O ministerio encarga medidas por 25 millóns de euros contra o impacto sonoro do Eixo Atlántico ferroviario, en servizo desde 2015, e por 7 millóns na ampliación da AP-9 en Vigo, inaugurada en 2017
As obras son molestas, pero en ocasións o ruído que producen os traballos necesarios para executar infraestruturas non rematan con estes senón que as novas actuacións supoñen a aparición de novos ou máis ruídos antes inexistentes ou menos intensos. E non sempre as administracións que impulsan as obras actúan ao tempo que as acometen contra os efectos secundarios que producirán no futuro.
Nos últimos días o Ministerio de Transportes e Adif, dependente del, veñen de publicitar investimentos millonarios en actuacións contra a contaminación acústica producida por infraestruturas inauguradas hai anos con todo boato por esas mesmas administracións.
Este luns Adif informou da licitación por 25,7 millóns de euros das obras para a instalación de 122 pantallas acústicas cun total de 33.200 metros cadrados que protexan do ruído xerado polo Eixo Atlántico de alta velocidade entre Vigo e Padrón, treito inaugurado en abril de 2015 pola daquela ministra de Fomento, Ana Pastor. Antes do anuncio deste luns, o propio Goberno de España xa publicitara a pasada semana o paso administrativo previo da autorización para a licitación outorgada polo propio Consello de Ministros.
Nese mesmo treito xa se instalaran proteccións acústicas en distintos puntos pouco despois de rematarse as obras da infraestrutura, pero non resultaron suficientes e parte do ruído provocado polo paso dos trens non terá solución ata que dentro duns meses se executen os traballos agora encargados. Algo similar ocorre no treito máis setentrional, entre Padrón e A Coruña, onde o proxecto para as súas novas proteccións acústicas non foi sometido a información pública ata comezos deste ano. Se a inauguración entre Padrón e Vigo foi en abril de 2015, entre Santiago e A Coruña o treito inaugurouno o daquela ministro José Blanco en decembro de 2011.
No caso da AP-9, as pantallas acústicas son parte das obras que o propio ministerio admitía que quedaban pendentes cando inaugurou a ampliación de Rande hai agora catro anos
Ese paso previo ao encargo das obras, o de someter o proxecto a información pública, vén de dalo tamén agora o Ministerio de Transportes coas pantallas acústicas da AP-9 tras a súa ampliación entre O Morrazo e Vigo. O pasado 10 de novembro publicitou ese paso, que aínda deberá concretarse nunhas futuras obras que o propio ministerio estima en 7 millóns de euros. En total, serán case tres quilómetros lineais de barreiras de metacrilato que forman parte das diversas obras que quedaron pendentes nese treito da AP-9 tras a súa ampliación xunto coa ponte de Rande.

A inauguración dese treito correu por conta do daquela presidente do Goberno de España, Mariano Rajoy, o 30 de decembro de 2017, hai agora catro anos. Porén, o propio Ministerio de Fomento cuantificaba daquela en 11 millóns de euros as obras que aínda quedarían pendentes tras a foto oficial das autoridades. Naquelas fotos, tanto do AVE como da AP-9, non se aprecia o ruído contra o que agora, anos despois, se comezará a actuar.