As 30.260 parellas reprodutoras existentes no ano 2001 no Parque Nacional das Illas Atlánticas pasaron a ser unicamente 6.360 o pasado ano, o que supón un descenso do 80% en todas as colonias
Dende hai décadas a poboación de gaivota patiamarela (Larus michahellis) vén descendendo de maneira alarmante en Galicia, segundo os datos oficiais que rexistran o número de parellas reprodutoras nas distintas colonias do Parque Nacional das Illas Atlánticas. Os datos, moi alarmantes, cifran o declive actual da especie nun 10% anual e ata un 80% nas últimas dúas décadas. Porén, investigadores e ecoloxistas non saben con certeza as razóns deste descenso poboacional e hai tempo que veñen reclamando que se afonde no coñecemento das causas.
Este martes a Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN) vén de solicitar oficialmente á Dirección Xeral de Patrimonio Natural da Xunta de Galicia que inicie o expediente de catalogación da gaivota patiamarela na categoría especie vulnerable (V) no Catálogo Galego de Especies Ameazadas.
"O declive da gaivota patiamarela, antigamente abundante en Galicia, é catastrófico en termos biolóxicos", di a SGHN, que engade que "a probabilidade de a especie non se recupere é alta"
A SGHN destaca que "logo de compilar a información científico-técnica dispoñible" constátase que "o declive da gaivota patiamarela, antigamente abundante en Galicia, é catastrófico en termos biolóxicos" e que "a probabilidade de a especie non se recupere é alta".
As 30.260 parellas reprodutoras existentes no ano 2001 no Parque Nacional das Illas Atlánticas pasaron a ser unicamente 6.360 o pasado ano, o que supón un descenso do 80% en todas as colonias (S.Martiño, O Faro, Monteagudo, Onza, Ons, Sálvora, Vionta, Sagres e otros illotes).
Os datos oficiais amosan que o descenso se está a producir de xeito semellante en todos os espazos
Os datos oficiais amosan que o descenso se está a producir de xeito semellante en todos os espazos. Nas Illas Cíes, de 22.220 parellas en 1991 pasouse a 2.276 en 2022 (descenso do 90% en 31 anos). Nas Illa de Ons, de 4.551 parellas en 1996 pasouse a 809 en 2022 (descenso do 82% en 26 anos). Na Illa de Sálvora, de 9.580 parellas en 2006 pasouse a 3.213 en 2022 (descenso do 66% en 16 anos). E nas Illas Sisargas, de 12.995 parellas en 1992, pasouse a 2.306 en 2021 (descenso do 82%).
A SGHN lembra que se cumpren todos os requisitos para a inclusión da gaivota patiamarela na categoría de especie vulnerable e mesmo para ser incluída como especie en perigo de extinción
A SGHN lembra que, neste caso, se cumpren todos os requisitos para a inclusión da gaivota patiamarela na categoría de especie vulnerable (V), cando menos, para a que se esixe un descenso poboacional do 20% en 50 anos e que a poboación actual sexa inferior ao 50% da que se estima que tería nunha situación favorable para a súa conservación.
Ademais, indica que mesmo se cumprirían os criterios para ser incluída na categoría En perigo de extinción (E), para a que se esixe que unha especie vise descender a súa poboación nun 40% nos últimos 50 anos e que o o número de exemplares maduros sexa inferior á cuarta parte da que podería existir de acordo coa capacidade de carga do seu hábitat.
Equipos científicos das universidades galegas están a estudar o efecto do síndrome parético ou paralizante, unha enfermidade que contribúe de forma decisiva no acusado declive da especie
A entidade explica que as especies de aves mariñas caracterízanse por ser "aves lonxevas, con taxas de reprodución baixas debido a unha idade de primeira reprodución tardía, e ser sensibles a diferentes ameazas". Entre elas destacan a perda de colonias de cría, depredación nos lugares de nidificación, sobre-explotación pesqueira, captura accidental, efectos de plásticos e outro lixo, intoxicacións, cambio climático e enfermidades naturais.
Na actualidade equipos científicos das universidades galegas están a estudar o efecto do síndrome parético ou paralizante, unha enfermidade que contribúe de forma decisiva no acusado declive da especie, como destacabamos nesta reportaxe. Esta enfermidade e a gripe aviar están afectando, en diferentes zoas costeiras de toda Europa, ás gaivotas do xénero Larus.