A vaga de calor en Galicia: das temperaturas extremas en Valdeorras ás máis baixas na Terra Chá

Solpor no Porto do Son (A Coruña) CC-BY-NC-SA Praza.gal

Moitos fenómenos relacionados coa vaga de calor están afectando a Galicia, mais non de forma homoxénea, segundo explican en Meteogalicia

A Portela, en Vilamartín de Valdeorras (Ourense), acadou este luns a temperatura máis extrema de Galicia polo alto achegándose aos 39 graos; mentres que Labrada (Abadín), na Terra Chá permanecía arredor dos 12º. Son valores extremos que explican por que non se pode falar dunha vaga de calor en Galicia, ou polo menos non en todo o país. “Non temos que confundir a situación que se está vivindo noutros puntos da Península Ibérica coa que temos aquí. En realidade, ata o de agora Galicia quedou practicamente á marxe desta situación de forte calor”, explican desde Meteogalicia

Unha das causas que leva a que Galicia quede fóra das altas temperaturas é a presenza do vento do nordés. “Tiñamos tamén influencia anticiclónica e entrada de aire cálido, pero houbo unha circulación moi marcada do nordés”, detallan no equipo da Unidade de Observación e Predición Meteorolóxica de Galicia.

Mapa de Galicia coas temperaturas máximas do luns, 13 de xuño © Meteogalicia

Hai temperaturas extremas e noites tropicais, pero grazas ao nordés a situación non é como noutros puntos da Península

Temperaturas extremas –as que superan os 36º– houbo tamén pola provincia de Ourense na contorna de Laza e Verín, pero son fenómenos puntuais. "Para falar de episodios de calor extrema temos que ter zonas moi amplas afectadas, non estacións particulares que marquen eses valores altos”, apuntan en Meteogalicia, onde prognostican que os termómetros galegos vanse achegar a estes valores extremos en maior medida ao longo da xornada deste martes. “Hai uns contrastes moi salientables entre a comarca de Valdeorras, o sur da provincia de Ourense ou mesmo a zona do Baixo Miño, co norte da provincia de Lugo ou o noroeste de Galicia no Arco Ártabro, que están en valores baixos para a época do ano”, engaden.

As noites tropicais, que tanto están a proliferar noutros puntos da Península, tamén se están a producir en lugares concretos da xeografía galega. Por exemplo, en Fornelos de Montes non baixaron dos 21º na noite do domingo ao luns e houbo outras moitas localidades nas que os termómetros marcaron ata 18º durante a noite. Do martes ao mércores, por un leve ascenso das temperaturas, é probable que máis municipios se sumen á noite tropical que se viviu en Fornelos, pois para que lle poidamos chamar tropicais ás noites a temperatura non pode baixar dos 20º. 

Unha DANA –unha depresión como resultado do choque dunha masa de aire frío en altura co aire quente que está na superficie, que acostuma ter como resultado chuvascos e tormentas– está xa ao sur das illas dos Azores e vaise mover cara á Madeira. Isto afecta xa a Galicia, pero a finais de semana irá máis cara ao norte e terá unha maior influencia. 

A DANA marcará se a partir do xoves as temperaturas se manteñen, ascenden ou, pola contra, baixan os termómetros

“Este embolsamento de aire frío en altura, que acaba reflectíndose tamén en superficie, é bastante errático e difícil de predicir. Así que, de momento, os modelos meteorolóxicos dan predicións diferentes. Cómpre estar moi atentos os vindeiros días para saber que camiño vai seguir finalmente este aire frío nas capas altas porque vai marcar a meteoroloxía dos vindeiros días”, sinalan en Meteogalicia. 

A predición complícase moito coa DANA, que marcará se a partir do xoves as temperaturas se manteñen, ascenden ou, pola contra, baixan os termómetros e se repiten as treboadas. Neste punto, parece que para esta fin de semana haberá precipitacións ocasionais en gran parte de Galicia. 

Nubes de treboada na Terra Chá nos primeiros días deste mes de xuño CC-BY-NC-SA Praza.gal

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.