de galegos, desde Xenebra. O día 20 prohíbese que se xunten máis de cinco persoas e o Executivo chama á "disciplina cidadá, convidando a quedar na casa, non socializar nin ver a familia e manter as distancias". No país helvético, os casos achéganse aos 30.000 e as mortes superan as 1.700. 

O confinamento permite saír os traballadores de labores esenciais, pero tamén camiñar ou correr na rúa "respectando as regras en todo momento". "Levamos semanas movéndonos a bastante distancia uns dos outros, é unha sensación moi rara", explica Lozano, que explica que sempre estivo permitido saír ao exterior de cumprirse as regras, pero tamén que a policía "está moi presente nas rúas, lembrando a normativa e poñendo multas". O anuncio do relaxamento dalgunhas medidas, explica, fixo que a xente relaxase tamén o seu comportamento tras semanas de "estrito cumprimento". Desde este 27 de abril permítese xa a apertura a perruquerías ou tendas de bricolaxe; os bos datos dos últimos días permitiron tamén adiantar a apertura dos colexios, todo o comercio minorista, o transporte público ou as axencias de viaxea  este 11 de maio, cando tamén abrirán os restaurantes permitindo xuntarse a tan só catro comensais. 

En Inglaterra, pola súa banda, as medidas son parecidas, aínda que como lembra Miguel Rodríguez, xornalista coruñés e un dos autores do podcast Té con Gotas, "chegaron dúas semanas tarde en comparanza co resto de Europa". Desde o principio do confinamento, permítese un paseo diario dunha hora ou saír facer deporte, mantendo unha distancia mínima de dous metros, ademais, a saída dos máis pequenos "foi posible desde o principio". 

Con todo, insiste Miguel, a principal diferenza está no momento. "Cando en España xa se estaba en corentena, aquí recomendaban tirar do teletraballo pero en realidade non se facía practicamente nada diferente na rúa", conta. Nesta altura, o número de mortes é xa de máis de 26.000 e hai máis de 165.000 casos totais confirmados. 

Un home con máscara e luvas polo coronavirus, no tren Léman Express, en Xenebra CC-BY Guilhem Vellut

Ao contrario que noutros países, no Brasil as medidas aplicados foron "bastante variadas" e por estados, como advirte María do Mar Páramos, galega de Santa Comba e profesora na Universidade de Brasília. "Teoricamente, os centros comerciais, bares, restaurantes, perruquerías...  están pechados, así como garderías, colexios, institutos e universidades. Só abren supermercados e farmacias. No entanto, iso nunca funcionou así. De todas formas, hai moitos barrios, xeralmente de clase menos favorecidas (que son a maioría aquí), onde podemos ver que todo segue igual, co pequeno comercio funcionando e a xente nas rúas", explica. 

No Brasil, explica a galega María do Mar Páramos, a situación nos barrios menos favorecidos case non mudou: "Xente nas rúas e pequeno comercio funcionando"

"Se seguísemos o recomendado polo ex-ministro de Saúde --Mandetta, que xa foi destituído-- e a maioría dos gobernadores brasileiros, só poderiamos sair para ir á farmacia ou a supermercados. Pero a xente segue saíndo para camiñar, facer exercicio físico (os parques están pechados e os xinnasios tamén), e mesmo para tomar o sol", lamenta desde un país con máis de 80.000 casos confirmados e mais de 5.500 falecidos. 

Nos Estados Unidos (EUA), aínda que con directrices nacionais, son tamén os diferentes Estados os que marcan as pautas a seguir. Cristina Hargitt, con orixes no Ortegal, vive nunha pequena localidade de Kansas, a poucos quilómetros da capital do Estado, do mesmo nome. "Aquí podemos xogar fóra e ir comprar comida aos restaurantes, aínda que só para levala a casa", explica. 

"As imagens que foram chegando, particularmente de Itália, tiveram um peso enorme na aceitação das medidas do Governo"

Ademais, pódense desprazar á cidade en calquera momento e sen restricións e a mobilidade laboral está permitida, aínda que "con recomendación de usar máscaras pero non a obriga". No caso de Cristina e a súa familia, ao vivir nunha pequena vila con grandes extensións de campo e separación entre as vivendas, os paseos non son "problema ningún". Non é igual na gran potencia norteamericana, con máis de 1 millón de casos de coronavirus confirmados e máis de 62.000 mortos. 

Respecto da resposta da cidadanía ás medidas, as consideracións son variadas. No Brasil, tal e como lembraba María do Mar Páramos, a situación é complexa e moi diferente segundo zonas e clase social. En Portugal, conta João Nuno, "as imagens que foram chegando, particularmente de Itália, tiveram um peso enorme na aceitação, sem grande problema, de tudo o que o Governo e a Direcção Geral de Saúde foram sugerindo".

Ringleiras para pasar un test de coronavirus no aparcadoiro do Centro Universitário Euroamericano, en Brasília CC-BY Leopoldo Silva / Agência Senado

Con todo, advirte desde Aveiro, a partir de mediados de abril "houve um aumento de pessoas a circular na rua". Foi debido, cre, a alguma má interpretação do discurso do Presidente da República, por estar anormalmente um dia de sol e por ter sido o dia em que houve menos infectados declarados". "Esse aumento de movimentação, não será também alheio ao cansaço de estar em casa, já cerca de um mês", engade. 

Desde Suíza, Elena Lozano conta que as medidas impostas "respectáronse moi ben" ata hai uns quince días. O anuncio dun plan de desconfinamento e a redución da presenza policial "provocaron que a xente saíse máis e se relaxase". Con todo, explica, as medidas "son cumpridas pola gran maioría". "Mesmo hai voces que piden máis confinamento", explica. 

"Un terzo ou algo máis da poboación  respecta as medidas no Brasil; a cidadanía menos favorecida non está obedecendo"

No Brasil, María do Mar Páramos é clara: "Diría que un terzo ou algo máis, tal vez, das persoas están obedecendo as medidas. A clase media baixa e a poboación menos favorecida socioeconomicamente --a grande maioría deste país-- non está obedecendo". "Vexo a diario nos telexornais como nas cidades e bairros periféricos a xente circula libremente. As tendas e os comercios están pechados, pero a xente acaba indo para as prazas beber, comer, ou para a casa dos amigos e familiares", lamenta. 

No Reino Unido, malia as contradicións iniciais, "a sociedade está respectando e cumprindo ben", conta Miguel Rodríguez, que apunta no entanto a que na primeira fin de semana tras aplicarse o confinamento "os parques de Londres tiñan bastante xente". "O conto mudou cando o Goberno ameazou con prohibir mesmo saír facer exercicio físico", explica. A xente, engade, xa asume que o que parecía un pesadelo duns poucos meses será algo máis longo. "A insinuación de que igual os pubs non abren ata o inverno foi importante", asegura. 

Con todo, e malia a incerteza polo futuro a nivel social e económico, Miguel Rodríguez cre que o Goberno "soubo parar as consecuencias máis duras a curto prazo cunha política de gasto bastante elevada e xenerosa malia ser conservador e claramente liberal". Segndo explica, o Executivo británico vai pgar o 80% dos salarios de traballadores e autónomos que quedasen sen emprego por mor do coronavirus ata un máximo de 2.500 libras ao mes, ademais de aplicar moratorias en hipotecas e alugueiros. Hai, claro está, "moita preocupación polo futuro", con atrancos engadidos como a previsible saída do UK da UE, e sen acordo, en oito meses. "A covid-19 só engade gasolina ao lume", asegura, máis nunha illa onde xa hai algún problema de desabastecemento "cando aínda se poden importar cousas do continente". 

No Reino Unido, segundo conta Miguel Rodríguez, o Goberno "soubo parar as consecuencias máis duras a curto prazo cunha política de gasto xenerosa"

No Brasil, segundo Páramos, "hai moito medo dunha crise económica". "As empresas están despedindo traballadores e debemos lembrar que hai moito traballo informal, xente que non aforra, vive ao día e non ten o que comer; e moitos deles, non teñen nen onde durmir", explica quen lemra eu o país "é un dos máis desiguais do mundo". "Máis da metade de súa poboación vive en chabolas ou casas precarias, de poucos metros cadrados, todos apiñados, sen redes de sumidoiros, auga potable ... Cando digo todos apiñados non me refiro só a que poden vivir 8 ou 9 persoas nunha casa de dous cuartos, senón ás construcións, todas xuntas, unha vivenda enriba da outra, sen a menor posibilidade de illamento", di. 

Unha militar estadounidense, nun banco de alimentos de Kansas City, nos EUA, durante a pandemia por coronavirus CC-BY Kansas National Guard

Desde Portugal,  João Nuno asegura que "os níveis de ansiedade e receio pelo futuro aumentam". "Não se vê como é que se vai voltar ao normal pois, muitos já não terão empresa onde voltar. Isto começa a gerar insatisfação e já houve movimentos de empresários a fazer abaixo-assinados pedindo a abertura gradual dos negócios", continúa quen explica que" para quem trabalha por conta de outros e fica desempregado ou em regime de Lay Off (2/3 do salário base - 1/3 pago pelo Estado e 1/3 pago pelas empresas), as coisas têm funcionado bem". "Mais problemático é o apoio às pessoas que trabalham a recibo verde (free lancers) e às empresas", engade. 

"Nestes momentos agradecemos que os gobernadores tomaron a iniciativa e tentar facer o mellor que poden, inspirados en medidas que tomaron países europeos", conta, con certa ironía, María do Mar desde Brasília. "Aínda ben. Menos mal", insiste. Desde os EUA, Cristina ten unha opinión semellante respecto do feito de que os Estados teñan moita autonomía para decidir as políticas a seguir... A súa opinión sobre o presidente, Donald Trump, é ben menos diplomática. 

En Suíza, cun innegable poder económico, a cuestión é agora saber "como, canto e cara a onde van ir os investimentos", explica Elena Lozano, que ve clave unha constante na política da Confederación Helvética: "Atopar compromisos comúns entre a Suíza xermánica --con influxo alemán e menos casos de coronavirus--, a italiana --con moitos casos e unha cultura máis latina-- e a francesa, con clara influencia do país galo". Con todo, explica, "serán as decisións nacionais as que determinen a xestión das rexións e o nivel da cohesión, que é moi necesaria"

No Reino Unido, e malia as duras críticas do comezo da crise, sobre todo desde o exterior, Miguel Rodríguez lembra que as últimas enquisas "sitúan a Boris Johnson, o primeiro ministro, nos máximos niveis de apoio social". Os mesmos inquéritos sinalan, ademais, que a poboación británica considera o seu país como "o segundo de Europa que mellor afrontou a crise tras Alemaña". "Reaccionaron tarde pero a resposta a nivel económico, tanto en axudas individuais como empresariais, foron elevadas e o ministro de Economía dixo estar disposto a que o Estado entrase no accionariado de moitas empresas, como a British Airways", explica, tras presumir de "non ter pechados as fronteiras de todo en ningún momento". 

"Em Portugal todos têm a sensação que o governo estão a fazer o seu melhor"."En Suíza non hai reproches co que se tería que ter feito ou o que se fixo"

O conflito político, ao contrario que en España, non parece duro. Tampouco en Portugal. "As coisas têm corrido bem e todos têm a sensação que o governo, com a ajuda de toda a oposição (excepto a extrema direita) estão a fazer o seu melhor", explica João Nuno Silva, que destaca que "há um entendimento entre os dois maiores partidos - PS e PSD - e nenhum dos outros, até agora, criou problemas". "Digamos que há um pacto de não agressão', tendo em vista o bem comum que, até agora tem funcionado muito bem", engade. 

En Suíza, segundo Elena Lozano, as diferenzas políticas "chegarán agora, coa xestión da crise económica". Pero non as houbo antes. "Aquí non hai reproches co que se tería que ter feito ou o que se fixo", aclara, aínda que destaca que foi importante "que o sistema sanitario non colapsase". "Está en gran parte privatizado e veremos agora como o pagamos", advirte, tras insistir que o clima político "foi de unidade" desde que o Goberno nacional se ocupou da pandemia. Unha figura clave, lembra, foi o Ministerio de Sanidade, que insistiu nunha frase que "foi importante na cidadanía: 'Debemos actuar tan rápido como sexa posible e tan lento como sexa necesario". 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.