O estudo postelectoral do CIS dos comicios ao Parlamento Galego do pasado 12 de xullo, publicado este mércores, inclúe tamén unha serie de cuestións sobre a forma pola que a cidadanía seguiu a campaña electoral e se informou sobre as distintas propostas e candidaturas.
No conxunto da poboación a prensa dixital foi o segundo medio máis seguido, por detrás da televisión e por diante da prensa impresa, as redes sociais e a radio
O CIS pregunta "a través de que medio se informou principalmente sobre as eleccións ao Parlamento de Galicia do pasado 12 de xullo? Entre o conxunto da cidadanía a televisión aparece como o medio máis seguido, cun 37,9% de respostas que o citan en primeiro lugar e un 67,1% que o nomean en conxunto (podíanse citar ata tres soportes). O segundo medio máis importante para seguir a información política son os xornais dixitais, cun 23,8% da poboación que o sitúa en primeiro lugar e aparecendo no 41,5% das respostas.
A moita distancia aparecen os medios impresos (11,5% de mencións en primeiro lugar e 26,6% en conxunto), as redes sociais (8,8% de mencións en primeiro lugar e 26,6% en conxunto), e a radio (7,6% de mencións en primeiro lugar e 25,3% en conxunto).
A televisión foi o medio dominante, sobre todo a partir dos 45 anos de idade
O estudo do CIS ofrece, ademais, a información desagregada por idades, polo tamaño do concello da persoa entrevistada e polo recordo de voto nas eleccións do 12 de xullo. Nestas táboas destacan sobre todo as diferenzas entre os distintos grupos de idade, que amosan que entre os 18 e os 45 anos os xornais dixitais son o medio máis seguindo para informarse da política, por diante mesmo da televisión, aínda que con cifras moi semellantes.
Entre os 18 e os 24 anos a televisión supera por 1,8 puntos á prensa dixital e tamén o fai -por 3,6 puntos- no grupo de idade dos 35 aos 44 anos. Porén, entre os 25 e os 34 anos a prensa dixital é moitísimo máis citada que a televisión (16,7 puntos), convertendo os xornais online no medio dominante por debaixo dos 45 anos. Pola contra, a televisión é con gran diferenza o medio máis seguido entre as persoas que superan esa idade.
As persoas que teñen entre 18 e 24 anos seguiron a información política, sobre todo, a través das redes sociais
As persoas que teñen entre 18 e 24 anos seguiron a información política, sobre todo, a través das redes sociais, que aparecen nunha porcentaxe importante das respostas tamén entre as persoas de 25 a 44 anos, baixando moito a partir desa xeración. En cambio, a prensa impresa e a radio incrementan a súa penetración entre as persoas de máis idade. A radio, de feito, é o segundo medio máis importante entre as persoas de 55 a 64 anos, por diante da prensa dixital. E entre os e as maiores de 65 anos a prensa impresa é o segundo medio, por diante da radio.
Entre os votantes de PP e PSdeG gañan peso a televisión, a prensa impresa e a radio. Nos e nas votantes de BNG e Galicia en Común os medios dixitais e as redes sociais son máis importantes
Hai tamén diferenzas en función do tamaño dos concellos. Aínda que a televisión é o soporte dominante en todos, nos máis pequenos, por debaixo dos 2.000 habitantes, a prensa impresa é o segundo medio máis seguido. A partir dos 5.000 habitantes, con todo, a prensa dixital supera á que aínda utiliza o papel, incrementando o seu seguimento nas cidades e grandes vilas.
O CIS detecta tamén un diferente uso dos medios entre os e as votantes duns e doutros partidos. Así, mentres que as persoas que din ter votado a PP e PSdeG gañan peso a televisión, a prensa impresa e a radio, nos e nas votantes de BNG e Galicia en Común os medios dixitais e as redes sociais son máis importantes.
La Voz de Galicia foi o xornal dixital máis seguido e tamén a primeira cabeceira impresa. A TVG foi a televisión líder e a Cadena Ser dominou nas radios
O CIS pregunta tamén, en concreto, polas cabeceiras, emisoras de radio e canles de televisión máis escollidas para seguir a información política das eleccións do 12 de xullo. Así, La Voz de Galicia foi o xornal dixital máis lido, cunha gran diferenza sobre o resto, entre os que destacan Faro de Vigo, El País e Eldiario.es. En canto aos xornais impresos, tamén La Voz foi o máis seguido, con moitas máis respostas que Faro de Vigo, El Progreso e El País.
Nas televisións, a TVG lidera amplamente, por diante de TVE e La Sexta. E nas radios a Cadena Ser é a primeira, por diante da Radio Galega e Onda Cero.
Esta é a primeira vez que un estudo postelectoral duns comicios ao Parlamento galego inclúen a "prensa dixital" entre as posibles respostas á pregunta sobre os medios polos que a cidadanía se informou
Esta é a primeira vez que un estudo postelectoral duns comicios ao Parlamento galego inclúen a "prensa dixital" entre as posibles respostas á pregunta sobre os medios polos que a cidadanía se informou. Hai catro anos, despois das eleccións de setembro de 2016, os medios dixitais estaban incluídos na categoría de "periódicos" e entre as opcións de resposta que se ofrecían practicamente só aparecían cabeceiras impresas. Os poucos exemplos de xornais dixitais que se daban amosaban importantes erros, aparecendo cabeceiras inexistentes e outras xa desaparecidas.
O estudo postelectoral das eleccións xerais do pasado mes de novembro foi o primeiro no que se preguntou especificamente pola prensa dixital, que na enquisa que seguiu aos comicios de abril aínda aparecía na categoría conxunta de redes sociais/internet. En novembro, no conxunto de España, a prensa dixital foi o terceiro medio en importancia (22,6% das respostas), por detrás da televisión (73,9%) e das redes sociais (22,7%) e por diante da radio (22,4%) e da prensa impresa (15,8%).