A proporción de homes que atenden dependentes diminúe por primeira vez e consolida a feminización destes coidados

CC-BY LMoonlight

En Galicia residen 112 mil persoas en situación de dependencia, máis mulleres que homes e sobre todo por riba de 75 anos

En Galicia residen 112 mil persoas en situación de dependencia, unha cifra importante que en parte está relacionada co crecente envellecemento da poboación. Esta é a razón de que haxa máis dependentes entre as mulleres (con maior esperanza que vida) que entre os homes. A maior parte das persoas dependentes teñen máis de 75 anos. 

Hai uns días o Instituto Galego de Estatística publicou un módulo monográfico da Enquisa estrutural a fogares dedicado a dependencia que actualiza con datos de 2023 os anteriores indicadores, do ano 2017, e que permite realizar unha radiografía da cuestión.  

Tan relevantes coma as persoas dependentes son as persoas que as coidan e que en moitos casos teñen que soportar unha carga importante, a nivel económico e persoal, e as estatísticas do IGE afondan tamén nas súas características e necesidades.

Entre os coidadores e coidadoras as mulleres son clara maioría e representan dúas de cada tres persoas que se ocupan de dependentes. Por idades, o grupo máis numeroso é o de 45 a 64 anos

Dado que as situacións de dependencia se ligan en boa medida ao envellecemento son as áreas non urbanas as que rexistran un maior número de persoas dependentes en relación á súa poboación total. O 40% das persoas con dependencia viven en concellos de menos de 10.000 habitantes, a pesar de que nestas localidades só reside o 29,6% da poboación galega.

O 42,6% da poboación con problemas de dependencia en Galicia ten unha dependencia moderada, o 26,1% un grao de dependencia severo e no 31,3% dos casos pode catalogarse como gran dependencia. A medida que se avanza en idade, aumenta a porcentaxe de grandes dependentes. 

Un 37% das persoas dependentes necesita máis de 13 horas diarias de atención

Neste senso, segundo a enquisa, o 22,5% precisaba de 3 a 6 horas diarias de coidados e outro 26,7% precisaba de 7 a 12 horas diarias de coidados.Son os dous casos máis habituais, pero hai tamén un 18% de persoas que necesitan de 13 a 17 horas diarias de coidados e mesmo un 19% que necesita máis de 18 horas diarias de coidados.

No estudo o IGE alerta de que 7.890 persoas con dependencia reciben en Galicia menos horas de coidados das que necesitan, case o dobre que en 2017 (4.248)

7.890 persoas con dependencia reciben en Galicia menos horas de coidados das que necesitan, case o dobre que en 2017

As actividades cotiás para as que un maior número de persoas con dependencia precisa apoio son ocuparse das tarefas do fogar, ocuparse das compras e controlar os subministros e servizos. En todas elas, a porcentaxe de persoas con dependencia que precisa asistencia supera o 90%.

Tamén rexistran unha incidencia moi elevada (superior ao 80%) noutras tarefas, como asearse e lavarse, vestirse, outros coidados persoais (cortar as unllas, lavar os dentes...) ou empregar o transporte público.

Outro tipo de apoios aparecen cunha frecuencia inferior, aínda que importante, como controlar as necesidades e usar o baño, comer e beber, cambiar as posicións do corpo (dunha cadeira a outra, dunha cama a unha cadeira) ou desprazarse dentro do fogar.

A proporción de homes entre os coidadores fora crecendo entre os anos 2007 (27,7%), 2011 (31%) e 2017 (37,2%). Porén, na última actualización dos datos, correspondente ao 2023, a porcentaxe que supoñen os homes coidadores diminuíu por primeira vez (ata o 34,4%), aumentando polo tanto a de mulleres

Entre os coidadores e coidadoras as mulleres son clara maioría e representan dúas de cada tres persoas que se ocupan de dependentes. Por idades, o grupo máis numeroso é o de 45 a 64 anos: o 54% dos e das coidadoras teñen unha idade comprendida entre estes dous límites, aínda que tamén se atopa un grupo moi importante de coidadores e coidadoras por riba dos 65 anos.

A proporción de homes entre os coidadores fora crecendo entre os anos 2007 (27,7%), 2011 (31%) e 2017 (37,2%). Porén, na última actualización dos datos, correspondente ao 2023, a porcentaxe que supoñen os homes coidadores diminuíu por primeira vez (ata o 34,4%), aumentando polo tanto a de mulleres.

O 40,9% das persoas con dependencia que reciben coidados son atendidas por membros do fogar no que viven

Ao redor de un de cada dez fogares galegos (o 9,64%) teñen algunha persoa con dependencia, unhas 104 mil familias. O 40,9% das persoas con dependencia que reciben coidados son atendidas por membros do fogar no que viven; no 36,9% dos casos comparten a tarefa os membros do fogar con persoas de fóra do fogar; e no resto de casos (22,2%) a persoa dependente é coidada por membros de fóra do fogar exclusivamente. 

Con respecto á edición anterior na que se realizou a enquisa (2017), diminuíu a porcentaxe de persoas con dependencia que son coidadas só por membros do fogar (-5,8 puntos porcentuais); aumentou, pola contra, a porcentaxe de persoas que reciben coidados exclusivamente de persoas alleas ao fogar (3,6 puntos), así como a porcentaxe de persoas con dependencia atendidas tanto por coidadores/as do fogar como de fóra del (2,3 puntos)

O 32,9% das persoas que coidan a membros do seu fogar dedican 70 ou máis horas á semana a esta tarefa

O 32,9% das persoas que coidan a membros do seu fogar dedican 70 ou máis horas á semana a esta tarefa; o 32,9% dedican de 30 a 69 horas semanais; o 17,8%, de 15 a 29 horas semanais; e o 16,4%, menos de 15 horas á semana.

A enquisa destaca que no 68,7% dos casos o coidado das persoas con dependencia supón un gasto para o fogar e no 86,4% dos fogares con gasto é o propio fogar o que debe asumir a totalidade deste. O 45% das persoas entrevistadas destacan que o labor de coidados afectou á "economía do fogar" de maneira significativa. Esta afección foi semellante nos casos en que este traballo é realizado por homes e por mulleres, aínda que noutros efectos si que se advirten diferenzas en función do sexo. 

O 45% das persoas entrevistadas destacan que o labor de coidados afectou á "economía do fogar" de maneira significativa. No 68,7% dos casos o coidado das persoas con dependencia supón un gasto para o fogar e no 86,4% dos fogares con gasto é o propio fogar o que debe asumir a totalidade deste

Por exemplo, nos efectos sobre a saúde. O 71% das persoas coidadoras di que este traballo afectou negativamente á súa saúde. Isto é así especialmente no caso das mulleres (74%) e algo menos no dos homes (65%),

O traballo de coidados afecta de forma importante á dispoñibilidade de tempo libre, ás relacións persoais e á realización doutras tarefas. O 78,7% da poboación galega que se dedica a labores de coidado de persoas con dependencia tivo que reducir o seu tempo de ocio e as súas relación sociais ao comezar a desempeñar as ditas tarefas de coidado. De igual xeito, o 41,4% suprimiu tempo dedicado ao traballo doméstico; no 24,4% dos casos viuse afectado o traballo remunerado ou os estudos da persoa coidadora e no 57,5% a súa vida familiar.

O traballo de coidados afecta de forma importante á dispoñibilidade de tempo libre, ás relacións persoais e á realización doutras tarefas

Ademais, segundo o traballo do IGE, o 37,3% dos coidadores e das coidadoras de persoas con dependencia de Galicia atópanse con dificultades nesta labor de coidado por faltarlles forza física; o 27% afirma que as dificultades se deben a que a persoa con dependencia non colabora; o 25,9% ten dúbidas sobre como sería a mellor maneira de afrontar esta labor de coidado e o 24,4% recoñece precisar máis formación da que ten.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.