A Rede Galega pola Igualdade cre que a 'xuíza do tarot' está "incapacitada" para dirixir o Xulgado de Violencia de Xénero

Edificio dos Xulgados na Coruña ©

O pasado mes de maio a xuíza María Jesús García Pérez foi designada como nova titular do Xulgado de Violencia sobre a Muller da Coruña. Coñecida nos últimos meses como "a xuíza do tarot", o seu nomeamento vén sendo especialmente criticado polos colectivos feministas, que lembran que hai unha década foi sancionada por criticar publicamente a Lei de Violencia de Xénero cando era precisamente responsable do Xulgado de Violencia sobre a Muller de Cantabria. A maxistrada mesmo reidiculizara nunhas declaracións ás mulleres que sufrían violencia machista.

A Rede Galega pola Igualdade amosa a súa "profunda preocupación" polo nomeamento e pide o seu cese

A Rede Galega pola Igualdade remitiu este mércores un escrito ao Consello Xeral do Poder Xudicial (CGPJ) amosando a súa "profunda preocupación" polo nomeamento de María Jesús García Pérez como responsable do Xulgado de Violencia sobre a Muller da Coruña, un dos dous únicos tribunais especializados na materia que existen en Galicia. A Rede considera que a maxistrada está "totalmente incapacitada" para desenvolver esta función, sinalando que a súa traxectoria é "totalmente contraditoria cos principios de defensa dos dereitos que deben rexer os traballos do Xulgado de Violencia sobre a Muller". O escrito denuncia que a maxistrada foi "capaz de insultar e ningunear a Lei de Violencia de Xénero e as propias vítimas" e pide o seu cese.

A denuncia céntrase nas declaracións que a xuíza realizou hai unha década, cando era responsable do Xulgado de Violencia sobre a Muller de Cantabria, cargo que ocupou entre 2006 e 2009. Daquela, asegurara nunha entrevista que "eu son dos xuíces que está en contra desta lei", que "a orde de protección non serve para nada" ou que unicamente solicitara a praza nese destino "para velo por dentro" e para estar "neses Xulgados tan de moda", unhas palabras polas que o CGPJ a multou con 3.000 euros. 

En 2008 manifestouse en contra da Lei de Violencia de Xénero, falou de "denuncias falsas" e minimizou o problema dos asasinatos machistas 

A maxistrada chegara a referirse a "tanta denuncia falsa e tanta tontería"; afirmando que "o verdadeiro maltrato é algo raro"  e reducindo as denuncias a "ridiculeces" e "mensaxiñas no móbil". Así mesmo, minimizara o problema dos asasinatos machistas, afirmando "68, 69, 70 mortas nun ano. Pero cantos habitantes hai? Afortunadamente, a xente non se vai matando pola rúa". A xuíza mesmo incorrera en comentarios racistas contra os romaneses ("se non lle pegan á muller, parece que lles falta algo") ou contra as mulleres latinoamericanas ("as mulleres colombianas toman o pelo a todo o mundo").

O Observatorio contra a Violencia de Xénero cualificara as declaracións como "de extraordinaria frivolidade" e sinalara que contiñan "expresións que acreditan a súa absoluta falta de sensibilidade nesta materia e profundo descoñecemento das causas, manifestacións ou significado da violencia contra as mulleres".

"O proceder" da maxistrada "non só non garante o bo funcionamento dese Xulgado, senón que pon en perigo todo o sistema de apoio ás mulleres vítimas", di a Rede

Máis aló doutras críticas que recibiu esta maxistrada, ben pola súa actividade adiviñatoria -que lle valeu o alcume de 'a xuíza do tarot'-, ben por algunhas controvertidas sentenzas polas que se lle abriron varios expedientes, a Rede Galega pola Igualdade fai fincapé en que García Pérez "ten demostrado unha absoluta falta de sensibilidade e de formación específica en materia de xénero" e conclúe que "o proceder" da maxistrada "non só non garante o bo funcionamento dese Xulgado, senón que prexudica a imaxe do CGPJ e pon en perigo todo o sistema de apoio ás mulleres vítimas".

A pasada semana o colectivo Si, hai saída  tamén advertiu da súa preocupación pola chegada de García Pérez ao xulgado especializado da Coruña, partindo das mesmas declaracións denunciadas agora pola  Rede Galega pola Igualdade

Un dos anuncios das consultas de tarot que realiza a maxistrada ©

Quinto expediente aberto á maxistrada

Este xoves coñecíase que o Consello Xeral do Poder Xudicial acordou abrir un novo expediente á maxistrada por ter concedido indultos parciais a presos do cárcere de Monterroso (unha competencia exclusiva do Goberno central) cando era xuíza de Vixilancia Penitenciaria en Lugo.

Trátase do quinto expediente aberto polo CGPJ contra a xuíza

Trátase do quinto expediente aberto polo CGPJ contra a xuíza. O primeiro chegou polas xa comentadas declaracións sobre a violencia de xénero cando exercía como maxistrada especializada na materia en Santander. O segundo estivo motivado por non acudir a unhas tomas de declaración sendo instrutora nun xulgado de Madrid, algo polo que tamén foi sancionada. O terceiro tivo a súa orixe nas denuncias por traballar de stripper nun local das Illas Canarias, pero o expediente ficou sen castigo por non poder demostrarse que cobrara por esta actividade. 

O pasado outono foi arquivada a denuncia aberta contra a ela por ofrecer servizos como pitonisa. A presidenta do Observatorio contra a Violencia Doméstica e de Xénero opúxose ao arquivo do caso

Finalmente, o pasado ano a institución abriullle un cuarto expediente despois de coñecerse que ofrecía publicamente os seus servizos como tarotista en Lugo. De novo, non foi sancionada por non poder probarse que o fixera a cambio de diñeiro e porque ademais parte das probas achegadas foron declaradas ilegais. A Comisión Disciplinaria considerou "ilícita" unha gravación con cámara oculta realizada no domicilio da maxistrada. O caso arquivouse por catro votos contra tres; unha das tres xuízas que votou en contra do arquivo do expediente foi Ángeles Carmona, presidenta do Observatorio contra a Violencia Doméstica e de Xénero.

A súa actividade como tarotista puxo a María Jesús García Pérez baixo o foco da opinión pública nos últimos meses, nos que ademais chegou a presentarse como concursante ao programa televisivo de procura de parella First Dates

A xuíza María Jesús García, no programa 'First Dates', de Cuatro © Cuatro

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.