O afectado reclamou unha indemnización na vía administrativa pero a Xunta non respondeu en máis dunha década e agora a xustiza dálle a razón porque "a Administración era xa consciente do risco"
O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) vén de condenar a Xunta a indemnizar con máis de 90.000 euros a un motorista que en 2009 perdeu un brazo ao chocar contra unha barreira quitamedos da estrada As Pontes-Ortigueira (AC-101). O home reclamara inicialmente unha indemnización na vía administrativa pero o Goberno galego non lle respondeu en máis dunha década. Agora a xustiza considera que "a Administración era xa consciente de que ditas biondas constituían un elemento de risco, especialmente para os motoristas".
Os feitos ocorreron en 2009, cando o home, daquela de 40 anos, circulaba pola estrada AC-101 en dirección ás Pontes. No punto quilométrico 26, ao pouco de saír de Ortigueira, un corzo cruzouse na calzada e caeu. Impactou contra os soportes ou anclaxes da barreira quitamedos ou bionda, con arestas cortantes que lle provocaron a amputación dun brazo. Estivo un mes ingresado no hospital, recibiu a incapacidade permanente para o seu traballo e foille cuantificada a súa discapacidade nun 65%.
O home presentou unha reclamación de responsabilidade patrimonial á Xunta, pero durante máis de dez anos non lle responderon e acabou recorrendo á xustiza. E agora o TSXG dálle parcialmente a razón.
O tribunal lembra que a propia administración xa viña substituíndo ese tipo de anclaxes por outros máis seguros, polo que é responsable de que seguisen instalados no lugar do sinistro
A sentenza agora feita pública, con data do 2 de xullo, lembra que a xurisprudencia sobre este tipo de casos vén establecendo que "a existencia de tales soportes verticais, na forma en que estaban instalados no treito de vía ao momento de ocorrer o accidente, constitúe un suposto de responsabilidade patrimonial da Administración". A propia administración, lembra o tribunal, xa viña substituíndo desde había anos ese tipo de soportes por outros menos cortantes ou protexidos específicamente para motoristas.
No caso da estrada na que ocorreu o accidente, non fora reformada desde que a administración comezara a substituír ese tipo de soportes dos quitamedos, polo que non había unha obriga expresa da Xunta de mudalos. Pero en todo caso, di a sentenza, a administración era "consciente" de que manter ese tipo de anclaxes era "un elemento de risco, especialmente para os motoristas".
Por iso o TSXG recoñece o dereito do home a recibir unha indemnización da Xunta, aínda que reduce a contía da súa petición inicial por considerar ao motorista en parte culpable do accidente por non conducir con máis coidado nun treito perigoso.