Inmigración, a aliada inesperada do Reino Unido contra o coronavirus

© Junaid Masood

Nun momento no que só determinados “traballadores clave” acoden con normalidade aos seus centros de traballo, no Reino Unido estase poñendo de manifesto a dependencia da inmigración que teñen algunhas partes da economía

O primeiro ministro do Reino Unido, Boris Johnson, saíu este domingo do hospital logo de ter sido diagnosticado con coronavirus e de pasar dúas noites na UCI. Nun vídeo publicado nas súas redes sociais, agradécelle os coidados ao equipo que o atendeu no hospital e fai especial fincapé en dous enfermeiros de orixe estranxeira, Luis Pitarma de Portugal e Jenny McGee de Nova Zelanda.

Nun momento no que só determinados “traballadores clave” acoden con normalidade aos seus centros de traballo, no Reino Unido estase poñendo de manifesto a dependencia da inmigración que teñen algunhas partes da economía. No sector da saúde, un 20% da man de obra naceu fóra do país, e en áreas como o transporte, ou o traballo social e os coidados, a porcentaxe de traballadores inmigrantes supera amplamente a media. 

Isto acontece cando non hai nin dous meses que o goberno británico anunciou un novo sistema de migración por puntos para limitar a chegada de man de obra “pouco cualificada” logo do Brexit. Este sistema está moi aliñado coa opinión pública británica, que é partidaria de importar traballadores para o sistema de saúde ou para profesións que requiren un alto nivel de estudos, pero que está en contra da chamada “inmigración non cualificada” que pode traballar en supermercados ou no sector dos coidados.

Segundo Mariña Fernández Reino, socióloga e investigadora do Observatorio das Migracións da Universidade de Oxford, esta nova política supón unha “liberalización” dos criterios de entrada para toda a inmigración extracomunitaria, e prevé un aumento da chegada de man de obra de fóra da UE. Pero tamén destaca que hai sectores como a hostalaría ou como os temporeiros agrícolas, que teñen unha dependencia moi forte de traballadores europeos, e que se poderían ver prexudicados por esta nova política. 

Persoal do servizo de saúde británico que fai probas do coronavirus © NHS

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.