A Audiencia Nacional condena o Ministerio de Fomento por un accidente na antiga N-VI por “falta de mantemento”

Lugar das Angustias, na antiga N-VI ao seu paso por Betanzos, no que ocorreu o accidente © Google

Dúas persoas ocupantes dunha moto resultaron feridas e con secuelas físicas tras caer pola grava que ocupaba case un metro do carril de circulación

A Audiencia Nacional vén de condenar o daquela Ministerio de Fomento por un accidente ocorrido en xullo de 2018 nun treito da antiga N-VI ao seu paso polo lugar das Angustias, en Betanzos, no que dúas persoas ocupantes dunha moto resultaron feridas e con secuelas físicas tras caer por mor da grava que ocupaba case un metro do carril de circulación. O ministerio nin contestou á reclamación que puxeron os afectados e a súa aseguradora, aos que a xustiza dá a razón e confirma a “relación de causalidade entre a falta de mantemento adecuado da estrada, pola existencia de grava, e o accidente”.

Condena da Audiencia Nacional pola falta de mantemento por parte do ministerio da antiga N-VI CC-BY-SA Praza Pública

Segundo os feitos relatados na sentenza a partir do atestado policial do accidente, a moto circulaba a media tarde dun día de xullo de 2018 polo punto quilométrico 585 da antiga estrada N-VI, que nese punto cruza o lugar das Angustias, en Betanzos. A beiravía dereita estaba cuberta de grava e esta ocupaba preto dun metro do carril de circulación no punto no que a moto perdeu o control, e “nalgún punto esta grava ocupa ata 1.20 metros”.

Unha das persoas afectadas pola caída resultou con contusións e queimaduras de primeiro grao, tivo que someterse a unha intervención nunha man para retirarlle un corpo estraño e estivo dous meses de baixa. A outra tivo contusións e erosións e quedoulle limitada a mobilidade dun xeonllo. As dúas quedaron con secuelas estéticas. Presentouse unha reclamación de indemnización na vía administrativa pero o ministerio nin contestou, o que levou á demanda xudicial que agora vén de dar a razón aos afectados.

Sede da Audiencia Nacional © Poder Xudicial

A sentenza lembra que "a Administración ten o deber de manter as estradas abertas á circulación en condicións tales que a seguridade de quen as utilice estea debidamente garantida”

Segundo a sentenza, o último recorrido pola estrada dos servizos de mantemento realizárase dous días antes do accidente, e a Audiencia Nacional, tras desbotar por falta de probas que houbera unha velocidade inadecuada ou unha condución desatenta, considera como causa máis probable do sinistro “o estado ou condición da vía” pola “falta de mantemento adecuado da estrada”.

A sentenza condena o ministerio a pagar unha indemnización total ás dúas persoas e a súa aseguradora de 46.000 euros. E lembra que “a Administración ten o deber de manter as estradas abertas á circulación en condicións tales que a seguridade de quen as utilice estea debidamente garantida”.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.