A Consellería de Infraestruturas nin atendeu advertencias previas sobre o estado dun noiro que acabou desprendéndose nin respondeu a reclamación administrativa que formulou a afectada, á que obrigou a recorrer á xustiza
En marzo de 2016 unha condutora chocou á saída de Viveiro cara a Burela pola estrada autonómica LU-862 cunha gran rocha desprendida sobre a vía desde un noiro existente na súa marxe dereita. O vehículo envorcou e as lesións que a muller rexistrou nun ombreiro acabáronlle supoñendo unha incapacidade total para o traballo. A vítima presentou unha reclamación administrativa contra a Consellería de Infraestruturas pero esta non lle contestou, o que a obrigou a recorrer á xustiza ordinaria que agora, seis anos e medio despois do accidente, vén de condenar á Xunta a indemnizala.
Segundo a sentenza agora emitida polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), a Xunta recibira advertencias previas por escrito por parte do Concello de Viveiro sobre o mal estado do noiro, e en anos previos xa se produciran desprendementos. Porén, o Goberno galego tentou argumentar no xuízo que chovera máis do habitual e que era responsabilidade da condutora adaptar a velocidade ás circunstancias da vía, cuestións que foron desbotadas polo tribunal que considera que “existe proba suficiente para considerar a responsabilidade da Administración demandada como responsable do accidente”.
Segundo o relato dos feitos que fai a sentenza agora feita pública polo TSXG, a muller circulaba ás tres da madrugada á altura do punto quilométrico 86,4 da estrada LU-862, á saída de Viveiro cara a Burela, cando chocou cunha pedra caída sobre a vía desde un noiro existente na marxe dereita. O vehículo envorcou e a muller tivo que ser trasladada polo 061 ao hospital de Burela con múltiples contusións.
A Xunta tentou argumentar no xuízo que “incumbe ao condutor adaptar a condución ás circunstancias propias e externas que en cada momento se produzan”, salientando que a muller usaba gafas e que o coche tiña 13 anos
A muller acabou recibindo unha incapacidade permanente total para o traballo polos danos que sufriu nun ombreiro e xunto co seguro do seu vehículo presentou unha reclamación administrativa de responsabilidade patrimonial da Xunta. A Consellería de Infraestruturas non contestou e obrigouna a recorrer á vía xudicial.
No xuízo a Xunta tentou argumentar que o accidente debérase a causas de forza maior alleas á súa responsabilidade xa que tanto esa xornada como nos días previos rexistráranse “condicións meteorolóxicas excepcionais” que puideran desestabilizar o noiro de xeito imprevisto. Tamén argumentou que “incumbe ao condutor adaptar a condución ás circunstancias propias e externas que en cada momento se produzan”, e pediu que se valorase como factores concorrentes para que se producise o accidente tanto a antigüidade do vehículo, de 13 anos, como a “corrección de visión” que a condutora tiña rexistrada no seu permiso de conducir.
Porén, o tribunal desbotou os argumentos da Xunta amparándose fundamentalmente no atestado e informes da Policía Local de Viveiro. Neles constátase que en anos previos “xa existiran desprendementos anteriores nese noiro”, polo que “era predecible que os desprendementos puideran ocorrer noutros puntos do mesmo, non tratándose por tanto dun suceso nin imprevisible nin inevitable”.
A sentenza tamén indica que as chuvias rexistradas naquelas xornadas non foran excepcionais. E engade que o Concello xa advertira por escrito do estado do noiro, pero que incluso “aínda que non existira tal comunicación, se realmente se efectúan os recorridos periódicos por esa estrada [por parte dos responsables do seu mantemento] coa frecuencia que se indica pola Administración, a dilixencia esixible ao servizo debera levar a constatar o estado en que se atopaba o noiro e prever a posibilidade de desprendementos cos riscos que iso implica para a seguridade dos usuarios da vía”. A Xunta realizou obras de reforzo do noiro tras o accidente.
A sentenza di que non consta "indicio algún para atribuír responsabilidade á condutora" mentres que hai "proba suficiente para considerar a responsabilidade da Administración" por "un incumprimento das obrigas de mantemento da estrada da súa titularidade"
O tribunal tamén di que non consta “indicio algún para atribuír responsabilidade concorrente á condutora, pois en ningún momento se fala de que puidera levar unha velocidade inadecuada”. Pola contra, considera que “existe proba suficiente para considerar a responsabilidade da Administración demandada como responsable do accidente” por "un incumprimento das obrigas de mantemento da estrada da súa titularidade". Por iso, e atendendo á “perda de calidade de vida, e a incapacidade total para a actividade laboral que foi recoñecida”, o tribunal condena a Xunta a indemnizar á muller con algo máis de 51.000 euros e á aseguradora do seu vehículo con 8.000 polos seus gastos sanitarios e o sinistro total do coche.