"Os nenos están ben", pero as familias quéixanse da incerteza de non saber cando e por que vía poderán regresar
A suspensión dos voos entre Malta e España polo coronavirus provocou que un grupo de 36 alumnos dun colexio de Ourense que se atopan facendo unha viaxe de estudos quedasen sen a conexión para volver da illa. Tiñan previsto regresar este sábado, explicou a nai dun destes mozos, Rita Castiñeiras, que indicou que aínda non recibiron información de cando e por que vía volverán os estudantes.
"Os nenos están ben. O único problema é a incerteza de non saber cando imos ver aos nosos fillos", dixo Castiñeiras. Os rapaces, de entre 12 e 16 anos e alumnos do colexio La Purísima de Ourense, sairon o sábado da semana pasada cara a Malta para estudar inglés na illa durante sete días.
O mércoles o goberno maltés anunciou a cancelación dos voos directos con Alemaña, Francia, España e Suiza (uns días antes xa suspendera o tráfico aéreo con Italia) para evitar a expansión do coronavirus. Estes alumnos ían voar dende a capital de Malta directamente a Santiago de Compostela.
Puxéronse en contacto coa Embaixada de España, pero non teñen información desde o mércores
Os pais puxéronse entón en contacto coa Embaixada española en Malta a través da empresa contratada para organizar a viaxe. "Non sabemos nada desde o mércores. Non nos dixeron se están buscando avión", protestou esta nai, que explicou que a embaixada pediu os datos dos estudantes e agora están á espera da súa chamada.
"Dános igual (que volvan) mañá ou pasadomañá, pero queremos saber algo", indicou Castiñeiras. Os estudantes, que están en Malta acompañados de profesores do colexio e un monitor da empresa organizadora, estaban aloxados en casas particulares con familias. Unha parte deles segue nesa situación, pero outros están xa nun hotel porque así o solicitaron as persoas que os acollían.