A Xunta limita a menos da metade os buses interurbanos que poderán viaxar entre áreas distintas de desconfinamento

Autobuses interurbanos na estación da Coruña CC-BY-NC-SA CIG

O Goberno galego establece medidas de hixiene contra o coronavirus e servizos mínimos e máximos nas liñas de transporte da súa competencia, e recoméndaas para os buses urbanos

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade publica no Diario Oficial de Galicia (DOG) deste venres diversas medidas a aplicar no transporte público da súa titularidade, sexan buses interurbanos ou transporte de ría, a partir do próximo luns día 11 de maio. Malia solicitar a Consellería de Sanidade ao ministerio para a seguinte fase do desconfinamento unha mobilidade total por Galicia máis alá da unidade territorial que se estableza para o control da pandemia, que a Xunta quere que sexan as áreas sanitarias, Infraestruturas diferencia dous tipos de servizos de transporte interurbano en función de se desenvolven a súa actividade “dentro da mesma unidade territorial” ou “entre dúas unidades territoriais diferentes, segundo as defina a autoridade sanitaria”.

Segundo a orde publicada no DOG, que eleva algo a oferta de transporte actual reducida desde o inicio do estado de alarma e que dará pé a indemnizacións millonarias ás empresas por impedirlles cumprir as súas concesións, a partir do luns dentro dunha mesma unidade territorial de desconfinamento deberá haber unha “oferta de servizos equivalente a un mínimo do oitenta por cento (80%) en horarios punta e dun cincuenta por cento (50%) en horarios val, con respecto ao volume previsto segundo as condicións ordinarias”. Pola contra, “entre dúas unidades territoriais diferentes, reducirase o volume da oferta de servizos nun mínimo do cincuenta por cento (50%)”.

Un autobús interurbano nas rúas de Bertamiráns © Concello de Ames

A orde indica que as horas puntas son entre as 6 e as 9.30 da mañá e entre as 13 e as 16 da tarde, e as horas val o resto do día e que as empresas “poderán propoñer, cando sexa posible, intensificar a oferta de servizos nas franxas horarias de maior demanda, coa finalidade de mitigar o efecto das restricións da capacidade máxima dos vehículos”. Nada di a orde a respecto de que a mobilidade entre unidades territoriais distintas pero que se atopen na mesma fase de desconfinamento poida ser a mesma, como se se producise na mesma unidade territorial, como reclamou verbalmente o presidente Feijóo.

A Xunta fai recomendable o uso de luvas e o pagamento con medios electrónicos e, cando sexa en metálico, fixa a obriga de utilizar antes e despois os dispensadores de xel hidroalcólico que deberá haber en todos os vehículos

Ademais de establecer os servizos a prestar, a Xunta reproduce algunhas das obrigas de hixiene establecidas a nivel estatal, como a de que usuarios e persoal empreguen máscaras ou manteñan distancia, con medidas como que non sente ninguén nas prazas inmediatamente posteriores aos condutores ou se respecte a distancia xeral de dous metros entre persoas nas paradas ou ao subir e baixar dos vehículos. Os viaxeiros non poderán empregar asentos contiguos a outras persoas salvo que residan na mesma vivenda e a ocupación máxima dos vehículos será reducida á metade, ou a un máximo de dúas persoas por metro cadrado para os vehículos nos que se pode ir de pé, como os autobuses urbanos.

Tamén se establece como recomendable o uso de luvas e o pagamento con medios electrónicos e, cando sexa en metálico, fixa a obriga de utilizar antes e despois os dispensadores de xel hidroalcólico que deberá haber en todos os vehículos.

Todas estas medidas, que deberán ser comunicadas polas empresas aos seus usuarios, serán de aplicación a partir do luns nos servizos de transporte público interurbano de titularidade da Xunta, que as recomenda aos concellos que conten con servizos de transporte público urbano.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.