A Audiencia Nacional condena a Fomento por ocupar un terreo privado durante anos para facer a liña de alta velocidade Vigo-Pontevedra

A daquela ministra de Fomento, Ana Pastor, na inauguración o 14 de xullo de 2013 da liña de alta velocidade entre Arcade e Pontevedra CC-BY-SA Xunta de Galicia

Tras empregalo temporalmente para unhas obras que se inauguraron en 2013, o ministerio non devolveu o terreo, que foi acumulando verteduras, nin contestou ás peticións dos donos, que agora deberán ser indemnizados

O 14 de xullo de 2013 a daquela ministra de Fomento, Ana Pastor, e o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, inauguraron o treito entre Arcade e Pontevedra da liña de alta velocidade do Eixo Atlántico. A pouca distancia da estación de Arcade, ao outro lado do río Verdugo, xa en Pontesampaio, no concello de Pontevedra, Fomento ocupara en 2009 un terreo de 5.500 metros cadrados que precisaba para acometer os traballos coa estimación de facelo só temporalmente durante catro anos, pero pasado ese tempo non o devolveu. Tampouco contestou a sucesivas peticións dos propietarios, aos que agora a Audiencia Nacional vén de recoñecer o dereito a seren indemnizados polos danos e prexuízos da perda dos alugueiros que puideran cobrar polo terreo durante este tempo.

Terreos ocupados por Fomento para as obras do Eixo Atlántico, entre a N-550 e as vías, á altura da antiga fábrica de Pontesa en Pontesampaio, nunha imaxe de 2009 cos traballos ferroviarios en marcha CC-BY-NC-SA Plan de Ordenación do Litoral - Xunta de Galicia - Praza Pública

Os terreos en cuestión ocupados por Fomento sitúanse fronte á antiga fábrica de louza de Pontesa en Pontesampaio, entre a estrada N-550 e a vía do tren. Son propiedade de Itaipu-Trade, a empresa que tamén se fixo hai anos coas vellas instalacións de Pontesa e que segundo a sentenza agora emitida pola Audiencia Nacional tiña alugada a parcela a unha construtora como lugar de almacenaxe. En xaneiro de 2009 Fomento comunicoulle a ocupación temporal dos terreos para as obras da liña de alta velocidade cunha duración que “se estima en 48 meses”. 

A liña ferroviaria foi inaugurada efectivamente catro anos despois, o 14 de xullo de 2013, e segundo a sentenza un ano máis tarde, o 16 de xullo de 2014, “transcorridos máis de 5 anos desde a ocupación, a actora diríxese ao Ministerio de Fomento sinalando: a finca non foi devolta aínda a esta empresa, co agravante de que quedou repleta de entullos”. A empresa pedía ao ministerio que se lle indicase se xa rematara a ocupación temporal e que quitase os entullos antes de devolverlle o terreo.

A Xunta mesmo abriu un expediente sancionador por vertedeuras de entullos no terreo, pero foi arquivado ao constatar que fora ocupado "pola Administración"

O 11 de marzo de 2015, “transcorridos máis de 6 anos desde a ocupación”, reiterouse o escrito anterior, sinalando a proliferación de verteduras e que o terreo xa carecía do peche que tiña antes. En abril dese ano o ministerio respondeu que a responsabilidade era de Adif, a quen tamén a empresa pediu a devolución do terreo, pero que non iniciou un expediente de responsabilidade patrimonial ata 2019. “O certo é que, ao día da data [a sentenza agora feita pública é do pasado 27 de outubro], non consta que Adif resolvese nada ao respecto”, di a resolución xudicial.

Polo medio, a Xunta mesmo abriu un expediente sancionador polas verteduras que había no terreo tras unha denuncia en 2015, pero “foi sobresido ao constatarse que os terreos foran obxecto de ocupación temporal pola Administración”.

Inauguración do treito Arcade-Pontevedra en xullo de 2013 CC-BY-SA Xunta de Galicia

A Audiencia Nacional comeza a súa argumentación rexeitando o intento do ministerio de desviar a súa responsabilidade a Adif, empresa pública que depende do ministerio, sinalando que “a Administración expropiante é a demandada, sen prexuízo das relacións existentes entre a mesma e a beneficiaria Adif”.

"Ben puido a Administración, en 2014, contestar á empresa, pero non o fixo, como tampouco o fai en 2015”, censura o tribunal

O tribunal tamén rexeita o argumento do ministerio de que a empresa coñecía o remate da ocupación porque se lle comunicara unha estimación da obra de 48 meses, “pois dita estimación, como o seu propio tenor indica, é unha mera indicación aproximada da duración, que non impide que a expropiante [Fomento] e a beneficiaria [Adif] deban cumprir o seu deber de devolver o ben ocupado”. A sentenza vai máis alá e lembra que “en todo caso, ben puido a Administración, en 2014, contestar á actora nese sentido, pero non o fixo, como tampouco o fai en 2015”. E deixa claro que ou Fomento ou Adif “deben comunicar o cesamento de dita ocupación ou debe constar que o expropiado coñece o cese da mesma por calquera medio que admita proba”.

Sentenza da Audiencia Nacional sobre o terreo ocupado por Fomento para executar a liña ferroviaria entre Arcade e Pontevedra CC-BY-SA Praza Pública

Ante esa situación, o tribunal establece que a empresa propietaria do terreo debe ser indemnizada cuns 13.500 polo custo de devolver a parcela ao seu estado previo, cuns 42.500 euros “pola perda de alugueiros de ditas leiras” ata xullo de 2017 e, desde esa data, con 655 euros mensuais “ata a entrega efectiva das fincas”. O ministerio tamén deberá asumir as costas xudiciais.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.