O Goberno galego foi condenado a devolver no estado orixinal un terreo que se apropiou para facer a Autovía do Morrazo, pero alegou que non podía executar a sentenza porque sería moi caro, o que o TSXG rexeita lembrando a obriga de cumprir a Constitución Española
En febreiro de 2020 a Xunta foi condenada por un xulgado de Pontevedra por ocupar unha propiedade privada ao apropiarse dun terreo non previsto durante as obras da Autovía do Morrazo. Fíxoo para favorecer á construtora e que esta o puidese empregar como vertedoiro evitando desprazamentos máis longos e custosos. O Goberno galego recorreu aquela sentenza pero un ano máis tarde o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) ratificouna e considerou “insólito” o proceder da Xunta.
A sentenza foi firme, pero cando o propietario afectado reclamou a súa execución coa reposición dos terreos ao estado orixinal a Xunta opúxose e pediu non cumprila alegando unha suposta imposibilidade material pola complexidade e elevado custe que tería retirar da parcela as verteduras alí depositadas. O xuíz encargado do caso rexeitouno e acusou ao Goberno galego de “desidia, deixadez e ineptitude”, pero este recorreu e insistiu en pedir a inexecución da sentenza ao TSXG, que nun auto do pasado xullo ratifica que debe cumprila e lémbralle a Constitución e que “España é un Estado de Dereito”.
A sentenza orixinal do caso, xa firme, condenou á Xunta a devolver ao seu lexítimo propietario no seu estado orixinal un terreo de máis de 15.000 metros cadrados do que se “apropiou” durante as obras de construción da Autovía do Morrazo para acabar converténdoo nun vertedoiro non por ningunha modificación do proxecto senón por “a conveniencia de liberar á empresa construtora da custosa carga de transportar ata un lugar autorizado as terras e entullos sobrantes da obra”, procedemento co que o Goberno galego cometeu desviación de poder.
A sentenza firme que a Xunta intentou non cumprir dixo que o seu "insólito" xeito de proceder servira "unicamente a intereses da empresa construtora"
A actuación da Xunta por “vía de feito” e cunha “omisión total e absoluta do procedemento establecido", dixo aquela sentenza, facilitou a obra, que nese treito, inaugurado por Feijóo en 2019, fora adxudicada a unha unión temporal de empresas (UTE) formada polas construtoras Covsa e Taboada y Ramos, esta última dun empresario afín ao PP.
A Xunta recorreu aquela sentenza, e un ano máis tarde o TSXG desbotaba os seus argumentos salientando que o seu xeito de proceder, que cualificaba como “insólito”, servira “unicamente a intereses da empresa construtora”.
A sentenza fíxose firme e o avogado do propietario prexudicado solicitou a súa execución co reintegro do terreo no seu estado orixinal. Pero a comezos deste ano a Xunta opúxose “alegando a imposibilidade material de levala a efecto” tanto polas dificultades técnicas como “por razóns económicas, pois a limitación dos recursos públicos esixe atender á racionalidade do gasto e a súa aplicación con criterios de eficiencia”.
O xuíz que levou o caso rexeitou a petición de inexecución da Xunta, e esta recorreu ao TSXG que o pasado xullo emitiu sentenza ratificando que si debe cumprir coa sentenza. Na súa decisión previa o xuíz do caso xa criticara que durante o xuízo pola ocupación o Goberno galego non argumentara, “por desidia, deixadez e ineptitude”, a suposta imposibilidade material de recuperar os terreos. E na sentenza coa que o TSXG dá a razón ao xuíz e lla quita á Xunta engádense máis críticas á actuación do Goberno galego.
“España é un Estado de Dereito que debe someter as súas actuacións á legalidade, singularmente no que afecta á propiedade privada”, di o TSXG
O TSXG di que “ao igual que cando se actuou pola vía dos feitos, e non de forma lexítima, tampouco existen agora razóns técnicas nin medioambientais acreditadas que poñan de manifesto que non é posible devolver a finca ao seu estado orixinal”.
E fronte ao argumento da Xunta de que recuperar o terreo sería moi custoso e que as administracións públicas deben velar polo adecuado uso dos fondos públicos, o Tribunal Superior lembra a Constitución Española (CE). “Se ben é verdade que a apelación á racionalidade do gasto e á asignación eficiente dos recursos é un mandato previsto no artigo 31.2 da CE, tamén recolle este texto supremo o de executar as sentenzas firmes”, di o TSXG. E engade que “España é un Estado de Dereito que debe someter as súas actuacións á legalidade, singularmente no que afecta á propiedade privada”.