A ponte de Gundián, de aniversario: 63 anos da conexión ferroviaria de Galicia coa Meseta, que tardou un século en completarse

Viaduto de Gundián, sobre o río Ulla CC-BY-SA Lmbuga

O 8 de setembro de 1958 completouse a conexión ferroviaria de Galicia coa Meseta a través de Zamora coa inauguración do viaduto de Gundián, sobre o río Ulla, que este mércores celebra o seu 63 aniversario. Coincidindo con esta data o Consello da Cultura Galega acolle unha xornada sobre o patrimonio do ferrocarril, na que ademais estarán moi presentou outras dúas efemérides: neste ano 2021 conmemórase o 140 aniversario da chegada da primeira locomotora de vapor a Ourense, que deu pé ao nomeado poema de Curros Enríquez "Na chegada a Ourense da primeira locomotora” en 1881 (en 1873 fora inaugurada a primeira liña férrea galega, entre Cornes e Carril). E, así mesmo, neste 2021 celébrase o Ano Europeo do Ferrocarril.

A ponte era a culminación de décadas de traballos co obxectivo de unir Galicia coa Meseta, uns proxectos que comezaran xa nos anos 50 do século XIX, máis de cen anos antes

A ponte, que completaba o treito O Carballiño-Santiago de Compostela da liña Zamora-Ourense-A Coruña, era a culminación de décadas de traballos co obxectivo de unir Galicia coa Meseta, uns proxectos que comezaran xa nos anos 50 do século XIX, máis de cen anos antes. En 1863 o tren chegara xa a Zamora e semellaba que a conexión con Ourense estaba próxima. Porén, en 1864 unha comisión de enxeñeiros emitiu unha resolución que desaconsellaba fortemente esta prolongación, alegando que existía unha orografía moi adversa e que na zona non había demasiados núcleos de poboación intermedios que superasen os dous mil habitantes.

Non foi ata o ano 1926 que o proxecto se recuperou, iniciando unhas obras que foron paralizadas pola Guerra Civil e só retomadas ao remate da contenda, contando entón co traballo obrigado de milleiros de presos republicanos. Entre 1943 e 1958 foron inaugurados os distintos treitos, sendo o derradeiro o Santiago-O Carballiño completado con esta ponte.

En primeiro termo, a vella ponte de Gundián. Detrás, a nova ponte do tren de alta velocidade CC-BY Deensel

Nos últimos meses deste ano 2021 está previsto, ademais, que se complete a conexión ferroviaria de alta velocidade de Galicia coa Meseta, o remate dun proceso case tan longo como foi no século XX a primeira liña de tren. Exactamente no lugar no que a vella ponte de Gundián cruza o río Ulla, en Vedra, outro viaduto, máis alto, é o paso para a liña de alta velocidade, todo un espectáculo de enxeñaría.

A vella ponte de Gundián acada unha lonxitude de 219 m, elevándose 86 m sobre o río Ulla, nun punto de grande interese xeolóxico. Tardou en construírse 12 anos, de 1945 a 1956

A vella ponte de Gundián acada unha lonxitude de 219 m, elevándose 86 m sobre o río Ulla, nun punto de grande interese xeolóxico, como destacaba esta reportaxe de GCiencia. Situado no chamado Paso da Cova, que xorde ao cortarse a aba do Pico Sacro para dar paso ao río, fórmase así un estreitamento entre dúas paredes duns 50 metros de caída vertical, o que converte a ponte de Gundián nun dos emblemas de toda a vía.

O seu construtor foi Ricardo Barredo de Valenzuela, enxeñeiro de prestixio internacional. Cun orzamento de algo máis dun millón de pesetas, a ponte tardou en construírse 12 anos, de 1945 a 1956, aínda que entre 1949 e 1951 as obras estiveron paradas.

Xornadas 'O patrimonio industrial ferroviario'

As xornadas organizadas polo Consello da Cultura Galega busca analizar a situación "dun dos eidos do patrimonio cultural menos interiorizados como tal pola cidadanía" e que vén sendo obxecto de protección pública en Galicia desde a aprobación da primeira Lei do patrimonio cultural de Galicia en 1995 (o programa pode consultarse neste enlace).

As xornadas organizadas polo Consello da Cultura Galega busca analizar a situación "dun dos eidos do patrimonio cultural menos interiorizados como tal pola cidadanía"

Dende a organización das xornadas destácase que "segue sen existir en Galicia un Museo do Ferrocarril homologable ao de Euskadi, Cataluña, Asturias ou Madrid", aínda que subliña o relevante papel que cumpren as asociacións de “amigos” do Ferrocarril que funcionan en varias cidades e vilas galegas e que manteñen a memoria deste medio de locomoción.

As distintas intervencións previstas afondarán na "difícil construción do ferrocarril en Galicia", como titula Xosé M. Núñez Seixas o seu relatorio, a historia dos proxectos ferroviarios non completados ou temáticas de plena actualidade, coma "o conflito de intereses no trazado da entrada sur a Galicia", que analizará Alberte Blanco Casal.

As dúas pontes, dende o miradoiro de Gundián CC-BY Noel Feáns

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.