“Insólito”: o Tribunal Superior condena a ocupación pola Xunta dunha propiedade privada para favorecer unha construtora

Feijóo e outras autoridades pasean sobre a Autovía do Morrazo para cuxa construción a Xunta ocupou ilegalmente unha propiedade privada CC-BY-SA Xunta de Galicia

O TSXG ratifica unha sentenza dun xulgado inferior que hai un ano obrigou ao Goberno galego a devolver ao seu dono 15.000 metros cadrados dos que se apropiou con “desviación de poder” para facer a Autovía do Morrazo

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) vén de ratificar a sentenza emitida hai un ano por un xulgado de Pontevedra que condenou á Xunta a devolver ao seu lexítimo propietario un terreo de 15.376 metros cadrados do que se apropiou ocupándoo durante as obras de construción do último treito da Autovía do Morrazo para convertelo nun lugar no que depositar entullos. Fíxoo, segundo censurou o xulgado inicial e agora ratifica o tribunal, para “liberar á empresa construtora da custosa carga de transportar ata un lugar autorizado as terras e entullos sobrantes da obra”. Un proceder da Xunta que o TSXG considera "insólito", segundo a sentenza avanzada por Pontevedra Viva e á que tamén tivo acceso Praza.gal.

Fragmento da sentenza do TSXG que ratifica que a Xunta ocupou unha propiedade privada en beneficio dunha construtora CC-BY-SA Praza Pública

A sentenza de hai un ano sinalou que a Xunta apropiouse por "vía de feito" do terreo de máis de 15.000 metros cadrados situado no lugar do Reibón, en Meira, Moaña, ao executar as obras de desdobramento do corredor do Morrazo para a súa conversión na Autovía do Morrazo, inaugurada en xuño de 2019, oito anos despois da primeira licitación. A construción dese último treito da autovía no que está situado o terreo do que se apropiou a Xunta foi adxudicada a unha unión temporal de empresas (UTE) formada polas construtoras Covsa e Taboada y Ramos, esta última dun empresario afín ao PP.

A Xunta é condenada a devolver ao seu propietario os 15.000 metros cadrados no estado en que se atopaban, o que custará uns dous millóns de euros, e indemnizalo con 47.000 euros por cortar as súas árbores

Segundo aquela condena, o Goberno galego incorreu nunha “omisión total e absoluta do procedemento establecido” para ocupar o terreo, co que cometeu desviación de poder. Ademais, a sentenza reflectía como nin durante o proceso xudicial emprendido polo propietario nin durante o xuízo a Xunta intentou defenderse, malia despois recorrela sen éxito ao TSXG. A condena agora ratificada obriga á Xunta a devolverlle o terreo ao propietario, eliminando os recheos e entullos depositados nel. O perito xudicial valorou o custo desa reposición en case dous millóns de euros. Ademais, a Administración deberá indemnizar o demandante con 47.391 polas árbores que foron cortadas.

O TSXG ratifica esa sentenza e reitera que actuación da Xunta incorreu “en vía de feito, con desviación de poder, exercitando facultades administrativas para fins distintos dos previstos legalmente” e coincide en que serviu "unicamente a intereses da empresa construtora".

Fragmento da sentenza agora avalada polo TSXG no que o xulgado sinalou que a Xunta non atendeu os seus requirimentos CC-BY-SA Praza Pública

Durante o proceso xudicial emprendido polo propietario, a Xunta nin intentou defenderse, segundo reflictiu a sentenza agora ratificada

Por outra banda, durante a construción dos primeiros treitos da mesma Autovía do Morrazo, a Xunta xa decidira modificar as súas previsións iniciais de que as obras se puidesen compaxinar coa circulación de vehículos polo corredor orixinario para así axilizar e facilitar os traballos das construtoras. Esa decisión de cortar o tráfico para facilitar os traballos fora criticada uns anos antes polo PP cando a tomou o anterior goberno bipartito durante a execución da Autovía do Salnés asegurando que supuña facerlle un favor ás construtoras.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.