A veciñanza de Ons e a Xunta chegan a un acordo que pon fin ao conflito sobre o acceso á illa

A veciñanza de Ons levou as súas protestas mesmo ata as festas patronais na illa, na última semana de agosto © Ons en loita

Hai acordo. Despois de meses de conflito, provocado polas limitacións impostas pola Xunta no acceso á Illa de Ons o pasado mes de maio, este mércores pola noite a veciñanza de Ons e mais o Goberno galego chegaron a un consenso que permitiu desbloquear a situación. Nas xuntanzas, que tiveron lugar no Concello de Bueu, que exerceu de mediador, a Xunta acepta incrementar o cupo para residentes, familiares e achegados, simplificando ademais a súa tramitación. A cambio, os veciños e veciñas, o mesmo que o Concello de Bueu, retiran a súa oposición á iniciativa para que a Illa de Ons forme parte da candidatura das Illas Atlánticas para ser declaradas Patrimonio da Humanidade.

Cada unha das casas de Ons disporá dun número determinado de accesos diarios, ata un total de 300 para todos os fogares, que se descontarán do cupo xeral de visitantes que poden entrar cada día na illa

En concreto, cada unha das casas de Ons disporá dun número determinado de accesos diarios, ata un total de 300 para todos os fogares, que se descontarán do cupo xeral de visitantes que poden entrar cada día na illa (unhas 1.300 persoas). Ademais, cada casa contará cun código QR específico para realizar as reservas con máis facilidade. Modificarase así mesmo a aplicación informática para levar a cabo estas reservas, habilitándose unha sección propia para as reservas das persoas residentes.

Ademais, acordouse a creación dunha mesa permanente de contacto na que que estarán representados Xunta, Parlamento, Concello, veciñanza e outros colectivos. Este marco servirá para a resolución de problemas e necesidades específicas que vaian xurdindo.

Algúns dos veciños e veciñas da Illa de Ons, nunha das súas accións de protesta © Ons en Loita

O Concello de Bueu acordou, en consecuencia, a retirada do pleno municipal deste xoves do acordo para opoñerse á candidatura impulsada para que as Illas Atlánticas sexan declaradas Patrimonio da Humanidade.

As protestas elevaron o seu ton ao longo do verán e chegaron a poñer en cuestión a declaración das Illas Atlánticas como Patrimonio da Humanidade

Nas conversas participaron os conselleiros de Cultura e Medio Ambiente da Xunta, Román Rodríguez e Ángeles Vázquez, e tamén os voceiros de todos os grupos políticos representados no pleno municipal de Bueu.

Nos últimos meses a veciñanza da illa denunciou en varias ocasións que o Goberno galego os estaba a tratar como visitantes, alleos a este espazo, e criticou a falta de "diálogo" por parte da Xunta. Mentres, o pleno municipal de Bueu aprobou por unanimidade unha declaración na que esixía do Executivo o "recoñecemento das veciñas e veciños de Ons e o seu círculo e entorno familiar como elementos fundamentais de Ons, comprometéndose a garantir o libre acceso á Illa, tal e como foi sempre". As protestas elevaron o seu ton ao longo do verán e chegaron a poñer en cuestión a declaración das Illas Atlánticas como Patrimonio da Humanidade.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.