O Estado é condenado a indemnizar con 740.000 euros a un motorista que chocou cun madeiro na N-120 en Quiroga

O Ministerio de Transportes é condenado polo choque dun motorista cun madeiro tirado nun carril de adiantamento na N-120 ao seu paso por Quiroga CC-BY-SA Praza Pública

A Audiencia Nacional considera que o Ministerio de Transportes non cumpriu "os estándares de seguridade esixibles" ao non retirar o obstáculo co que impactou o home, que quedou con graves secuelas

A Audiencia Nacional vén de condenar o Ministerio de Transportes a indemnizar con 740.000 euros a un motorista polo choque que sufriu en abril de 2017 cun madeiro tirado nun carril da estrada N-120 ao seu paso por Quiroga. O home tivo que someterse a 27 intervencións cirúrxicas e quedou con importantes secuelas froito do choque que o tribunal atribúe a que o ministerio non cumpriu con "os estándares de seguridade esixibles ao titular da vía".

Carril de adiantamento na N-120, no seu punto quilométrico 481,5, en Quiroga, no que ocorreron os feitos © Google

Segundo o relato dos feitos que fai a sentenza o home accidentado regresaba dunha concentración moteira con outro compañeiro pola N-120 á altura de Quiroga en dirección Monforte. No punto quilométrico 481,5, ás nove da noite, adiantaron un turismo que os precedía aproveitando un carril de adiantamento alí existente. Porén, nese carril adicional había tirado un madeiro que o compañeiro puido esquivar pero non o home accidentado. A súa moto tropezou co obstáculo, desestabilizouse e o home chocou con outro turismo que circulaba en dirección contraria.

O afectado tivo que someterse a 27 operacións, con importantes secuelas en todo o seu corpo que o deixaron con incapacidade permanente e necesitado de axuda de terceiras persoas. Reclamou unha indemnización ao ministerio, titular da estrada, pero este denegouna argumentando que a estrada estaba en boas condicións, que os servizos de mantemento pasaran por ese lugar durante a mañá e que a roda dianteira da moto do afectado non estaba autorizada para ese vehículo.

Sentenza da Audiencia Nacional que condena o ministerio polo accidente na N-120 CC-BY-SA Praza Pública

A sentenza critica que entre a última pasada pola zona dos servizos de conservación e o accidente "transcorrera un lapso de tempo como mínimo de nove horas"

Porén, tras recorrer á xustiza agora a Audiencia Nacional dá a razón ao afectado. Segundo o tribunal, o Estado non xustificou en que puido afectar ao accidente que a roda da moto non fose a adecuada, mentres que pola contra o atestado da Garda Civil e as declaracións das testemuñas presentes coincidiron en certificar que o sinistro debérase á "existencia dun obstáculo na calzada, taco de madeira, o que provoca que o condutor da motocicleta perda co control".

Pola contra, a Audiencia Nacional pon o foco no mantemento da estrada e, malia non poñer en dúbida que esta estivese en bo estado, si cuestiona as revisións que da mesma facían os seus servizos de mantemento. Segundo a documentación achegada á causa, os operarios fixeran un recorrido polo lugar do accidente esa mañá entre as dez e media e as doce "sen detectar ningún obstáculo". Porén, a Audiencia Nacional considera que "no momento de producirse a colisión da motocicleta co taco de madeira transcorrera un lapso de tempo como mínimo de nove horas".

Sede da Audiencia Nacional © CGPJ

A administración non puxo en cuestión a valoración dos danos reclamados polo que a Audiencia Nacional condénaa a indemnizar o afectado cos 740.000 euros que este reclamou

Así que a sentenza conclúe que "con independencia de que a empresa encargada da conservación cumprise coas súas obrigas contractuais, cuestión que aquí non se discute, a efectos de valorar a eventual responsabilidade da Administración titular da vía, o transcurso de tan longo período de tempo entre o último pase do servizo de conservación e o momento da colisión non permite considerar, a xuízo do tribunal, que se cumpren os estándares de seguridade esixibles á titular da vía". 

Por iso, é á vista de que a administración non puxo en cuestión que os danos sufridos polo condutor da moto fosen os efectivamente referidos e valorados economicamente na súa demanda, a Audiencia Nacional condena o Estado a indemnizalo cos 740.000 euros reclamados.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.